19:42 Domingo, 29 de Xaneiro de 2023
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-06-2010

Compre analisar a cuestión, para non cometer os mesmos erros no futuro

O aproveitamento eólico, os montes veciñais, e o País: leccións para aprendernos

Valorar (14)

XOSÉ ALFREDO PEREIRA MARTÍNEZ


Ave morta nun parque eólico

 
O aproveitamento da enerxía eólica, que ten como base territorial o monte veciñal, e como zona de influencia o medio rural, vai ter como únicos beneficiados as multinacionais do sector, todas elas con intereses alleos ós intereses do Pais. E todo elo, por non ser quen de atopar o equilibrio entre defensa da terra e xeración de riqueza e por non ser quen de traballar nunha mesma dirección, todos os que vivimos e temos actividades no medio rural. Compre analisar a cuestión, para non cometer os mesmos erros no futuro.

Os primeiros decretos para o aproveitamento da enerxía eólica na Galiza, datan dos anos 1995 e 2001, anos de goberno do Partido Popular-reinado de Manuel Fraga.. O que viñan a ditar estes dous decretos, era que todo o territorio galego era susceptible de que se instalasen parques eólicos e se os titulares das terras non estaban de acordo, procedíase a expropiarllas. O obxectivo de estes dous decretos era  o de ofertarlle chan barato as empresas do sector para que sacasen grandes beneficios. Eran dous decretos malos. Malos para o Pais xa que non ordenaba o territorio. Malos para as comunidades de montes xa que. Ou ben acadaban prezos de miseria polo aluguer das terras, ou quedaban sen terras mediante o mecanismo da expropiación forzosa.

No ano 2007, a Consellería de Innovación e Industria, dirixida politicamente polo BNG, promulga un novo decreto para o aproveitamento da enerxía eólica. Era un decreto que significaba todo o contrario dos anteriores. Así, ordenaba o territorio galego  (non se podían instalar parques eólicos en Rede Natura, en zonas  de valor paisaxístico, en zonas con restos patrimoniais ), esixía estudios de impacto medioambientais previos as concesións de licenzas, obrigaba a que os proxectos eólicos fosen acompañados  por proxectos de desenvolvemento da zona de influencia, e esixíalle as empresas o acordo de cando menos o 75% dos titulares das terras. E ademais de todo isto, por primeira vez, a concesión dos permisos para a explotación eólica, facíase mediante un concurso público transparente.

A única entidade asociativa do medio rural que apoiou este decreto do aproveitamento da enerxía eólica, foi a ORGACCMM. E apoiouno, porque en liñas xerais, era un bo decreto. Bo para o monte veciñal en man común xa que evitaba a expropiación forzosa e dáballe capacidade os titulares das terras para decidir se querían ou non querían o parque eólico. Bo para o medio rural  xa que ligaba a explotación eólica co desenvolvemento da zona onde se ia a instalar. Bo para o Pais xa que buscaba o equilibrio entre a defensa da terra (ordenación do territorio), e a xeración de riqueza e de emprego no rural. Curiosamente, esta postura da ORGACCMM, foi silenciada sistematicamente nos medios de comunicación social.

Cando a Conselleria de Innovación e Industria, dirixida politicamente polo BNG, presenta publicamente o concurso para a concesión das autorizacións para a explotación eólica, prodúcese unha alianza de intereses, que non se pode calificar de, cando  menos, como  paradoxo. Paradoxo, xa que se unen diversos intereses que, cando menos na teoría, son antagónicos. De tal xeito que se unen, as grandes multinacionais do sector, os medios de comunicación social encabezados pola Voz de Galicia, intereses políticos encabezados polo P,P, mais contando co apoio de PSOE, por medio do, daquela, Conselleiro de Medio Ambiente e gran parte do movemento ecoloxista galego (en algún momento todo o movemento ecoloxista galego). Todos estes intereses dispares contra o decreto do BNG.

A postura do movemento ecoloxista galego non e fácil de comprender. Ou ben, non leron o decreto e tocaban de ouvido, ou ben  fixeron unha análise fora da realidade que os levou a defender os mesmos intereses que os intereses das multinacionais do sector. Curiosamente (ou se cadra, non), se a postura contraria que tiña o movemento ecoloxista en referencia os decretos do PP. era silenciada  nos medios de comunicación social, agora, a súa postura contraria ao decreto do BNG, saia publicada un día si e outro tamén.

O obxectivo de todos estes intereses dispares xuntos, deu resultado. O Partido Popular retorna ao poder na Xunta de Galiza  e, en menos de un ano, derroga o decreto do BNG e aproba a denominada Lei do aproveitamento da enerxía eólica e creación do canon medioambiental. Esta nova lei do aproveitamento eólico significa un tremendo paso atrás con respecto ao anterior decreto, e, é tremendamente prexudicial para o Pais, para o medio rural e para os montes veciñais. Para o Pais dado que se poden instalar parques eólicos  e case todo o territorio galego sen ter que presentar previamente estudios de impacto medio- ambientais. Para o medio rural xa que agora, as plusvalías de este aproveitamento, non van quedar no rural, van ir para fora de Galiza. Para o monte veciñal en man común, xa que estas terras van a ser expropiadas. Hai que ter en conta, que a expropiación significa a eliminación física dos montes veciñais. Dentro de 30 anos, cando os parques eólicos, deixen de funcionar, as terras xa non serán dos veciños e veciñas comuneiros. Serán de empresas de fora do Pais. Nelas, levaranse adiante outros aproveitamentos, mais non seran nin multifuncionais, nin sustentables. Dende a perspectiva de Pais, o paso atrás dado foi moi grande. Xa que logo, aprendernos dos erros e preciso.


[19-07-2010 14:06] Triath comentou:

Nótase moita demagoxia nos argumentos. Poño varias referencias...
Os montes veciñais non prescriben, polo que unha vez acabado o uso polo que se expropiou, volve aos seus donos.
Non se pode poñer un parque en calquer lado, hai coordenadas concretas para cada zona onde se pode presentar proxectos. O do BNG si que deixaba toda galicia para poñer parques e por iso era polo que pedía un estudio de impacto ambiental.
Na preasignación que deu o BNG no concurso non se tivo en conta aos propietarios. Nas ADE´s de Fontefría, Oleiron, Coto de Eiras, Monte Piquiño... entre outras, os propietarios tiñan asinados preacordos con empresas e se lles concedeu a outras. É máis, curiosamente, esas outras, nin contactaran cos propietarios.
E para rematar, só se me ocurre pensar que, nin o anterior concurso do BNG foi tan bo nin o actual é tan malo. Que non faga que as nosas tendencias políticas distorsionen a realidade

[26-06-2010 11:45] Lobo comentou:

Ben, esta e a opinion dentro do BNG, fora hai outra vision? e non interesada polo mercado, participo do movemento ecoloxista- como non podia ser menos- dada a miña natureza, e dende esa perspectiva teño que decir, que por parte do BNG e en concreto das suas consellerias tamen hubo erros de comunicacion e de explicacion, polo menos cara o movimento ecoloxista mais proximo, non pode ser de recibo que se entere un polo medios de comunicacion ou por outros canles, faltou perspectiva e un chisco de sentido comun, agardo que pra outra vez se comuniquen mellor as iniciativas que se vaian a levar a cabo e esto vale `para todalas nosas actuacions e en todolos eidos, Hai que empregar mais e mellor os novos CANLES de comunicacion pra explicar e informar mellor das nosas alternativas

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña