07:51 Mércores, 30 de Setembro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-05-2020

O lastre colonial no continente americano aínda sobrevive en moitos dos litixios territoriais que o xugo británico (e estadounidense) deixou sen resolver

República Cooperativa de Guiana: o novo «tigre» do Sur

Valorar (6)

XURXO MARTIZ CRESPO


O lastre colonial no continente americano aínda sobrevive en moitos dos litixios territoriais que o xugo británico (e estadounidense) deixou sen resolver. Dende as Malvinas pasando pola saída ao mar de Bolivia (perdida por unha guerra comercial fomentada pola Gran Bretaña) até chegar á máis extensa reclamación dun territorio en Sudamérica como son as dúas terceiras partes do territorio coñecido oficialmente como República Cooperativa de Guyana (antiga Guiana inglesa) por parte de Venezuela. Este territorio histórico coñecido como o Esequibo foi roubado paseniñamente polo imperio británico á nova República de Venezuela que, despois dunha guerra de independencia contra España, 1811-1821, tiña poucos recursos financeiros e materiais para facer valer a súa soberanía sobre o territorio que a Coroa Española en 1777 estendera até o río Esequibo co nome de Capitanía General de Venezuela.

O único estado anglófono de América do Sur, presidido dende a súa independencia da metrópole en 1966 por partidos socialdemócratas e marxistas liderados por Forbes Burnham (People's National Congress, PNC) e Cheddi Jagan (People's Progressive Party, PPP), pasou da autodeclaración do primeiro presidente Burnham (o presidente de confianza da CIA) como República Cooperativa, nos anos 70, a unha agresiva política de estatización da cativa industria local, fomentando unha política económica de substitución de importacións a favor do nacional (unha política, por certo, que tivo o seu apoxeo en Latinoamérica moitos anos despois) até chegar na actualidade a ser un promisorio e futuríbel Estado petroleiro polos xacementos atopados en 2015 pola compañía estadounidense ExxonMobile reclamados xudicialmente por Venezuela por estar en auguas territorias da zona en reclamación.

Lonxe quedaran os tempos da autoproclamada «autarquía» da República Cooperativa de Guiana procurando novos mercados para as materias primas guianesas, abrindo canles diplomáticas e comerciais con Cuba e os países do Comecon sen o beneplácito dos Estados Unidos, que apoiara na presidencia, CIA de por medio, a Burnham ante o «perigoso» comunista Jagan.

As relacións con Venezuela, malia o conflito territorial, nada menos que dous terzos do país, foron de entendemento e cooperación, e Guiana chegou a estar dentro do programa de axuda venezuelana da IV República, que subministraba petróleo a prezos inferiores ao mercado internacional.

Pero a entrega dos xacementos á ExxonMobile descubriu unha Guaiana até o momento descoñecida. Belixerante nos foros internacionais e aliada da oposición violenta venezuelana, foi un dos estados fundadores do autodenominado Grupo de Lima, conformado por 14 países latinoamericanos que non recoñecen a Nicolás Maduro como presidente de Venezuela emitindo unha declaración na que recoñecían os dereitos territoriais de Guiana sobre o territorio Esequibo.

Hoxe en día, Guaiana abandonou o Grupo de Lima. Continua a ter a triste marca do país con máis suicidios de América do Sur e o incerto prognóstico pre-Covid-19 do Fondo Monetario Internacional, que lle auguraba o crecemento económico máis alto do mundo en 2020, un 86%, é dicir 14 veces máis que o da China.

A reclamación territorial venezuelana, conxelada no tempo, parece ter un claro gañador coa súbita aparición da importante reserva petroleira guianesa. A declaración do Grupo de Lima deixouno claro e a retirada de Guiana do grupo, tratando de ocuparse do seu nun grupo en que era unha convidada de pedra é só un intento de arrefriar a disputa no mesmo ano, 2020, en que comeza ExxonMobil a explotación dos xacementos petroleiros.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña