00:32 Venres, 07 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

18-04-2020

A cultura está pra aplicarse ás prioridades pondo humanismo. Hoxe ante unha situación grave que mesmo pode incidir en comportamentos culturais do futuro.

Barbarie e Cultura antes, “en” e despois dos tempos do Coronavirus

Valorar (16)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


A cultura está pra aplicarse ás prioridades pondo humanismo. Hoxe ante unha situación grave que mesmo pode incidir en comportamentos culturais do futuro. Acontecer motivado por unha pandemia que pon a proba a solidez das bases culturais, as infraestruturas e superestruturas políticas e económicas dun país. Pois a base do funcionalismo de todo comportamento individual e colectivo, pese a que se relegue a liturxias, radica na cultura. Algo intuído, sabido, pero esquecido entre a charlatanería. Por exemplo, de “practicar” a cultura deberamos saber pola Historia da Cultura que no medievo as pestes marcaron un fito entre un antes e un despois:  medo ante o que a igrexa sirve de  ama de cría dun feudalismo que co Renacemento desembocará  nun capitalismo elitista e clasista, en imperialismos que caracterizarán a Idade Moderna pra seguir medrando co devalar no tempo, na contemporaneidade das patronais da banca e dun culturalismo reducido a cerimonias.... Pois a cultura, debera ser a que, en base a contrastados códigos de experiencias e innovacións,  outorgue razón, sentido común, solucións e freo fronte a abusos dos neo “bárbaros” ante unha situación xurdida, neste caso, pola metamorfose natural ante provocacións descoñecidas.
Cultura significa e vencella  educación, instrución, erudición, talento, saber... entón civilización. Fronte aos seus variados e expresivos antónimos como son  incultura, ignorancia, analfabetismo, barbarie e canto expresa atraso. Ideas que nos axudan  a súa definición, entre tantas posibles,  que implican memoria, dignidade e mesmo espectáculo, vertente agora en desequilibrio supervitaminado  en neotemplos espectaculares , entre solemnidade e grandilocuencia, pra contribuír a  anestesiala entre botafumeiros e novos sumo sacerdotes.

Sen faltar outras correntes dentro da mesma cultura ou contraculturais, pero partindo dela mesma, como pra levedala, espreguizala das rutinas na que cae coa irreverencia, a protesta . Pois a cultura, entre a automatización das rutinas,  corre o risco  de fosilizarse nun ideal humanista propio da educación burguesa e clasista. Cultura que medra en sociedade,  que implica educación dos sentidos en base a saberes de memoria e incentivos de creatividade, investigación, relacións.... Mais a cultura non é so un tesouro de citas e referencias, de receitas, recursos e códigos, a cultura demostrase andando, nunha praxe de fondo e forma,  a aplicar en cada contexto e máis nas situación límites, máis aínda cando se tenta contra ela.

Xa imos entrando no que  é a cultura máis alá de definicións retóricas, pra que sirve e mesmo deberamos entrar máis nas súas perversións, esas tan habituais e con tantas vertentes nun país anormalizado culturalmente pola dependencia como é Galiza.  Sabendo que nesta sociedade do supermercadeo as palabras, como as formas, que son correas transmisoras do estado cultural,  isto é  de ideas, de concepcións e remedios, de regras e accións, as que ás  veces quedan unicamente en letras e sons retóricos, en pegadas arqueolóxicas,  cando a cultura é a folla de ruta particular e política, isto é individual e social pra unir e desenvolver a vida ante cada circunstancia. Tema moi tratado e dende diferentes óticas: a cultura como algo práctico pra resolver situacións, aprender para o futuro...o que non é fácil neste confín que se dicía do Río do Esquecemento. A cultura faise ou desfaise, espallase,  acultúrase tamén e nese proceso resistimos. Iso si, a cultura nunca morre pese a que morremos os individuos que a conforman.

Cando se burlou ao fascismo florecendo  a “semente” cultural  do Seminario de E. Galegos...
Non falta no caderno de bitácora da Historia da cultura momentos nos que , ante a ameaza e a necesidade, ponse en valor o esencial da cultura: a vida, a Terra, a comunicación , a comunidade, isto é a cultura como unha resposta adquirida e alimentada no tempo con tradicións, creacións, investigacións e relacións con outros pobos compartindo experiencias, renovando diálogos na interacción de causas e efectos. A cultura permitirá así enxergar, sopesar a calidade de feitos e cousas.  Máis de non asumir e fender coa rutineira inercia caerase na proclive tendencia a mercantilizalo todo,  a facer dos valores de uso, valores de consumo. Pasa entón a entenderse a cultura codificada, como manufacturado adorno rancio ou procesión de confrarías  en  liturxias,  actos, “días”... isto é unha cultura endogámica,  de intelectuais pra intelectuais,  fora da realidade da cultura cotián, ao servizo do individuo como singular motor da sociedade.  Comportamentos comerciais que  coutan e mesmo distorsionan a cultura unicamente como mercancía confeccionada para eventos. Sen entender o principal da cultura que é o que o ser humano cultiva pra resolver problemas.
Castelao foi un modelo nesa interrelación ética e estética, en poñer as súas aptitudes e a cultura en favor do  desenvolvemento do individuo e do pobo de Galiza. A lección propagouse cun saber facer sedutor e velaí o debate  posterior a súa sementeira, recollido nos Cadernos do Laboratorio de Formas, no que insistía un tanden de teoría e praxe, teimudos en devolver as augas da cultura galega aos seus canles de normalidade, en  dignificar a imaxe de Galiza en difíciles anos de ditadura entre a tendencia ao esperpento, efectos con causa. Referímonos a Isaac Díaz Pardo e a Luis Seoane, tándem para a creación práctica das Industrias da Memoria: as cerámicas do Castro, Sargadelos, a Editorial do Castro, o Museo de Arte Contemporáneo Galego Carlos Maside, o Laboratorio de Formas de Galiciao Laboratorio Xeolóxico de Laxe, o Instituto Galego da Información (ao respecto do IGI tomemos nota do interese pra normalización dun país con cultura propia dun Instituto de información para a formación. Iniciativas arrasadas aínda fai uns anos polo temible río do esquecemento e o intere comercial, sen tender que a orixinalidade radica nas orixes...  Insistimos, grupo coa permanente teimosía no mantra da memoria como historia e base dunha cultura práctica. Somos a nosa historia, a nosa cultura que nos identifica no mundo. Ansia aquela por recuperar a teoría e a praxe  de algo que sigue usurpado e fosilizado como é o Seminario de Estudos Galegos, sementeira que foi e debera a ser de algo sobre o que re-crear sempre, a Cultura Galega.  

Cultura de metas inacabadas, pois compre aplicar esa mesma ética obxectiva , crítica, verdadeiramente “cultural” ao análise da Historia de Galiza . Expurgar entre verdades e mentiras en aconteceres ben diferenciados dende s súas orixes,  mesmo tamén atrapallados por intereses espurios. Secuencia historica dun confín do mapamundi antigo que pasa pola constitución romana, sueva e con esa base  xerarquizando o territorio até a creación dun reino feudal,  onde a igrexa brandido  a espada e a cruz actúa como un fronte para  banco de crédito, cara un imperialismo, abusando a cristiandade  dun apóstolo “matamouros”, mataindios” fronte ao islam, outorgando afouteza a un idioma e a unhas costumes espalladas a través  das conquistas. Velaí unhas bases socioculturais nas que pescudar, asumindo humildemente os erros da barbarie, a arrogancia do “ardor guerrero” cometido pra quedar co mellor e refugar canto tenta contra ser humano e a sociedade, contra a liberdade da unidade na diversidade, iso mesmo que debuxa a “Universidade”... Cavilares así,  de base humanista, xa as temos lido de man daqueles exóticos contrafío, “inadaptados”, diferentes, como Unamuno ou Teixeira de Pascoâes que tanto inspiraron, como o francés Huysemans,  a  Vicente Risco, un inevitable referente na Galiza do Modernismo, pra romper co cerco  de egoistas prendidos no muiño do “arredor de si”. Xeracións nacionalistas galegas,  bases deste noso tempo.

E que  aconsellan os consellos de “cultura” ante un fito histórico que pasa por diante?
E ante a situación de crise, os gobernos que se moven dende as orelleiras dos tópicos, volveran a propiciar canto significa a cultura bancaria,  coutar liberdades, novamente  máis riqueza pros ricos, pra apandar o “sector cultural clásico” e de base, namentres as “industrias” da cultura, as que dende as gafas mentais pasan polo  libro, as artes escénicas, a música o cine.. propagan un manifesto . Faise dende a metrópole, asínano premios nacionais,” industriais culturais. Manifesto a favor do “seu” futuro,  insistentes en que  “a cultura non é un luxo pero tampouco non é gratis”. Que se pregunta como vai a subsistir este sector tan fráxil e desprotexido,  sen marco legal  específico,  fronte a un futuro de inseguridade aterradora. Prégase, si prégase, coo si se esmolase comprensión, exencións en impostos, fomentar o mecenado... O Ministro de Cultura de España, dende a rutina acena o si, da a razón, acudindo a esas frases feitas coas que mesmo se empaqueta a cultura de que  “a cultura é un dereito, un ben básico, que representa o 3% do PIB...e que niso se está xa dende o goberno...” Valia para ilustrar o devandito que, mentres escribo isto e contrasto o texto en internet,  interfire en pantalla un anuncio sobre os créditos de Abanca, seguido dun de Amazón...a cultura asoma os dentes polas novas pantallas da comunicación.

Chamada esta dende a industria cultural, entendendo TAMEN que a cultura é un recurso económico,  pero quen non parte , nin asume, nin se solidariza cos  creadores de base, da súa mesma base dos seus consumidores. Pronunciamento que  nin conta con ese asociacionismo que move corais, sensibilización arredor da historia, da arte, do ecoloxismo, entre tantos  covifigthers, os que agora asoman a pe de balcón ou das micro e mega pantallas pra  lanzar creativos mensaxes de esperanza, entre os que tamén asoma a aculturación e feismos (xa e por algo apelidados “feismos gallegos”).  Bos creadores que tras os dereitos humanos confinados fronte aos riscos, recuperan ao veciño e á sociedade, que poñen a proba novas iniciativas pra abrir a posibilidades ante futuras mudas culturais.
Reaccións que serven como test do estado da cuestión creativa e cultural , as que tamén poñen a proba o valor dos novos medios de comunicación dixitais, os que superan á Galaxía Guttemberg, tramados de redes con mensaxes, uns como impartidos por anxos, fronte aos chismes, murmuros, malos contos, o sofisticado acoso “cultural”, o pesimismo, a profecía e a negatividade interesada,  como impartida por demos.

Con retranca, entre a cousificación e burocratización da cultura, facémonos unha pregunta arredor de tanto organismo, asociación apelidada  “de cultura”,  sobre qué consellos recibe o Conselleiro por parte do Consello da Cultura Galega nestes momentos de necesidades e incertos futuros cara esta marca de identidade e ser na globalidade que é a Cultura Galega... e non so unha cultura. E por rutinas do vicio caemos na panacea da subvención que non o é todo e exemplos de supervivencia, de creatividade e éxito en momentos de crise haber hainos si se sabe mirar atrás na Historia. Cultura como receitario pra sobrevivir, amar e burlar a morte, dende esa creatividade e a constancia que, ás veces, lle atribuímos ás Musas do Parnaso, cando son as musas da experiencia.

Como parafraseaba John Lennon  que “a vida é aquelo que pasa por diante mentres facemos outras cousas” agora o urxente é aplicar a cultura, recoller os receitarios que asumen que somos actores e actores dunha historia dramática que nos pasa por diante, a que require a cada individuo como peza esencial contra o que se pon en crise, a vida, a sociedade, a liberdade....cultura para agora, pra tomar nota, asentar experiencia, aprender lección doutros , xa que o futuro depende de presentes e é da Humanidade: humanismo.

Se mirra a cultura como obra democrática e común,  encamiñámonos cara á ditadura dun pensamento único. As ideas dominantes son froito dunha clase dominante. Sen cultura non hai outra saída que a dependencia. Cultura como faro de humanismo, combustible que non so permite resistir animicamente se non que debera reforzarse en novas experiencias pra coller pulo en futuras andainas, pra regar o nivel de espírito ( que diría o humanista galego  Otero Pedrayo)  dun individuo como esencia dun pobo e da súa cultura.

Na primavera coutada do Coronavirus 2020

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña