23:16 Luns, 06 de Febreiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

28-06-2010

Un 21% da poboación galega vive por debaixo do soleira da pobreza, segundo os últimos datos oficiais

Contradicións do día a día: cada día máis crise, cada día máis ricos

Valorar (7)

PAZ ABRAIRA SOBRADO



Estes días facíase público o Informe sobre Riqueza no Mundo, que di que no Estado español, en 2009, pasouse de 127.000 a 143.000 grandes fortunas, cun crecemento dun 12,5% con respecto a 2008. É dicir, 16.000 persoas máis que pasaron a ser "grandes fortunas", que seica son as que teñen "patrimonios elevados", é dicir, con activos de investimento por encima dun millón de dólares (800.000 euros) -excluíndo a primeira vivenda e os consumibles.

Desde logo vivimos nun mundo de absolutos e inxustos contrastes, onde uns poucos manteñen sumidos na máis absoluta miseria a moitos millóns de persoas. E aínda se atreven a dicirnos que temos que esforzarnos máis, que temos que apertar máis o cinto porque non é suficiente o que fixeron até o momento, que os recortes non chegan e que hai que aumentalos!.

Quen diga que saber que cada día hai máis ricos e polo tanto tamén máis pobres sen que se lle poñan os pelos de punta, é que non ten sangue nas veas... ou é socialdemócrata.

Por certo, que entre esas novas grandes fortunas do Estado español seguro que hai representantes da patronal e tamén da clase política. Supoño que para eles resulta difícil entender que se sente cando non se dá pagado a hipoteca, cando non se poden pagar as actividades extraescolares dos fillos, cando xa non chega para comer todos os días...

Claro, cando alguén ten un patrimonio de máis de 800.000 €, esas minucias da vida non significan nada. O importante son as casas de luxo, os obxectos de colección, as viaxes a países exóticos para cazar, ou o supercasamento do ano.

E os grandes poderes pretenden facernos crer que esta crise xurdiu da nada e que aquí ninguén é responsábel dela. Eu son da teoría de que ninguén se enriquece licitamente. Podes chegar a ganar cartos e vivir ben, incluso con iso que se chama "luxo", pero desde logo licitamente non é posíbel acumular esas enormes fortunas. Sempre se fai a base de producir en países do terceiro mundo explotando sen límites os traballadores, facendo gratuíto o despedimento, eliminando os dereitos básicos de quen produce e facendo desaparecer a negociación colectiva. Así si, así si que un pode enriquecerse até eses niveis, pero desde logo non é licitamente, ou polo menos de momento a min ninguén me demostrou o contrario.

Non sei de ningún traballador nin de ningún pequeno ou mediano empresario, dos que todos e todas coñecemos, que chegase a ese nivel, e por algo será.

Pero o máis grave de todo isto é que eles, esas fortunas, son as que, coa banca, manexan os famosos Mercados, os que establecen o que sube e o que baixa, os que mandan á rúa aos traballadores/as e afogan aos autónomos, aos labregos, aos xubilados, e todo coa anuencia dos gobernos.

Europa dá noxo. As súas políticas antisociais son as da extrema dereita, e no Estado o PSOE é quen as aplica, co apoio entusiasta do PP (aínda que coa boca pequena digan o contrario). Estamos metidos nunha roda da que non é posíbel saír ben. Vannos ter xirando até facernos desfalecer, vannos seguir apertando cada día un pouco máis até que xa non haxa remedio. A reforma laboral é a nova volta de torca. Agora xa imos pagar para que nos despidan. O nunca visto!.

E mentres un 21% da poboación galega vive por debaixo do nivel da pobreza, en época de crise, medran os ricos. Medran en número e medran en riqueza. E eu pregunto, como é posíbel que unha persoa dispoña de máis patrimonio, de máis diñeiro ca un concello ou unha comunidade autónoma? Como é posíbel que isto sexa así e que non pase nada? É preciso que a sociedade civil se rebele contra este engano. Desde logo a folga xeral é unha necesidade e un dereito.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña