21:53 Sabado, 15 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-07-2020

Cando unha realidade resulta incómoda ou dolorosa, négase e xa está. Aínda que sexa contra toda evidencia científica ou histórica, e así todos contentos

Negacionismo enxebre

Valorar (23)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Negacionismo é a arte de rexeitar unha parte da realidade contra toda evidencia racional. Os negacionismos cumpren unha dupla función: unha de carácter social, a moi evidente de resultar útil aos poderosos, pois fai desaparecer da vista realidades patentes que os poidan incomodar ou cuestionar. A outra, a moi reconfortante función psicolóxica de trocar verdades inquietantes por crenzas confortábeis, moito máis doadas de asumir esobrelevar.

Cando unha realidade resulta incómoda ou dolorosa, négase e xa está. Aínda que sexa contra toda evidencia científica ou histórica, e así todos contentos. Deste xeito, entre a variada colección de negacionistas que temos ao noso dispor, podemos contar cos da redondez da Terra, os da mudanza climática, os da teoría da evolución ou os do holocausto xudeu. Ou dos holocaustos en xeral, que houbo máis de un no pasado século se contamos como tais outros que aí están mais non se ven nin se oen tanto, como o xenocidio made in USA da poboación indíxena guatemalteca no derradeiro terzo do século pasado, tan denunciado pola premio Nobel da Paz Rigoberta Menchú.

Detrás de cada un dos negacionismos hai, como non, intereses concretos e grupos de cores e intencións diversas. Por orde de aparición: chalados, bromistas e provocadores, grandes corporacións petroleiras, círculos ultrarrelixiosos, nazis e asimilados, devotos dapseudociencia ou da táctica da avestruz. Causa sensación comprobar como a Galiza é capaz de xerar o seu propio, novidoso e particular negacionismo, que é aquel que, contra toda evidencia, desmente a existencia dun conflito lingüístico a pulular entre nós. Nunha recente entrevista, o propio secretario xeral de Política Lingüística reafirmaba, mediante algún malabarismo dialéctico, a súa ideanegacionista.

Que corenta anos despois da oficialización do uso do galego no sistema educativo as crianzas que falan galego deban mudar de lingua cando se incorporan á escola (RAG, 2018). Que miles de adolescentes e xoves deban soportar escenas de violencia simbólica (Bourdieu dixit) non por falaren en galego, senón por facéreno fóra dos espazos rituais, en lugares e situacións onde, por non estar ben visto, failles perder o anonimato social e serenautomaticamente catalogados de nacionalistas o de la aldea. Que para os que non se rebelan e claudican do seu idioma oconflito lingüístico se traslade desde o plano do social até o interior da persoa, en forma de desasosego e insatisfacción. Que o feito de manterse no galego, en vez de ser tomado como unha opción natural, se converta nunha auténtica proba de lume para a vontade e da fortaleza das persoas máis novas, da que non todas saen ben paradas.  Que estexa ente nós tan interiorizado o feito de que resistir falando en galego con normalidade é para os adolescentes e para as súas familias un acto social de heroísmo, son feitos que non deben representar para os negacionistas de San Caetano evidencia suficiente de que o conflito lingüístico está aí. 

Será posíbel que, como recollen as estatísticas, unha lingua pape literalmente a outra nun tempo récord e que todo isto suceda... sen conflito? Pode ser. Na compañía de autocarros de Montgomery (Alabama) non existía conflito racial até que a Rosa Parks se lle deu por pousar a súa real vontade no asento equivocado. Aquí, a realidade está moi ben explicada e non vou ser eu o primeiro en expoñela acertadamente: na Galiza, os dereitos lingüísticos están perfectamente garantidos até o momento en que alguén se lle ocorre exercelos, pola activa ou pola pasiva. Neste intre é cando sae á luz o conflito. E, para moitas persoas, o conflito sae todos os días.

As doenzas conxúranse con diagnósticos certos. Unha covid-19 está lonxe de ser o “resfriadinho” que o Bolsonaro proclama (e así lle vai). A nosa doenza vai máis aló dunha gripe.  A Galiza non é ese pequeno e relativo paraíso, ese país que se atopa libre de certos preconceptos ideolóxicos extremos. Na Galiza —reino da hipocrisía lingüística— un negacionismo enxebre pisa moqueta, domina o pensamento e marca a axenda desde sempre. Á vista dos números e dos feitos, o fracaso daquela especie de negacionismo que chamaban bilingüismo harmónico é tan estrepitoso que dificilmente pode ser ocultado. Mais segue a camiñar zombi ao pé de todos nós. 


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña