02:09 Venres, 10 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-05-2020

Como xa alertei no meu artigo do mes pasado, o mundo non parou de xirar sobre o seu eixo coa chegada da COVID-19, nen cesaron o capitalismo e o imperialismo cos seus ataques

Resistir cantando

Valorar (45)

ROBERT NEAL BAXTER


Como xa alertei no meu artigo do mes pasado, o mundo non parou de xirar sobre o seu eixo coa chegada da COVID-19, nen cesaron o capitalismo e o imperialismo cos seus ataques. A pandemia serve de pretexto idóneo para os meios de comunicación sistémicos taparen e silenciaren as flagrantes violacións dos direitos humanos e a represión dos povos que seguen a se cometer con máis virulencia do que nunca.

É preciso, pois, levantarmos a cortina que se colocou sobre o que está a acontecer ao redor do mundo para espreitarmos o que se oculta por detrás.

Así, por exemplo, para quen non tivo a oportunidade de o ver nas noticias, a poucos días do Nabka, ao Estado Sionista non lle tremeu a man à hora de bombardear Gaza en plena pandemia, ao tempo que se segue avante co plano de expansión mediante a anexión de grande parte da Cisxordania, todo parte integral do xenocidio programado ao povo palestiniano.

Mais o exemplo en que me quero centrar hoxe é o caso intencionadamente silenciado do que se está a pasar na Turquía, por acaso membro da OTAN e, portanto, aliada dos países occidentais.

Tras a morte por greve de fame da cantante e militante curda Helin Bölek o 3 de abril aos 28 anos e coincidindo case día por día co aniversario do martirio do líder nacionalista irlandés, Bobby Sands a mans do desapiadado goberno de Westminster, o 7 de maio tamén faleceu İbrahim Gökçek de 40 anos, militante de orixe alevita, após unha greve da fame que durara 323 días. A policia non dubidou en desrespeitar o funeral ao interromper o multitudinario cortexo fúnebre e confiscou o cadaleito.

Ambos eran membros do grupo de música reivindicativa e extremadamente popular de esquerdas, Grup Yorum, que foran arrestados como moit@s máis dos seus compañeiros e compañeiras ao longo da historia do grupo, e que reivindicaban o fin da represión estatal contra o grupo e o levantamento das prohibicións dos seus concertos. É que Grup Yorum é moito máis do que unha simples banda; nos seus multitudinarios concertos, fai chegar a súa mensaxe de esquerdas a millares de persoas e se ben sempre se declarou apartidista, segue a ser fortemente identificado coa Frente Popular (Halk Cephesi), a organización de masas ligada ao Partido da Frente Libertación Popular Revolucionaria (DHKP-C), un dos moitos partidos comunistas e curdos ilegalizados polo goberno turco.
Emulando o modelo centralista xacobino francés, este é apenas un exemplo máis na longa tradición de represión por parte do Estado turco contra os disidentes de esquerdas e dos povos sen estado que teñen a má sorte de se acharen dentro das súas fronteiras e que remonta até os xenocidios dos povos armenio, asirio e dos gregos pónticos iniciados polo goberno otomán à altura da I Guerra Mundial.

Na época moderna, o maior espiño no flanco do Estado turco ten sido a sublevación do povo curdo, cuxa resistencia foi encarnada no seu día polo Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK), inicialmente de inspiración maoísta, e hoxe en día pola Confederación dos Povos do Curdistán (KCK), as Unidades de Protección Popular (YPG), as Unidades de Protección das Mulleres (YPG)..., un povo que na actualidade vive nunha situación de desamparo e extrema vulnerabilidade, após a retirada do apoio militar que os EUA brindaban aos combatentes curdos por serviren de ferro de lanza contra o auto-denominado Estado Islámico da zona de Rojava.

É importante salientar que, à diferenza dos Partidos ‘Comunistas’ europeos estatais que, en plena contradición coas ensinanzas básicas de Lenin expostas tan claramente na súa obra de leitura obrigada Sobre o Direito das Nacións à Autodeterminación, recoñecen pola boca pequena o dereito teórico da autodeterminación nacional, mais en nengún caso o seu exercicio real, nen moito menos secesión e plena independencia nacional dos povos, o Marxismo-Leninismo turco goza, moi polo contrario, dunha longa historia de apoiar e solidarizarse coa loita do povo curdo, plasmado moi especialmente no opúsculo de referencia Sobre a cuestión nacional curda escrito por İbrahim Kaypakkaya, fundador do Partido Comunista da Turquía/Marxista-Leninista (TKP/ML) e o Exército de Libertación dos Traballadores e Labrego da Turquía (TİKKO), executado por fusilamento con 24 anos no proprio cárcere tras máis de catro meses de torturas. Como mostra última de desprezo, o seu cadáver foi posteriormente mutilado e desmembrado.

O caso da Turquía é extremo e extremadamente grave, mais aínda así os meios e os poderes fáticos preferen facer vista grosa para non molestaren o seu aliado estratéxico na rexión. Mais Turquía fica lonxe de ser o único país que se teima en perseguir e tentar calar as voces discrepantes d@s músicos e cantantes que burlan os controlos das canles oficiais para espallaren o fervor da rebelión e as arelas de liberdade entre as masas, como fixeron no seu día A Quenlla, Fuxan os Ventos, Voces Ceibes, Lluís Llach, ao desafiaren a censura fascista.... Ou, xa máis recentemente, e noutra orde de cousas, Valtònyc ou Pablo Hasél. Sen esquecer nunca o querido camarada Víctor Jara, que pagou o prezo supremo por cantar a liberade do seu povo.

Como grito de resistencia, o canto áchase a primeira liña da loita, e isto o poder sábeo. Así, @s artistas atópanse sempre entre @s primeiras en caíren sob a bota da censura: representan un perigo, ao denunciaren a inxustiza e manteren viva a chama da esperanza dun povo mesmo nas tebras da represión máis escura.

Seguiremos a defender aquel@s que cantan a liberade contra vento e maré e seguiremos nós tamén a cantar tal e como estes días cantamos dos balcóns a Grândola en lembranza da Revolución dos Cravos cando o povo varreu o fascismo do noso país irmao, ou A Fala como motivo das Día da Letras Galegas e como tamén cantaremos a Himno da Patria co puño ergueito o próximo 25 de xullo.

Cantaremos con ledicia, sabendo que o cantar é unha das armas máis poderosas con que retar o rexime, pois transcende as diferenzas e une, encerrando a forza e as aspiracións dun povo.

Como os mártires do Grup Yorum, nós tamén levaremos sempre na frente unha estrela, no bico un cantar.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña