02:04 Venres, 10 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-06-2020

Vicente Risco, tras a imaxe dos seus catro ollos de filósofo que o caracterizaban, non era tan escurantista como a se pretende facernos ver por parte de interesados en enguedellar a súa ética e estética nacionalista

Galiza no “Mercure” de Francia: Yeats, Lebesgue, Teixeira, Risco e “Nós”

Valorar (16)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Vicente  Risco, tras a imaxe dos seus catro ollos de filósofo que o caracterizaban, non era tan escurantista como a se pretende facernos ver por parte de interesados en enguedellar a súa ética e estética nacionalista. A través das obras, da teoría e da praxe coñecerémolo, claro que e como el mesmo dicía tomando de Ortega, sempre estamos aguilloados polas circunstancias, as cousas son “asegún” asentaba. E a guerra con canto implica de terror, tortura, asasinatos e medo trastornouno todo. Tampouco queremos dicir que todo é xustificable, moito hai que revisar na historia de cadaquén e máis  nunha nación nacida dun reino con vocación imperial fronte ao Islam, abusando de reliquias dun apóstolo e da Virxe pra, tras a cruz brandir a espada. O que importa é o humanismo, o espírito, canto envolve á filosofía do ser humano, onde precisamente prenden os principios da xeración Nós.

Os escritos de Vicente Risco, moitos e quizais os máis claros, destruíronse, aínda así e polo que queda e se atopa cada día, vaise compoñendo o crebacabezas da súa memoria. E como acontece case sempre será  a través desa parte da Galiza, Portugal.Risco nun artigo da súa etapa final, datado en Decembro do 1959 “Experiencias de Portugal” - entre outras loubanzas a esta parte da Galiza, que tanto ten influído,  mesmo para os Precursores , os que como aínda non se sabe, miraban para canto acontecía na internacional cidade do Porto, a de Camilo Castelo Branco, de Eça de Queiroz– confesaba e abría camiños: “Pero o máis recóndito da alma portuguesa revelóusenos no saudosismo – coa primeira revelación que debo a un francés: o prodixioso autodidactoPhileasLebesgue, nun artigo do Mercure. – De Pouco despois data a miña relación con Teixeira de Pascoaes e con Leonardo Coimbra. Non so Portugal, Galiza mesma estaba naquel espírito, naquel trancendentalismo que aínda ten en min un adepto. Compre coñecer a significación profunda do Océano, como realidade e como símbolo, pra comprender a dedicatoria de Teixeira de Pascoaes: “ Galiza, terra irmâ de Portugal/ Que o mesmo océano abraça longamente”

O devandito abre a canto queremos compartir aquí. Pois velaí nese comentario as raiceiras de Risco e dun nacionalismo que maduraba nun bosque de “ismos”,decadentismo,simbolismoentre os que se furgaba e que mesmo irán configurando as diferentes facianas do Modernismo. Cuestións que latexan e se expurgan nas  nas páxinas do“Mercure”  ás que sempre recorre Risco.Histórica revista francesa nacida xa no século XVII baixo principios exóticos que iran madurando coa revolución volteriana, no 1896retomada e editada por un personaxe singular, seguidor de tradicións culturais, literarias e mesmo teosóficas que xa caracterizaba a esta publicación, na que participaban os grandes da literatura francesa.  Ese senlleiro creador e activista  foi PhileasLebesgue, recoñecido como “Gran druída dos Galos”.

Como xa dixemos Risco revisa e comparte o aprendido no Mercurenos anos de estudo en Madrid, entre 1913 -1916, onde coincide con varios dos seus íntimos inseparable que configurarán Nós. Mozos cunha fonda formación, si ben os ourensáns  levaban a impronta recibida de Marcelo Macías, nunha formación arredor da Comisión de Monumentos, parladoiros nos que participaba Xulio AlonsoCuevillas, Vázquez Nuñez...o mesmo Curros... Mesa redonda na que, segundo recorda o mesmo Risco, tanto se falaba dos “anticuarios”, como dos modernistas de Irlanda e dos controvertidos dadás.  Coñecementos que nosmadrileños anos de formacións   “internacionalizanse”  aínda máis, coa lectura de revistaque consultaban no Ateneo de Madrid , temas que logocomplementaban en parladoiros como o do Café Liond´Or” a carón da porta de Alcalá e tan nas biografías de orixinais persoeiros.

Nas páxinas de e a través de Lebesgue internacionalizábase a  Renacença Portuguesa e conseguintemente teorízase sobre a parte que  lle tocaba á Galiza irmán dentro de Iberia.  Comentarios arredor da identidade, da consabida e singular lírica galega  do século XII ao XIV , pero tamén á obra das distintas xeracións de autores galegos  de entón, Curros, Lamas Carvajal, Pondal, Rosalía,Noriega Varela, Cabanillas, López Abente.....e  xa dende o momento no que a agudeza de Risco se pon en relación con Lebesgue, o 1919,abóndase na temática e conseguintemente na causa nacionalista galega, con canto implica reconstruír a identidade, a literatura, a arte,  mesmo a semiótica, a linguaxe das formas.

Yeats e a Renacenza Irlandesa na base Romántica pasando polos “inadaptados”, “Á rebours
Páxinas de carácter intelectual dentro do elitismo que singularizaba a época  e á sombra de canto ía madurando  dende o Rexionalismo ao  Nacionalismo. Un referente ao que mirar era a loita de Irlanda pola súa Independencia, fora pra Alfredo Brañas, pra Eduardo EduardoPondal, praVicetto,pra Murguía e seguirao a ser para Risco, tamén levado ás páxinas de Nós. Eirín, seguida e representada a través da figura exquisita, dandi,  panteísta, nacionalista, neoceltista cristián e mesmo teosófica do dublinés W. B. Yeats (1865-1935) e de canto significaba o modelo do seuRenacemento Celta Irlandés, do que tamén toma nota aRenaceça Portuguesa , bases da galega. Sentir que fía cos movementos galos, exquisitos, exóticos, atractivos para os mozos, como o encabezado poloparisinoJopris-KarlHuysmans, pesimista, seguidor da filosofía de Schopenhauer , autor de “Á rebours”, isto é “ a contrapelo” ou “ao revés”, novela inspirada no extravagante aristócrata Robert de Montesquiou , prototipo do simbolismo decadentista,  inadaptado, diferente ...mesmo egoístas, seguidores tamén das tendencias da revista  londinenseTheEgoist, onde escriben referentes como o irlandés Joyce e T. S. Eliot.  Individuos  que buscan a singularidade, que mesmo chegan á depredación intelectual ou sexual, comportamentos con amplas doses de sedución intelectual.

Entre os temas preferidos estaba o esoterismo, que tamén enreda as tendencias céltica, común no Yeats irlandés, metido en seitas teosóficas, interesado nas practicas nigrománticas da Blavatsky , autor ademais do “Crepúsculo Celta” de  “A visión”  de tema ocultista. Persoeiros afíns a prácticas máxicas celtas coas que tamén comulgaba o prototípico dos individuos “contrapelo” ou “inadaptados”  Huysmans,, será autor de “Ao lonxe”, sobre o tema dos fantasmas... Asuntos nos que bebe e ben un Risco sempre inadaptado como el mesmo se define, autor da “Biografía do Demo”, asuntos que atraen  ao mesmo Castelao. Temas célticos e de maxia tratados en Atlantis, revista procurada por Risco, seleccionando mensaxe nun camiño: a identidade céltica..

Risco bebe nestas fontes, especialmente en Lebesgue, as que se manifestan na revista que dirixe,  “Nós”.  Debemos dicir e compartir que chegamos a estas conclusións a través da publicación  portuguesa “Portugal no Mercure de France. Aspectos literarios, artísticos, sociais de fins do século XIX a medados do sec. XX”. Tradución e coordinación de Madalena Carretero Cruz e Liberto Cruz, Roma Editora, 2007, Lisboa. Proba de que Portugal tivo e ten ansia de buscarse e ser a través de Europa e nós decatarmos de,que Galiza se atopa da man de Portugal nunha inseparable  historia común. Mesmo como proba as editoras e librerías lisboetas e portuenses, entre elas Lello e Irmâo  - abertas a lusofonía, dende o brasileirismo ao galeguismo - esta  como unha catedral de saudades e fantasías celtas  para unha Renacença na que se incluía Galiza.

Páxinas do Mercure nas que están moi presentes os referentes do romanticismo luso, os fecundos escritores Castelo Branco, Eçá de Queiroz,  o arqueólogo Leite de Vasconcelos...onde atopamos comentarios á singular obra de Fialho de Almeida (1857-1911), autor da revista mensual“Os gatos”,onde se retrata unha sociedade que se comporta como felinos. Tema que tivo que atraer a un Risco obsesionadoque se dicía capaz de escribir unha gatopedia. Tema, inseparable da teosofía e que mesmo inspirou a Castelao para ese guasch, misterioso, que regalou a Otero Pedrayo e colga no salón da Casa Grande de Trasalba: “O souto dos Gatos” e ao que xa nos temos referido noutras ocasións. 

Internacionalización da teoría e da praxe nacionalista galega das mans de Portugal
 
Mercure recolle crónicas referidas a Portugal e a Galiza da man de varios autores, as máis abundantes do referido lusófono da Picardía,PhileasLebesgue (1869-1958). Polígrafo, animador, viaxeiro interesado en coñecer canto el enxertaba no tronco das culturas celtas, as do occidente atlántico europeo. Universoonde a lóxica histórica pasa inevitablemente por Galiza. As referencias a Les lettresportuguaises ocuparon boa partedas páxinas deMercure, unha reviste que fai uso dos principios franceses,  volterianos, dos que tanto gustaba Risco, libre e liberal,  máis difundida a partires de 1896 e ate 1940 cando os alemáns interrompen a  publicación. De todos xeitos entre 1947 e 1951 Lebesgue asina aínda crónicas , candoxa tiñan pasado tantas cousas cos seus amigos e colaboradores, afíns buscadores do espírito céltico.

Philéas proven dunha familia de labregos da Piacardia, cultos e lectores, xa se denota  mesmo polo nome de filósofo grego co que bautizan ao seu único fillo. Alternará o traballo do agro coa poesía, literatura impregnada de mundo bucólico e rural, por algo era coñecido tamén como o Virxilio dePicard,  membro sobranceiro do Collegebardique des gaules que o nomea como “gran druida dos galos” polas súa reivindicación da cultura e do  idiomabretón, no que escribía.  Xa dende neno afeito aos temas lusos, lector marcado por os Lusiadas,  sendo dos primeiros no estranxeiro en recoñecer e espallar o xenio de Fernando Pessoa Republicano, laico, metido na política local, alcalde do concello de La Nauville- Vault.  E cavilamos e facemos un paralelismo co poeta de Orthez, no Bearn,  
Francis Jammes, como outro bardo, que tanto inspiraría na nosa contemporaneidade a Manuel María.
Phileas tenta asentar as raiceiras célticas, conformadas por mitos, tradicións e arqueoloxías, por xeitos de ser que definen e singularizan unha cultura como aporte universal. E velaí un autodidacta, teimudo en leer en todas as linguas da vella Europa, buscando o sentir atlántico, o panceltismo, enredado na  saudade, como remol dunParaíso  perdido. Tema que inevitablemente  leva ao ciclo artúrico,  á materia da Bretaña, tan patente neste autor e  retomada polo galeguismo por canto implica a Galiza. E velaí arredor do que se esvae a teoría do sebastianismo, o mesdianismo, o humanismo... sentimentos que di  “tem un corpo ibérico, máis un sangue semítico e bretâo”. As coincidencias coas teorías dos Precursores, comúns na Europa daquela, con Vicetto , que pasan por Pondal e máis racionalizadas por Murguía, fanse evidentes. Pero todo está nun proceso de devalar, de madurez humanista.

Lebesgue foi convidado a visitar Portugal no 1911, recibido en Lisboa polo Presidente da República Teófilo Braga que o nomea “Cidadao honorario de Portugal . É nesta viaxe cando se atopa casualmente nun barco en Leixôes con Teixeira de Pascoaes. De aí partirá unha fecunda e interesante colaboración.

Lebesgue  retorna a Portugal no 1923  e segue unha terceira visita, coñeceu ben o Norte e o Amarante de Teixeira, como tamén o coñeceron e participaron naqueles parladoiros, Unamuno,Noriega Varela, Cebreiro ou Risco... interesado sempre por unha Galiza que tiña en mente, a das cantigas, de Rosalía e de  Murguía, do lusismo. O saber e as ideas de Phileas espallouse por revistas cun fin común ao tan imitado Mercure,como Aguía (1914), Atlántida (1917), Le bulletin des étudesportugaises (Lisboa 1932-37), O Instituto, o Mundo (1915), Prometeu (1948) Seara Nova...e con Risco  a revista “Nós”, ourensán co que Lebesgue mantivo fluída correspondencia, gardada e estudada nos arquivos da Sociedade de Amigos de Lebesgue de Neauville- Vault.

Panceltismo, atlantismo aureolado de saudade . A recuperación dos Paraísos perdidos
 
Panceltismoque teorizaba e envolve entre saudades, ben recibido como exótico,entre os que máis  quen xa o levaba prendido no seu aprendizaxe polas lecturas deVicetto e Murguía, referímonos a Vicente Risco e pola banda portuguesa a Teixeira de Pascoaes e os discípulos e discípulas deste, entre eles SuzanneJeusse impregnada dese mesmo atlantismo ético e estético que nunca abandonou Risco e sobre o que teorizaba  entre “artistiñas”  no parladoiro ourensán da taberna de “O Volter”.

Nas páxinas do Mercure de agosto de 1910 Phileas sinala aspectos do tronco común inseparables entre Galiza e Portugal,  arredor do que persiste a revista:”A arte portuguesa, nos seus comnençosnâo se pode separar da arte galega”.... A Galiza e Portugal sâo as duas partes integrantes de uma mesma raçá organizada polo mesmo clima marinho, falando a mesma lingua e trasmitindo as mesma tradiçôes, vivendo os mesmos costumes”. Conclúe que a fábrica da catedral compostelán vencellou  artistas e sentires que se espallan polos camiños dunha Europa que se fai... como proba a lírica galaica do século XIII que adorna a cultura universal.

A arte ten, o universo das formas,  a arte dasrenacenças ofrece enMercure  interesantes análises, os que se poñen en simbiose con toda creación . Como en Risco,  estética e teoría da cultura  son temas aos que lle da voltas e sobre os que na actualidade teñen tratado os profesores Olivia Rodríguez- Tudela González e Alfonso Vázquez-Monxardín . Asuntos que abren a unha tese centrada na teoría da arte en Risco sobre a que está a Historiadora da Arte, Iría-Friné Rivera, a que desexamos chegue canto antes ao mellor porto. Sentimento de Risco que se fai tradición e como estas “transita”, para pasar  a moitos creadores galegos e desembocar no Laboratorio de Formas de Galicia con canto significaronIsaac Díaz Pardo e Seoane,  continuadores nesa busca da linguaxe artística dun pobo.
Animismo, panteísmo, orientalismo, saudade “É por simpatía cósmica que a nossa alma transborda fora de nós propios, para inundar de amor as coisas mortas que toman vida” , as sagas, o sentir polo que se perde, o lazo oriente occidente, discurso no que entraRabindranathTagore , como xa tiña entrado no irlandés W. B.Yeats e por suposto sempre en Risco, ao fin e ao cabo sentíase que no extremo Occidente hai unha fonda confluencia de Oriente, a través do mundo céltico, indoeuropeo, ario.  Manifesta no panceltismo por esa interacción paisaxe-paisanaxe que xa na alta Idade Media se pon como herdada do druidismo céltico en Prisciliano ou nos cristianizadores irlandeses, como Patricio, para nos anos góticos ser retomada polo franciscanismo. Un tema moi no debate pra expurgar demos.

En Outubro do 1920 noMercure  recóllese entre tantos outros este expresivo párrafo“Assim, o nosso excelente amigo Vicente Risco, pariota galego e pensador de grande envergaduira, pôde sen excitar o nossocepticismo, revelar-nos certas particularidades do folclore do seu pais celto-luistano. Alí onde o río Limia ten a súa nacente, no pequeno Lago de Antela, unha cidade onde Reinaba noutrora o Rei Artur, tería sido submersa, e por vezes, á noite, escutar-se-iatocare os sinos. O Santo Greal sería originario de Galiza. O Montxalvat encontrarse-ia no cimo do monte Cebreiro na provincia de Lugo. Parsifal...”. Velaí agromando as confluencias.Pra seguir naqueles anos de consolidación do nacionalismo galego apuntando “ Na Galiza a revista Nós, sob a direcçao de Vicente Risco, planta as estacas do nacionalismo Galego” (Outubro 1921). A máis de abondar na cerna de Nós comezan as referencias a novos creadores, a Lugrís Freire, a Leandro Carré, Xaime Quintanilla, VictorianoTaibo, Suárez, Amado Carballo, Blanco Amor, Picallo , Aquilino Iglesias, Bal y Gay, Madariaga incluso, nomes que se fan comúns en novas revistas como Céltiga...

As relacións entre Galiza e Irlanda son tema constante en Nós  e no Mercure, mesmo no  número de abril do 1922 advírtese “Nós traduzSinn- Fein, e é preciso ter cuidado”. Nós e os seus fins internacionalízase da man de Portugal e de Lebesgue. A guerra tentou atuar aqueles vellos camiños,aos que sempre se volve e compre liberar e anovar pra SER.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña