11:40 Domingo, 07 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

05-04-2020

Fálase agora da necesidade imperiosa de investir en I+D+i (Investigación, Desenrolo e innovación tecnolóxica)

Investigación, Desenvolvemento e Innovación: Tarde piaron

Valorar (19)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS


En marzo de 2012 escribía neste mesmo medio un artigo titulado “O coñecemento emigra” no que se falaba da ausencia de oportunidades para as nosas universitarias e universitarios  que facía que consideraran seriamente a posibilidade de desenvolver a súa labor profesional fora de Galiza, feito que se consumou desgraciadamente. Xa entón acendiamos todas as luces de alarma sobre a perda dun capital humano que dificilmente volverá ao país e no que se investiu tantos cartos na súa formación. Este coñecemento perdido e a ausencia de investigación, desenvolvemento e innovación polas políticas neoliberais bótase agora a faltar. 

Fálase agora da necesidade imperiosa de investir en I+D+i (Investigación, Desenrolo e innovación tecnolóxica). Vese claramente o necesario que houberan sido estas ferramentas para atallar unha crise tan excepcional como a que estamos pasando e que cada carto gastado neste eido non solo houbera axudado a atallar esta situación senón que habería provocado un aforro en recursos económicos espectacular. 

Resulta esclarecedor a porcentaxe do PIB que invisten determinados países en I+D+i: USA (2,742%), Xapón (3,584%), Corea do Sur (4,292%), Israel (4,109%), UE (2,03%), Reino Unido (1,701%), Brasil (1,15%), China (2,1%), Alemaña (2,869%), Francia (2,256%), Italia (1,287%), Finlandia (3,174%), contrastando con España (1,222%) e Galiza (0,94%). Galiza, por debaixo do 1% está ao mesmo nivel de investimento que a maioría dos países terceiromundistas. Deixo para o
lector a análise política de que tipo de goberno hai en cada un destes Estados. 

Por outra banda non resulta nada doado competir con Oriente en man de obra non cualificada, por moito que nos pese. Se temos algunha oportunidade esta pasa por explotar aquilo no que non temos rival e que a entrada na Unión Europea nos foi arrebatando. Galiza é un país rico en potencia, máis as súas potencialidades están a ser anuladas pola ausencia de capacidade dos galegos e galegas de decidir sobre os seus propios recursos. Son outros centros de decisión os que gradualmente van anulando unha a unha as nosas capacidades: estaleiros, pesca, leite, agro, eólicas...

Recuperar estas capacidades produtivas nas que somos expertos e dificilmente superables é prioritario, máis tamén o é a aposta pola I+D+i e para elo resulta fundamental reter e recuperar o coñecemento adquirido que fuxiu cara a fora cunha xeración enteira que non atopa posibilidades de subsistir no seu propio pais. Non vai ser doado recuperar todo ese coñecemento pero hai que poñerse a elo canto antes.

Fronte esa necesidade fúmonos atopando con recortes sen ningunha visión de futuro e con ausencia total de estratexias de recuperación. Sectores vitais como sanidade, ensino e servizos sociais viron recortadas as súas capacidades. 

O Goberno presidido por Feixóo dende a súa chegada ao poder no ano 2009 aplicou unha estratexia dirixida a desmantelar a Sanidade Pública para darlle negocio a empresas privadas amigas. Redución dos orzamentos sanitarios con recortes tremendos  en persoal e camas hospitalarias, desmantelamento da Atención Primaria, medidas privatizadoras nos hospitais e áreas sanitarias. 

A AGDSP (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública) xa nun informe de 2015 relataba en varios puntos a desfeita: Redución do orzamento sanitario público (que agora é dun 23% desde o 2009); Recortes de persoal (máis dun 30% fronte a un 8% do Estado); Recortes en camas (ate chegar a 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes fronte a 8,28 do Estado); Desmantelamento e a privatización do Sistema (privatización de hospitais, privatización do Laboratorio Central de Galiza, privatización da alta tecnoloxía por medio da figura de “socio tecnolóxico”, privatización da investigación); Externalización de recursos e servizos estratéxicos do Sergas a empresas multinacionais e fondos de investimento, entre outras numerosas medidas adoptadas. 

Centos de galegas e galegos, formados en especialidades científicas e tecnolóxicas, non tiveron máis remedio que emigrar para poder exercer a súa carreira, e todo elo debido aos recortes nos investimentos en ciencia e tecnoloxía. Todos eles chegaron a países que, desenrolando intelixentes pero tamén obvias estratexias, estanse a aproveitar deles para impulsar o seu crecemento. 

E para máis escarnio todo ese coñecemento, perdido e aproveitado fora, foi  pagado cos cartos das galegas e galegos que cos seus impostos sostiveron as universidades nas que estudaron, estudan e estudarán esas persoas.

A innovación ten a capacidade de crear demanda e posibilidades de negocio en áreas totalmente novas. É dicir, temos que aproveitar as potencialidades que temos secuestradas pero tamén temos que apostar por crear novos nichos de negocio a través da I+D+i  e para elo é fundamental facer que volva todo o capital humano no que reside o noso coñecemento. 

Os soldos que reciben os estudantes que con bolsas traballaban en investigación eran e son irrisorios, temendo ademais que en calquera momento a falla de recursos dera  por rematada a súa labor investigadora. A lóxica opción foi marchar fora, a países onde os seus traballadores séntense valorados e ben recompensados o que incrementa a súa implicación e motivación.

Chégase tarde para afrontar esta crise, máis debe servir de toque de atención para que nada volva a ser igual e dunha vez por todas, o coñecemento, a investigación, o desenvolvemento e a innovación pasen a formar parte fundamental dos orzamentos da administración galega. Vainos no asunto a saúde, pero tamén a competividade e unha economía forte para a que o noso país ten ferramentas e coñecemento, que hai que recuperar en grande parte, de sobra.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña