16:10 Martes, 04 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-04-2020

Sería moi positivo aproveitar este aniversario para sinalar algúns elementos do seu pensamento e da súa acción que tamén forman parte do que somos e de como actuamos

Sobre Lenin no seu 150 aniversario

Valorar (19)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Neste 2020 conmemoramos os 150 anos do nacemento de Vladimir Ilich Ulianov máis coñecido como Lenin, líder da revolución soviética e figura fundamental do marxismo. Pero ao contrario do acontecido co bicentenario do falecemento de Karl Marx que conmemoramos hai dous anos, nesta ocasión non observamos demasiado interese por lembrar a efeméride; hai que buscar con lupa referencias, e xa non digo cadernos especiais ou programas de debate, nos medios de comunicación de circulación masiva.

É moi posíbel que o sistema entenda que debe borrar a figura de Lenin por ter levado á práctica as ensinanzas de Marx e Engels, desenvolvéndoas e liderando a revolución soviética; experiencia histórica que serviu de exemplo para quen loitaron ao longo do século XX pola construción dunha sociedade máis xusta; experiencia que pasados xa máis de cen anos segue sendo valioso exemplo da capacidade da clase traballadora e o povo de organizarse para rematar coas inxustizas e establecer as bases para a construción dunha sociedade máis xusta, unha sociedade socialista.

Non busca este artigo realizar unha análise profunda da revolución de 1917 nin do que foi a Unión Soviética, nin da traxectoria persoal e política de Lenin; pero si creo que desde o nacionalismo galego, e non só por parte de quen nos declaramos marxistas e leninistas, sería moi positivo aproveitar este aniversario para sinalar algúns elementos do seu pensamento e da súa acción, pois se reflexionamos un pouco comprobamos que son elementos que tamén forman parte do que somos e de como actuamos.

Lenin é exemplo de asunción da famosa 11ª Tese sobre Feuerbach que vén dicir que a reflexión e a análise non teñen funcionalidade se non levan aparellado o obxectivo da transformación do mundo; noutras palabras, toda teorización debe acompañarse da práctica, pois do contrario non deixa de ser un exercicio de divertimento ou unha simple ximnasia mental. Á asunción da famosa tese de Marx súmalle un principio que será central na súa actuación, o da análise concreta de cada situación concreta, principio que o leva a rexeitar esa idea tan espallada aínda hoxe de que a obra de Marx e Engels é un simple conxunto de receitas ás que se ten que adaptar a realidade.

Estudoso do materialismo histórico e da dialéctica, Lenin tiña claro que non hai proceso nin histórico nin político igual a outro; e por tanto era consciente da imposibilidade de deseñar unha estratexia de validez universal, pois cada povo é distinto e cada revolución ten características propias. Ensinounos que os instrumentos do marxismo, enriquecidos posteriormente coas aportacións do leninismo, debemos empregalos de xeito creativo no estudo da realidade, para desentrañar as peculiaridades e deseñar unha estratexia concreta, que por moi axeitada que nos pareza nunca garante un continuo avance en liña recta; unha estratexia correcta precisará sempre de adecuacións tácticas para levala adiante. Esta é para min a ensinanza fundamental que podemos tirar do estudo da súa obra.

Esa concepción creativa do marxismo aplicándoo á realidade sen enmascarala para que responda ao que aparece nos libros, levou aos revolucionarios rusos a non agardar coma outros a que se deran unhas supostas condicións ideais. Lenin, que estudara profundamente a historia do imperio ruso, as súas estruturas e a súa compoñente de clase e nacional, chegou á conclusión de que era posíbel organizar a revolución pese a que o país dos tsares non era un estado capitalista desenvolvido, o proletariado era relativamente escaso, mantíñanse unhas relacións de produción semi-feudais, e contaba con unhas masas campesiñas sen terra que eran maioritarias.

Esa mesma análise levouno a considerar como básicos para o avance do proceso revolucionario dous elementos desprezados daquela por moitos defensores de unha mal entendida ortodoxia marxista, e que aínda hoxe son atacados por defensores de concepcións infantís pouco dados a facer política real. Estes dous elementos son: a cuestión nacional asumindo a defensa real do exercicio do dereito de autodeterminación e a alianza de clases.

Só temos que repasar os movementos revolucionarios posteriores á revolución do 1917 para comprobar como na inmensa maioría deles non existiu esa pureza que buscaban algúns; nin se produciron no centro do sistema capitalista nin foron protagonizados polo proletariado de xeito exclusivo; así podemos ver como por exemplo en Cuba ou Vietnam a bandeira da soberanía e da loita contra o imperialismo foron centrais e contaron coa oposición do partido comunista oficial no primeiro caso e do partido comunista da metrópole no segundo. E tanto neses dous caos como en calquera outro que poidamos tomar de exemplo tiveron protagonismo alianzas de clases que empregaron variados instrumentos políticos.

Poderíamos estendernos noutras das súas importantes aportacións como a caracterización do imperialismo tan de actualidade, pero entendo que o papel central da cuestión nacional, a capacidade para adaptar a nosa acción política ás características propias de Galiza fuxindo de modelos alleos, e a importancia do estudo da nosa propia estrutura de clases, son os tres elos que máis nos unen a Lenin pese á distancia temporal e xeográfica.

A reivindicación do dereito de autodeterminación de Galiza é fermento do nacionalismo desde unhas Irmandades que foron contemporáneas e coñecedoras das ideas que iluminaban a revolución de 1917. Rachar cos dogmas sobre modelos ou situacións ideais foi o que fixeron quen a mediados dos anos sesenta do século pasado reconstruíron un nacionalismo de base popular, aplicando o marxismo para explicar a realidade de Galiza e a súa condición de dependencia colonial. A nosa vocación frontista parte da estrutura de clases propia do noso país asumindo o papel central da clase traballadora e integrando tamén ao conxunto das clases populares e segmentos obxectivamente favorecidos nunha alternativa patriótica que ten por obxectivo a liberación nacional e social.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña