20:14 Venres, 10 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-06-2020

Ventura Elvira Fariña Souto nace o 5-6-1864 na rúa Campo de San Agustín, nº 10, da cidade da Coruña, filla de Pedro Fariña Arévalo, natural de San Pedro de Crendes (Abegondo), panadeiro de profesión

Mulleres masonas na cidade de Lugo no século XIX: Ventura Elvira Fariña Souto

Valorar (5)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Ventura Elvira Fariña Souto nace o 5-6-1864 na rúa Campo de San Agustín, nº 10, da cidade da Coruña, filla de Pedro Fariña Arévalo, natural de San Pedro de Crendes (Abegondo), panadeiro de profesión, e María Souto Fernández, de San Martiño de Tabeaio (Carral). Os avós paternos eran Benito Fariña e María Arévalo, de Crendes, e os maternos José Souto e Ana Fernández, de Tabeaio. A nena será bautizada na igrexa de San Nicolás (partida nº 574). (Os datos de nacementos ou padróns tomámolos da web www.familysearch.org)

Transcorren algúns anos. No Padrón da Coruña de 1877, [máis con datos de xaneiro de 1879] na residen na "Calle de las Bombas", nº 4, baixo. Os tres aparecen como transeúntes; levan catro meses na cidade. Descoñecemos de onde procedían.

Cinco anos despois, 1882, seguen nese mesmo enderezo. Ventura figura con 17 anos, está solteira e é costureira. Non saben ler nin escribir.

Por último, no Padrón de 1886 aparecen residindo na rúa Cartuchos, nº 33, 1º. Agora Ventura aparece como dedicada á súa casa, e non le nin escribe, o mesmo que os seus proxenitores.

Quizais neste mesmo ano, ou no seguinte, Ventura casa con Félix Carralbal García -non sabemos se na Coruña ou en Lugo- e pasa a residir na segunda cidade. El, como veremos, traballa nas Oficinas Militares. Nun anuncio de prensa, vemos que se publicita como modista. Reside na "Plazuela del Obispo Izquierdo, 13". (El Lucense, ano IV, nº 902, Lugo, 17-10-1887, p. 3, e días seguintes).
O seu esposo, Félix, era francmasón. De nome simbólico Kaibar, fixo parte da loxa "Moreto nº 230" de Lugo (1887-1891/1895), -que presidía o xornalista Manuel Castro López-, do Gran Oriente Nacional de España (GONE), da que foi secretario (1890) e tesoureiro (1891). Ostentaba o grao 15º. Foi un dos fundadores do Capítulo Lucense Agustiniano nº 74 (1889-1891), sendo o seu secretario nese período, e tamén pertenceu ao Capítulo Provincial de Lugo (1889-1892), no que foi vogal (1889-1891) e secretario (1892). (Alberto Valín Fernández, Galicia y la masonería en el siglo XIX, Sada 1990, páxs. 361-362, 586; Boletín de procedimientos del Soberano Gran Consejo General Ibérico y Gran Logia Simbólica Española, nº 23, Madrid, 15-12-1890, páxs. 9-10; Alfonso Santos Alfonso: La sublevación militar en Lugo, Sada, 1999, páxs. 353-354, reproduce en facsímile un cadro lóxico do Capítulo Lucense Agustiniano nº 74, do GONE; datado o 1-1-1891, no que vemos que Félix iniciárase o 15-3-1887 e obtivera o grado 15 había uns días, o 29-12-1890; vivía na rúa Castillo, de Lugo, e tiña 36 anos -tería nacido, pois, ca. 1854-).

No Centro Documental da Memoria Histórica de Salamanca consérvase o seu expedente persoal masónico, de 3 folios. Leva a sinatura ES.37274.CDMH//SE-MASONERIA_B,C.427,EXP.4.




Tamén Ventura ingresaría na francmasonería, na citada loxa "Moreto nº 230". O seu nome simbólico sería María Pita -en alusión, sen dúbida, á súa cidade natal- e chegaría ao grado 2º. En 1891 era membra honoraria da loxa. (Valín, 1990: 359; Santos, 1999: 63; Natividad Ortiz Albear: Mujeres masonas en España: diccionario biográfico (1868-1939), Santa Cruz de Tenerife, 2007, p. 408, di que fixo parte da loxa en 1888, 1889, 1891; chámaa "Buenaventura").

A outra muller integrada na "Moreto nº 230" foi Ramona de la Peña Salvador, esposa de Manuel Castro López, co que casara en xullo de 1885. (Gaceta de Galicia, Santiago, 10-7-1885, p. 2). Mais a súa traxectoria vital é máis coñecida. Mentres, os pais de Ventura seguiron residindo na Coruña, na citada rúa de Cartuchos nº 33: vémolos nos Padróns de de 1889 e 1894. Mais logo deberon marchar a Lugo (non sabemos se os dous, ou só o pai) porque este morre nesa cidade o 27-3-1898, facéndose función de enterro na parroquial de San Froilán. Vivía en Estación, nº 2. (El Regional, Lugo, 26-3-1898, p. 1; La Idea Moderna, Lugo, 27-3-1898, p. 3). 

A vida da parella Carralbal-Fariña transcorre con normalidade. Ela debe seguir coa súa profesión de modista, mentres que Félix é ascendido en 1895 a escribinte segundo do Corpo Oficial de Oficinas militares (El Lucense, Lugo, 23-3-1895, p. 3), sendo destinado ao Goberno militar de Lugo. (El Correo militar, Madrid, 2-11-1895, p. 3; El Regional, 5-11-1895, p. 2).

Ao ano seguinte, o 31-8-1896, falece a súa nai, Manuela García Miranda, viúva. Tiña 74 anos e deixaba varios fillos: Filomena, Félix, Manuela, Jesús (carteiro maior de Lugo), Ascensión e Cándido. Residía na Praza do Bispo Izquierdo, nº 13. (El Eco de Galicia, 31-8-1896, p. 3; El Regional, 1-9-1896, p. 2-3). O seu esposo, Félix Carralbal Montes, xa falecera en 1890. (La Correspondencia de España, Madrid, 30-9-1890, p. 2).

En 1897 Félix seguía destinado en Lugo, no citado Goberno militar. (El Regional, 30-4-1897, p. 2). Será ascendido a escribinte de primeira clase e destinado ao ministerio de Guerra, mais continúa, en comisión, no Goberno militar de Lugo (El Lucense, 31-8-1897, p. 3; El Eco de Galicia, Bos Aires, 30-9-1897, p. 6). Mais, no mes de decembro, pasa xa ao Ministerio da Guerra. (El Regional, 25-12-1897, p. 3). Non sabemos se chegou a marchar a Madrid un tempo ou seguiu en Lugo. O certo é que no Padrón da cidade de Lugo do ano 1900, en Praza de Santo Domingo, nº 12, residen Ventura Fariña, de 32 anos, casada, esposa, 32 en Lugo, le e escribe; Ángel Carralbal, de 5 anos, fillo, non le nin escribe; e dous serventes, naturais de Lugo, solteiros e analfabetos: María Luaces, de 30 anos, e Antonio Sánchez, de 16 anos. "Nota: El Cabeza figura en la hoja colectiva del Gobierno militar". (Datos idénticos noutro Padrón de 1900-1901).

Neste mesmo ano encontramos a Félix adheríndose e inscribíndose como socio, na provincia de Lugo, nunha Sociedade de Tiro Nacional. Figura como "Escribiente l.ª del Cuerpo de O. M." (El Correo de Lugo, Lugo, 11-7-1900, p. 2; La Idea Moderna, 11-7-1900, p. 2; La Nación militar, Madrid, 15-7-1900).

No ano 1901 vemos unha noticia na que se nos informa que, con data 24-6-1901, Félix remitira ao Ministerio unha instancia na que solicitaba que se introducisen no vixente regulamento do mencionado Corpo "algunas modificaciones que el interesado considera beneficiosas para los de su clase"; mais a súa petición sería desestimada. (Diario Oficial del Ministerio de la Guerra, Madrid, 9-7-1901, tomo II, p. 65; La Idea Moderna, 12-7-1901, p. 2).

Aínda en activo profesionalmente, Félix Carralbal García falece en Lugo o 28-12-1906, logo dunha longa e penosa doenza. Encabezan a súa esquela o xeneral Gobernador militar da Praza; a súa viúva, Ventura Fariña; irmáns, irmáns políticos, sobriños e demais familia. Faríase función de enterro na V.O.T. (igrexa da Soledad) e logo conduciríase ao cemiterio. Vivía en Praza de Santo Domingo, nº 23. O bispo da diócese concedeu 50 días de indulxencia "en la forma acostumbrada". (El Regional, 29-12-1906, p. 3; El Norte de Galicia, Lugo, 29-12-1906, p. 2; La Correspondencia Gallega, Pontevedra, 2-1-1907, p. 3; La Voz de Galicia, A Coruña, 5-1-1907, p. 2). O seu fillo Ángel debeu ter falecido entre 1901 e ese ano.

A Félix faríaselle cabodano en 1907. (El Regional, 27-12-1907, p. 3). Logo desta data, descoñecemos que foi de Ventura Fariña.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña