21:12 Venres, 10 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-06-2020

Temos diante un grave perigo para liberdades moito máis importantes que poder tomar unha cervexa nunha terraza ou ir a un centro comercial

A Nova-Vella Normalidade

Valorar (10)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


En diversas ocasións téñome referido ao éxito da frase “refundar o capitalismo” pronunciada por Nicolás Sarkozy en setembro de 2008 no inicio da crise financeira internacional, frase popularizada meses máis tarde por un Barack Obama acabado de chegar á presidencia dos Estados Unidos, que en abril de 2009 nun cumio do G-20 celebrado en Londres levantou a bandeira dunha necesaria refundación do sistema capitalista baixo supostas bases éticas. Van alá máis de dez anos e o capitalismo podemos dicir que se refundou pero dun xeito máis cruel aínda, aumentando os beneficios dos poderosos, arrebatando dereitos económicos e sociais, xeneralizando a precariedade e interiorizando en grande parte da sociedade que a perda era inevitábel.

Nesta etapa que chamamos do covid-19 estase facendo moi popular outra expresión, a da “nova normalidade”, que moita xente pode considerar orixinal de quen dirixen a política de comunicación do goberno do estado español, pero non o é. Estamos diante de unha expresión presente nas intervencións dos membros de moitos gobernos occidentais, de creadores de opinión e dos consabidos “expertos” que sempre coxean do mesmo pe.

Nun artigo publicado en maio xa facía unha pequena referencia a esa expresión, e pasado un mes impúxose na comunicación de todo o derivado da situación covid-19 pese a ser totalmente enganosa.

A normalidade nunca pode ser nova, dado que a normalidade é a situación na que o novo ou o excepcional desaparece. E determinados comportamentos sociais, determinadas prevencións e determinados medos provocados polo perigo ao contaxio do virus caso de instalarse conformarán algo distinto ao que coñecemos. Non me estou referindo á distancia social, ao lavado de mans ou ao emprego de máscaras; coincido coa tese que desenvolvía hai uns días nun artigo o economista mexicano Adrián Sotelo Valencia, estamos diante dun novo eufemismo que asume unha función comunicativa fundamental como parte da maquinaria que “...restablece o funcionamento do capitalismo en crise, axústao ás novas circunstancias do mundo pospandemia e afonda nos seus trazos destrutivos e de barbarie...”. A importancia que se lle dá por parte das autoridades á posibilidade de ir ás terrazas ou á praia buscan ir asentando a idea de que con unhas pequenas medidas (distanciamento, menos aforo....) a nosa vida normalízase.

Cada fin de semana anuncian novas liberdades a partir do seguinte luns, convertendo en papel mollado a mensaxe inicial de que a transición de unha fase a outra precisaba de dúas semanas pola razón médica dos catorce días que precisa o virus para manifestarse, e faise sen aportar novas razóns médicas. Transmítese así a idea de que vai todo tan ben e que esa nova normalidade vaise adiantar. Pero temos diante un grave perigo para as verdadeiras liberdades das persoas, liberdades moito máis importantes que poder tomar unha cervexa nunha terraza ou ir a un centro comercial.

Importantes manifestacións dese perigo obsérvanse neste período cada día máis curto no que transitamos da excepcionalidade da covid-19 á chamada nova normalidade. Nunha sociedade normal as proclamas e accións fascistas serían respondidas polas autoridades e os xuíces; na nova normalidade semella que se instalarán como parte dun decorado que non é de cartón pedra, de aí ao regreso das bandas fascistas armadas dos anos oitenta do século pasado só hai un paso.

Nunha sociedade normal o caso Pérez de los Cobos suporía inmediatamente a investigación profunda das súas actuacións pasadas; na nova normalidade semella que a destitución non terá sido máis que unha anécdota, por terse atrevido a empregar contra o goberno as prácticas mafiosas habituais.

Nunha sociedade normal o ingreso mínimo vital, medida que é positiva, sería xestionado polas Comunidades Autónomas; na nova normalidade semella que iso só o van poder facer Euskadi e Nafarroa, suponse que porque a necesidade tampouco entende de bandeiras.

Nunha sociedade normal a decisión da Xunta Electoral sobre o voto por correo nas eleccións do vindeiro 12 de xullo sería considerada unha aberración; na nova normalidade semella que o voto por correo dos mortos xa non precisará vir da Arxentina.

Nunha sociedade normal levariamos semanas analizando e definindo as distintas medidas que poden ser necesarias para o desenvolvemento do vindeiro curso escolar; na nova normalidade semella que a cousa non vai mudar demasiado e seguirá imperando o de “ti vai facendo”.

Nunha sociedade normal adoptaríanse medidas importantes para que sexan quen teñen beneficios e reparten dividendos quen máis aporten para saír da crise; na nova normalidade haberá que recortar salarios aos traballadores públicos segundo vén de anunciar Feijoo.

Nunha sociedade normal o anuncio de Alcoa de pechar a factoría de Cervo tería unha resposta contundente por parte das administracións; na nova normalidade Feijoo brinda con cava polo agasallo recibido para o seu discurso electoral e o goberno estatal non reacciona por “medo” ao que diga a UE.

Nunha sociedade normal aproveitaríase para reestruturar a economía apostando pola produción propia e pola soberanía alimentaria; na nova normalidade o obxectivo seguirá sendo reparto de dividendos.

Nunha sociedade normal, diante das eleccións do 12 de xullo o PSOE faría todo o posíbel para que o PP perda a maioría en Galiza; na nova normalidade dáme a min que o sistema está interesado nunha vitoria de Feijoo para garantir a alternancia no estado nunha especie de reactualización da operación Fraga de 1989.

O futuro da chamada nova normalidade leva semanas escrito e inclúe medo fronte a liberdade, precariedade fronte a dereitos laborais, recentralización fronte a realidade plurinacional e actuación discrecional fronte a xustiza. Pero o futuro real escríbese día a día, e escríbeno os povos. E en Galiza temos unha grande oportunidade en pouco máis dun mes.

Certo que non estamos na mellor das situacións e que o medo paraliza a moitas persoas levándoas a pensar que permanecendo inmóbeis evitarán perder o pouco que teñen. Pero non deixa de ser igual de certo, que unha situación excepcional como a que estamos a pasar predispón a outras moitas a apoiar propostas alternativas como as que fai o nacionalismo galego.

Asumir a imposición desa nova-vella normalidade que nos vai afogando pouco a pouco e en silencio ou construírmos un futuro de dignidade; como di unha camiseta que aínda poño moitas veces DEPENDE DE NÓS.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña