10:18 Xoves, 04 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

13-04-2020

Din os sabedores que o abrente do ser humano xorde alí onde algún ou algúns pre-humanos comezaron a realizar determinados actos rituais pra enterraren os seus mortos

Morte e vida en tempos de coronavirus

Valorar (7)

MANUEL CABADA CASTRO


Din os sabedores que o abrente do ser humano xorde alí onde algún ou algúns pre-humanos comezaron a realizar determinados actos rituais pra enterraren os seus mortos. Ata entón no proceso evolutivo dos seus antecesores existía, naturalmente, vida e morte, mais non conciencia de vivirmos ou morrermos en unitaria conxunción. Por iso a vida humana estritamente tal posúe unha conciencia, por así dicilo, extremadamente dilatada ou alongada. Por unha banda -aínda que isto semelle sorprendente- non é posíbel vida humana estritamente tal sen que nalgún momento desapareza ou estea ameazada pola súa fin e, por outra, é tan forte e natural o noso desexo de vivirmos sempre que o seu cese por mor da morte nos resulta dificilmente aturábel.

Iso vén sendo o núcleo fundamental ou xerminal de todo pensamento e de toda paixón básica humana, calquera que esta sexa. Por iso as nosas sociedades modernas, ancoradas maioritariamente na busca do lucro e do poder, tenden a arrombar o lutuoso feito cotián e normal da morte, embelecéndoa de mil fermosas e aturábeis maneiras pra facela así máis tolerábel, en seguimento fáctico daqueles ancestrais primeiros ritos que iniciaran o xurdimento da cultura humana.

Cando a presenza da morte se nos fai masiva, como no caso do andazo que estamos a vivir, entón as sociedades modernas tenden a se blindaren fronte a tal escándalo por si mesmas ou por medio dos seus mandatarios ou representantes políticos. De modo que, aínda que non se diga, non son só razóns simplemente hixiénicas ou sanitarias as que impulsan ou deciden sobre os comportamentos cidadáns (por exemplo, o enclaustramento das persoas nos seus domicilios, as limitacións drásticas e en boa medida pouco humanas en relación co acompañamento dos defuntos tralo seu pasamento, etc.), senón tamén unha determinada concepción da vida humana na que á morte non se lle permite ser “vivida” con aquela relativa normalidade e publicidade coa que a vivían ó seu modo os integrantes da nosa cultura tradicional galega coa súa sensibilidade comunitaria e a súa función sandadora e integradora.

Pola contra, as sociedades modernas e uniformadoras hai tempo que abandonaron ese seu complexo humus orixinario, no que o o mundo vexetal, animal e estritamente humano formaban un todo e no que a alternancia de vida e morte era vivida con aquela “naturalidade” e presenza que se constituía así en ensinanza básica e connatural do vivir humano. Unha boa mostra disto é, no caso galego, a coñecida continuidade ou conexión entre o mundo dos vivos e o dos defuntos, que se manifesta nunha grande variedade de crenzas, mitos ou ritos tradicionais que a poñen claramente de manifesto.

A naturalidade coa que se viviu entre nós tradicionalmente a morte é así o resultado dunha aprendizaxe social ou cultural de fondo calado. Nisto, e tan só a modo de pequena mostra, resúltame tenro e esclarecedor o comentario que, na súa Historia da literatura galega contemporánea (p. 527-528), Carballo Calero (a quen este ano por fin se lle dedica o Día das Letras Galegas) lle fai ó poema “Ben pola alma” (dos anos vinte do século pasado) do lucense Noriega Varela. O poema é este:

“¡Ai, Dios!, i ha chegar a hora / de salir pra dormir fora... / ¡Camiña nova entre cruces! / En balde che tiran rosas, / en balde che achegan luces. / Ben abertos, ben zarrados, / os olliños dos difuntos, / soles che son apagados... / E pois, de certo, ás escuras, / festa seremos dos vermes / ó xacer nas sepulturas, / en de nos chegando a hora / de salir –nun cadaleito / de pino- pra dormir fora, / Nai de Xesús, ¡leve a palma / entre os vivos, quen ós mortos / nos faiga ben pola alma!”
Fronte ás vítimas do coronavirus que a técnica e a política tenden a converter en simples números para unha aséptica estatística, prima no anterior poema o acompañamento amoroso dos irmáns defuntos, daqueles que en realidade e desde a vivencia comunal popular só levan a cabo un leve “pasamento” (non ruptura xa que logo) desde o durmir “dentro” a facelo “fóra”. Mais o nivel é, dunha misteriosa e fonda maneira, esencialmente igualitario e “natural” (entendido obviamente isto último non como contraposición a “cultural”, pois éo así esencialmente en canto espontánea vivencia da “cultura”).
O comentario que Carballo Calero (baseándose en referencias ou testemuños concretos) fai preceder á presentación do poema de Noriega e que actúa de feito como base biográfica da confección do mesmo por parte do seu autor é o seguinte:

“Un día de mercado, en Foz, foise achegando ao poeta [Antonio Noriega Varela] unha velliña, e desenrolouse o seguinte diálogo: - Ai, señor, ¿e vosté non estuvo en Fondós de maestro? - Sí, señora, i eu tamén ben a conozo. Vosté é a Toña de Vilaxuane. - ¡E vamos vellos, señor Antonio! - Vamos, miña queridiña. Pro ¡leria!, que ben a rumbamos de mozos. I eu, ¡o demo seña xordo!, aínda non apeo. E vosté coido que, chegado o caso, tamén rompe unhas mangas. - Ai, ¡quite pra aló, señor Antonio, que, desde que o sol se pon, pouco día lle queda! Vainos chegando o tempo de dormir fora...”

Total, que a morte non pode nin debe ser silenciada, pois pertence ó ámbito da vida na que as diversas culturas, e a galega de maneira especial, acadaron sabiamente integrala. Tampouco debería ser silenciada en tempos de andazos e medos. As medidas e estratexias sanitarias e políticas deberían telo en conta, analizando e decidindo sobre os modos máis axeitados de afrontar o problema sen que este sexa simplemente desatendido ou ignorado polos chamados técnicos ou expertos. En tal sentido, tanto os afectados polo andazo como os seus familiares deberían ser respectados nos seus inalienábeis dereitos como persoas pertencentes a unha concreta comunidade ou sociedade humana. As decisións políticas ou a técnica sanitaria poden, si, modulalos, pero endexamais suprimilos ou reducilos practicamente ó mínimo, pois isto levaría consigo pola contra o risco de facer xurdir outros novos problemas non desexados e de non doada solución.
O “durmir fóra” do poema e mais da previa conversa do señor Antonio con Toña de Vilaxuane non é así desde a propia vivencia cultural unha simple e aséptica desaparición do mundo dos “vivos”, senón un continuar a estar con estes, mais doutra maneira, un “pasar” (“pasamento” como un dos específicos modos galegos de expresar a defunción) a un modo de ser distinto (“fóra”), mais sempre próximo. En tal sentido cobra agora, co “pasamento”, o mundo da terra, da natureza e do universo enteiro a función de novo e primordial colo amigo e acolledor. Porque en realidade e en último termo, vén sendo este “fóra” aquel mesmo colo que previamente o acollera xa en “vida”, no seu modo de vida anterior.
Para dalgunha maneira entender este modo de comprender a realidade, non se debe esquecer que o xeito de vivir galego estivo desde sempre e ata agora especialmente caracterizado por un hábitat disperso, en pequenos núcleos humanos ou lugares, ata tal punto que aínda agora de tódolos núcleos de poboación do Estado español atópanse en Galicia arredor da metade. De modo que se podería dicir que a natureza en si mesma foi sempre percibida e sentida polo conxunto do habitantes deste país dun xeito moito máis inmediato e vivo ca noutras rexións do Estado. Convértese así a vivencia galega da natureza (na súa grandiosidade e beleza), debido xustamente ó modo mesmo do habitar galego, en compoñente esencial da propia comprensión persoal e comunal, do seu vivir e tamén do seu “pasar” ou sexa do seu morrer, pois a natureza en toda a súa grandeza e proximidade acolledora está sempre aí, ó seu carón.
Esta pegada “natural”, agarimosa e tenra, da vivencia galega acada expresión perfecta, por exemplo, na fermosa “Letanía aldeán” do tamén lucense José Mª Crecente Vega en versos coma estes:

“Bendito seña o calor / que do ovo fai saír / o pitiño piador. / Bendita sexa a raxeira / que saca o verme da cama / e o griliño da grileira. / Bendita seña a trunfal / luz do sol, e a raioliña / que entra polo fachinal. / Bendita a auga do río / que fai verdegar o prado / e fai andar o muiño. / Bendito o agurgullar / da fonte que sempre ten / auguiña fresca que dar. / Bendito o ventiño san. / Bendito o arume das flores / que recende polo chan. / Bendita a pinga de orballo / que treme na herbiña verde / e na folla do ramallo. / Bendita a luz da mañá / e o lume do vagalume / que aluma na escuridá.”

Non semella lícito pensar que o que en modulados versos coma estes expresa Crecente Vega sexa algo exclusivo del mesmo e que estaría, xa que logo, ausente da percepción ou dos sentimentos normais de multitude de persoas que nesta terra nosa viviron e sentiron inmediatamente vivencias próximas ou idénticas ás que o poeta expresa. E tal como se vive e onde se vive, deséxase no fondo tamén morrer. Foi este o constante desexo de moitas xeracións de persoas que en tempos pasados non puideron morrer na súa terra, aquela da que se viron forzados a saír sen acadaren volver.
Cómpre por iso tamén hoxe, en tráxicos tempos de coronavirus, lembrarlles a políticos, sanitarios, técnicos e asesores, que os seres humanos non somos simples “obxectos” subordinados a un determinado proxecto ou meta a acadar (por xustos e lexítimos que estes sexan), senón seres sensibles, dotados dunha inalienábel dignidade e portadores ademais dunha historia e unha cultura concretas que non son necesariamente as mesmas (por máis que se pretenda) en calquera lugar diso que se denomina España.

Isto ó que aquí aludo, e do que podería pensarse que se trata de algo meramente abstracto, ten consecuencias ben concretas nos modos políticos de facer fronte a un problema como o que estamos a vivir e a sufrir que, como digo, non é só “técnico” senón tamén, e en non pequena medida, un problema esencialmente humano.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña