22:08 Venres, 10 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-06-2020

Na Idade Media, os aínda reducidos coñecementos da ciencia médica permitiron emprender algunha reacción máis racional contra as pestes

Tempos de pandemia

Valorar (12)

EDUARDO ÁLVAREZ


Tucídides, na Historia da guerra do Peloponeso, narra como a peste que asolou a Ática a comezos do último terzo do século V a. C. acabou coa vida de varios miles de atenienses no medio da guerra que mantiñan nese momento contra os espartanos. O propio Pericles, en 429 a. C., foi unha vítima máis daquela pandemia.

Na Idade Media, os aínda reducidos coñecementos da ciencia médica permitiron emprender algunha reacción máis racional contra as pestes. Cando no outono de 1.347 arribou a Messina unha frota procedente de Crimea e comezou a expandirse o patóxeno que en catro anos acabou cun terzo da poboación europea, xa existían recomendacións de varios médicos para reducir os efectos dos contaxios, entre elas as contidas na epístola Regiment de preservació de la pestilencia do médico catalán Jacme d’Agramont, dirixida ao concello de Lleida, na que recomendaba, entre outras medidas, o confinamento, a desinfección, a limpeza e a ventilación das rúas e das casas. Coñecedor o poder político das consecuencias terríbeis desta peste negra, desde moi pronto as autoridades van crear institucións e órganos encargados da inspección dos barcos que arribaban aos peiraos, do establecemento de estritos períodos de corentena para os seus tripulantes e para as mercadorías transportadas e van estabelecer tamén delegacións destes órganos pola xeografía dos territorios para evitaren a expansión das enfermidades contaxiosas.

En 1.477, os Reis Católicos, centralizando a organización sanitaria das coroas de Castela e Aragón, crean o Real Tribunal del Protomedicato, que, con diversas transformacións, estendeu a súa actividade até 1.822. As principais actividades deste Tribunal consistían no control do exercicio profesional por parte dos físicos (médicos), cirurxiáns, ensalmadores (especialistas en fracturas e escordaduras), boticarios, especieiros e herboristas. Actuaba na represión da intrusión e exercía a función examinadora dos aspirantes ao desempeño da actividade outorgando as licenzas e investigando as denuncias por mala praxe e intrusión. O Protomedicato era tamén o encargado de ditaminar se as persoas que padecían lepra debían ser internadas nos lazaretos.
A loita contra as epidemias e enfermidades infectocontaxiosas constituíu unha preocupación prioritaria no século XVIII porque este tipo de doenzas afectaban tamén os estamentos da aristocracia e mesmo os membros da Coroa. A este propósito podemos recordar que o rei adolescente Luís I, fillo de Felipe V, morreu vítima da varíola e que Bárbara de Braganza, infanta portuguesa e futura raíña consorte de España desde o casamento co rei Fernando VI, conservou o rostro marcado desde os catorce anos en que padeceu esta doenza. Neste século, continuando co espírito centralizador borbónico, encargóuselle ao Protomedicato a xestión das enfermidades transmisíbeis e para isto creouse tamén, en 1.720, a Junta Suprema de Sanidad con competencias inicialmente dirixidas ao control marítimo e terrestre para evitar a expansión da terríbel peste que nese momento se expandía desde Marsella. En 1.751, Fernando VI promulgou unha ordenanza que estabelecía que fosen de declaración obrigatoria as afeccións hécticas, tísicas e outras contaxiosas. O médico debía avisar o alcalde quen, trala morte do enfermo, dispoñería a queima das súas roupas e móbeis. Pouco despois, fixáronse medidas máis ríxidas para que o Protomedicato controlase estes procedementos de declaración das enfermidades contaxiosas sobre as que as autoridades debían tomar as actuacións procedentes. Neste mesmo século XVIII creáronse as academias de medicina por iniciativa de médicos ilustrados que orientaban os seus coñecementos á praxe baixo principios científicos. Á Academia Médica Matritense, en 1.870, adscríbese o Instituto Central de Vacunación, institución que tiña como obxectivo a difusión da vacina antivariólica. Segundo o seu regulamento de 1.876, a fabricación e distribución da linfa vacinal era proporcionada de balde a todas as persoas capaces de acreditar a condición de pobreza ou, en caso contrario, a un prezo de 2,5 pesetas por unha vacinación directa da tenreira de brazo a brazo, de 3 pesetas por un tubo de linfa animal ou humanizada, de 2 pesetas por un cristal de características similares á anterior e de 15 pesetas por unha costra seca de tenreira. En 1.894, este instituto pasou a denominarse Instituto Nacional de Higiene. Por mor da aparición de varias epidemias de cólera en 1.899 en Portugal e Italia, creouse o Instituto de Sueroterapia, Vacunación y Bacteriología Alfonso XIII, que tiña como obxectivo a realización de investigacións científicas de carácter sanitario a imitación de organismos similares existentes noutros países europeos. Na actualidade este cometido recae no Instituto de Salud Carlos III.

Até ben entrado o século XX, estas enfermidades constituían a primeira causa de morte da poboación e foron as principais responsábeis da reducida esperanza de vida das sociedades europeo-occidentais. Esta mortalidade catastrófica era producida pola varíola, o cólera, a malaria e outros procesos infecto-contaxiosos que os médicos da época recollían baixo o nome de febres (pútridas, epidémicas, malignas, continuas, inflamatorias...). A medicina carecía de remedios eficaces fronte estas enfermidades, que non foron combatidas de xeito eficaz até o desenvolvemento da doutrina bacteriolóxica e o descubrimento das vacinas, soros e antibióticos. No caso da varíola, foi a responsábel da elevada mortalidade da poboación infantil e xuvenil en diversas vagas de andazos, nomeadamente dos anos 1.776, 1.778, 1.780 e 1.782. No primeiro deles, a varíola cebouse en Galiza, onde na cidade de A Coruña a mortalidade ascendeu ao 50 por cento da poboación. Foi nese momento cando O’Scanlan, médico do Real Hospital da Mariña de Ferrol, decidiu a inoculación á poboación sa de pústulas pulverizadas e disolvidas en auga, extraídas dos doentes de varíola máis benignos. Esta decisión é considerada como unha das primeiras inoculacións documentadas, feito que lle ocasionou sona a O’Scanlan en todo o Estado conseguindo que diversas personalidades da aristocracia ilustrada lle solicitasen este remedio para os seus propios fillos e que lle valeu o seu ingreso na Real Academia Médica Matritense, cuxo discurso de ingreso constitúe unha entusiasta defensa da inoculación e da necesidade de que os poderes públicos a propaguen entre a poboación, pois “el bien particular y el bien público son dos objetos que todos debemos procurar: la inoculación conduce a ambos, con especialidad al segundo, al cual todo lo demás debe subordinarse, pues Salus populi suprema lex est”.

En 1.798, o médico británico Edward Jenner consegue a vacina contra esta enfermidade. Dous anos despois, o doutor catalán Francesc Piguillem inocula en 1.800 en Puigcerdà a primeira vacina da varíola na Península. En 1.803, desde A Coruña partiu a sonada expedición dirixida polo doutor Francisco Javier de Balmis para trasladar as vacinas polos dominios do imperio español servíndose de vinte e dous nenos, de entre tres e nove anos, procedentes da Casa de Expósitos coruñesa e mais de Santiago. Esta acción, considerada por moitos como unha fazaña filantrópica, serviuse, iso si, da descarnada explotación infantil de seres humanos desherdados da sociedade que nin tan sequera foron repatriados aos seus lugares de orixe unha vez cumprida a misión no continente americano.
Mentres tanto, os médicos empregaban un arsenal de recursos terapéuticos totalmente ineficaces, e só o illamento dos enfermos e as medidas preventivas dirixidas a evitar a difusión das epidemias (lazaretos, corentenas e cordóns sanitarios) eran capaces de frear os seus estragos. Por outro lado, o número de sanitarios era moi escaso e, no medio rural, practicamente inexistente. Esta deficiencia de profesionais propiciaba a intrusión de persoas carentes de formación como os numerosos barbeiros e cirurxiáns sangradores que nos presenta a literatura.

A asistencia sanitaria gratuíta só se dispensaba a través da beneficencia que, nun principio, era xestionada polas parroquias co desprazamento do persoal sanitario aos domicilios dos doentes. Como este sistema fracasou, coa mesma finalidade, nas cidades creáronse as Casas de Socorro seguindo o modelo da de Madrid, a primeira en ser creada. Nelas dispensábase consulta diaria e gratuíta aos doentes que o solicitasen e acreditasen a súa condición de pobreza e tamén a calquera outra persoa en caso de accidente fortuíto.

Galiza sufriu no XIX dous graves andazos de cólera. O primeiro, nos anos 1.833-34, entrou polo porto de Vigo a través dun buque inglés e, malia as medidas tomadas pola Junta Suprema de Sanidad, o contaxio estendeuse polo litoral da cidade. Outro buque levouno á vila de Muros causando varias vítimas. No ano 1.834 penetra polo Camiño real desde León e afecta as poboacións de Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, onde se estabelece un lazareto, segue pola Fonsagrada, Mondoñedo e chega a Ribadeo. Nos anos 1.853-54 entra tamén polo peirao de Vigo o segundo andazo de cólera que, ademais das vítimas que produce, xerou un acedo debate entre as posicións defensoras da saúde da poboación fronte ás Xuntas de Sanidade de Vigo e Redondela que, subordinando os intereses sanitarios aos económicos, se negaron a declarar a enfermidade. En 1.854, a epidemia chegou á cidade da Coruña, que sufriu un elevadísimo número de vítimas que, segundo distintas estimacións, oscilan entre as 2.500 e as 5.800 persoas.

No tránsito do século XIX ao XX, desde que en 1.882 Robert Koch descubrira o bacilo, maniféstase unha especial preocupación polo tratamento da tuberculose por ser a causante da elevada mortalidade. Mais, como esta enfermidade está asociada á pobreza e non presenta risco para os ricos e as clases acomodadas, non mereceu a atención dos poderes públicos. Relacionada coa desnutrición e a falta de hixiene nas vivendas, cebábase na poboación galega e, con especial incidencia, entre os emigrantes retornados de América. Esta é a razón de que as actuacións contra esta doenza fose promovida pola iniciativa privada. En 1.860, Eduardo Pondal, alumno daquela da Facultade de medicina, imparte unha conferencia na Academia de Medicina baixo o título La tisis pulmonar y su contagio. En 1.889, o médico nado na freguesía de Penarrubia Antonio Correa presenta na Universidade Central de Madrid a tese Hospitalización de los tísicos o tuberculosos pulmonares, que, ao ano seguinte, publica en Lugo. En 1.893, Pedro Gasalla González publica tamén nesta cidade a tese para o doutoramento Los cafés, considerados como una de las causas principales de las tuberculosis. Hai que agardar a 1.901 para que sexa considerada como enfermidade de declaración obrigatoria. Na cidade de A Coruña, ábrese o Dispensario antituberculoso en 1.906 e en 1.910, o Sanatorio Marítimo de Oza, establecemento que acollía nenos con predisposición a contaxiárense. Un dos pioneiros na loita contra a tuberculose foi o médico compostelán M. Gil Casares (1.871-1.931). Introduciu os primeiros tratamentos eficaces, rexeitou por inútiles vacinas que outros defendían, considerou o ambiente como un elemento no desenvolvemento do mal e difundiu a radioloxía como método diagnóstico. En 1.925, organizou o primeiro Congreso Regional Antituberculoso Español, celebrado na Toxa e Mondariz, e promoveu a creación do sanatorio da Lanzada para nenos con tuberculose extrapulmonar e doutro no concello de Cesuras. A prol da construción deste segundo, en 1.924, Antón Vilar Ponte realizou un chamamento público á unidade de toda Galiza no proxecto e solicitou a colaboración das comunidades de emigrantes xa que «a emigración tróuxonos e segue traéndonos os principais focos de contaxio da peste branca para os nosos verdes campos paradisíacos”. Mais, por falta de colaboración institucional, as obras ficaron paralizadas e, desde 1936, este edificio modernista encóntrase en estado de abandono comesto pola vexetación como testemuño de que a presenza da tuberculose non era unha ameaza para os poderes socioeconómicos como sucedía con outras enfermidades epidémicas.

A asistencia sanitaria pública e universal recoñecida como un dereito ten moi poucos anos de existencia na nosa historia, mais a preocupación dos gobernantes por evitaren a propagación das epidemias sempre existiu fundamentalmente porque este tipo de doenzas tamén afectan a saúde dos poderosos e os seus grandes intereses políticos e económicos. Unha pandemia acabou co Imperio ateniense de Pericles. O Imperio romano endexamais se recuperou da peste antonina do inverno dos anos 165-66, que afundiu a súa economía e decimou o seu exército, e a peste cipriana do século seguinte destruíu o que lle quedaba. E cando Xustiniano quixo reunificar o Imperio, bateo cunha descomunal peste que converteu Constantinopla nun enorme cemiterio. Os efectos sobre a saúde da covid-19 xa os coñecemos. Mais, ¿que outras consecuencias traerá neste imperio globalizador?




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña