12:24 Domingo, 07 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

31-03-2020

Os días de confinamento lévanme a escribir sobre a nosa relación coas desgrazas humanitarias e aportar algúns elementos para a reflexión sobre o futuro que deberemos construír cando todo isto remate

Vimos de descubrir que tamén nós somos vulnerábeis

Valorar (18)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Os días de confinamento lévanme a escribir sobre a nosa relación coas desgrazas humanitarias e aportar algúns elementos para a reflexión sobre o futuro que deberemos construír cando todo isto remate.

Quen vivimos en Europa occidental estamos verdadeiramente horrorizados coa actual situación, coas informacións de centos de persoas mortas cada día, algunhas coñecidas, a limitación das liberdades individuais e sobre todo pola sensación colectiva de que tamén nós somos vulnerábeis.

Se botamos a vista atrás había 75 que non se producía unha catástrofe humanitaria semellante de carácter continental, a IIª Guerra Mundial, e non temos presentes na nosa memoria tampouco situacións semellantes aínda que foran de menores dimensións; os acontecementos máis próximos dese tipo foron a guerra na ex-Iugoslavia rematada hai máis de vinte anos, e o recente conflito de Donbáss; pero ambos tiñan unha explicación máis “lóxica” ao tratarse de enfrontamentos armados e ao producirse do outro lado do pano de aceiro nos os víamos como nosos; na mente da meirande parte da povoación europea a propaganda da guerra fría e da post-guerra fría segue facendo estragos, e Rusia, Ucraína ou a ex-Iugoslavia pensamos que están moito máis lonxe que os EEUU.

As mortes no Afganistán, Siria, Iemen, Libia, Palestina..., as pateras que cruzan o Mediterráneo deixando milleiros de cadáveres no mar, as 260.000 persoas que morreron nun día no tsunami do océano Índico hai uns anos, os 1000 nenos e nenas que cada día morren no mundo -365.000 cada ano- segundo a Unicef por enfermidades derivadas da ausencia de auga potábel... Todas esas catástrofes humanitarias pasan por diante dos nosos ollos desde hai décadas cando vemos a televisión ou lemos un xornal, pero incluso a maioría das persoas que temos por sensíbeis non nos sentíamos directamente afectadas por elas.

Víamos o que estaba acontecendo en China nos meses pasados, pero China é un mundo moi afastado do noso aínda que vivamos rodeados de aparellos fabricados nese país; e incluso puidemos ler e escoitar a quen falaban de que esa pandemia que se estaba estendendo por China ía ter un efecto positivo, pois pararía en seco o avance económico dun xigante asiático que amosaba, os seus pes de barro ao non ser quen de atallar a enfermidade.

Pero o tempo pasou, o sorriso despectivo de algúns mudou para incredulidade diante das imaxes que chegaban de Italia e a incredulidade transformouse en medo, confinamento nas vivendas e unha sensación colectiva de que non vivíamos tan seguros como nos facían crer.

Somos tan vulnerábeis como o resto de seres humanos, e só hai unha diferenza ao respecto das persoas que viven en África ou en América Latina, eles sábeno, nós aínda non nos demos recuperado do choque e imos tardar en asumilo.

Para cando desapareza o perigo sanitario, que agardo sexa canto antes e co menor número de mortes posíbel, deixo algúns elementos que na miña opinión deberían ser obxecto de reflexión individual e colectiva, unha reflexión moi necesaria se queremos limpar o ceo das negras nubes que se anuncian:

  • A Unión Europea respondeu diante da pandemia como o que é, un instrumento do neoliberalismo sen intención de saír en apoio dos povos que precisan axuda. Se o estrangulamento de Portugal e Grecia abriron os ollos non hai moito a xente que aínda cría o de que o problema eran os xestores e non a propia orixe e obxectivos da UE, a actuación diante desta pandemia desgraciadamente avala a quen sempre a rexeitamos.
  • O demo chinés aínda non recuperado da pandemia e a pequena Cuba que sofre un bloqueo criminal desde hai sesenta anos foron os primeiros en ofrecer primeiro, e facer efectivo a continuación o seu apoio para combater as consecuencias do virus e atopar unha vacina.
  • O que levou no estado español a non illar os principais focos de contaxio non ten explicación a menos que esta sexa de carácter político, por non estar dispostos a asumir que Madrid como entidade, non os madrileños nin as madrileñas, pode ser un problema; e non querer darlle a razón á Generalitat catalá ou ao nacionalismo galego que o pediron desde o primeiro día.
  • Nas desgracias colectivas sempre hai quen buscar tirar o seu beneficio limpando a imaxe con campañas publicitarias moi efectistas, as doazóns caritativas de Inditex, Abanca e outros actúan en terreo abonado pola desesperación e o histerismo colectivo.
  • O clasismo propio da ideoloxía dos sistema capitalista demostra que é todo aparencia, pois son en grande parte profesións desprezadas e feminizadas as que nos están permitindo respirar como sociedade; traballadoras da alimentación, agricultores, persoal de servizos de limpeza, coidadoras...
  • Só un servizo público de calidade, neste caso o sanitario, pode facer fronte a catástrofes colectivas e actuar sen establecer diferenzas entre as persoas, vexamos senón a situación nos EEUU nestes días.}
  • Poñer nas comparecencias de prensa diarias do goberno a varios militares cos seus uniformes e non a profesionais sanitarios coas súas batas brancas, pode levar á xente a manter o confinamento pero non por convencemento senón por medo; e cando o medo se fai dono de unha sociedade remata por ser ela mesma a que abre a porta ao autoritarismo, paso previo a saídas neofascistas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña