11:49 Domingo, 07 de Xuño de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-03-2020

“A rutina afecta tamén ós fieis. O pobo, educado secularmente nos rezos en castelán, acepta pacificamente a alienación lingüística [...]. O ilóxico, por frecuente, parece lóxico"

A Igrexa non galega de Galicia

Valorar (17)

MANUEL CABADA CASTRO


A verdade é que me dá xa un pouco de preguiza darlle e volverlle dar ó martelo de ferreiro pra lle conferir forma axeitada na zafra a un candente tema do que en tempos anteriores me ocupei xa máis dunha vez (por exemplo en A cómoda inercia castelanista da Igrexa galega tras o Concilio Pastoral de Galicia ou no posterior Sobre o castelanismo da Igrexa galega deica o Concilio Vaticano II).

Si. Évos sobre esa recorrente e –polo que semella- inacabábel problemática da disonancia que lle produce a calquera simple observador o feito de que no Estado español teñan por unha banda rango oficial xunto co castelán tres outras linguas oficiais -o éuscaro, o catalán e o galego-, mais que por outra parte e dunha maneira especial esta última, o galego, estea de feito sometida a unha rechamante infrautilización pública no seo dunha institución que polo demais profesa, teoricamente alomenos, ser amiga e defensora de pobres e asoballados (misión esta a exercer por ela non dun xeito meramente accesorio ou secundario, senón esencial e primario). Dunha tal profesión de xenerosa entrega a tales persoas se esperaría naturalmente un comportamento en concordancia coa mesma, e xa que logo un modo de descendemento desde as alturas dunha cómoda e suposta alta dignidade propia á realidade concreta e cultural das xentes do concreto país no que o anuncio do evanxeo pretende inserirse.

Esta é e segue maioritariamente a ser a flagrante contradición na que habita a praxe (a maila agachada teoría que a sostén) da relación da Igrexa galega coa lingua propia do país en que está. Pois é só o galego a única lingua que lle é realmente “propia” ó país galego, dado que desde a súa creación polo xenio popular deste país tralo ocaso do imperio romano foi ela sostida, utilizada e agarimada tanto polas clases populares como polos seus gobernantes durante séculos ata a posterior e interesada intromisión colonizadora castelá a comezos da época moderna. Hoxe estamos suficientemente informados (remito o amábel lector, por exemplo, a toda a terceira parte do meu volume Galicia. Raíces e compromiso, 2015) sobre como desde esa perturbadora e desestabilizadora intromisión política castelá os representantes xerárquicos eclesiásticos, empezando cos de maior rango ata os de menor relevancia, iniciaron o seu perigoso (no que se refire ó que debería ser a súa específica función) achegamento ideolóxico ós novos usurpadores, facendo uso da nova lingua importada, supostamente superior, pra se dirixiren de moi diversos modos ós integrantes dun pobo que, pese á nova situación imposta, se mantivo sempre maioritariamente fiel ata o presente á súa propia lingua, o galego.

É tan forte e está tan enraizada en Galicia (a diferenza do que ocorre en Euskadi ou Cataluña) esta inercia eclesial castelanista que ata nos mesmos tempos actuais -incluso despois das pertinentes disposicións tanto do Vaticano II como do posterior Concilio Pastoral de Galicia a prol do uso do galego por parte da Igrexa na súa relación coas xentes do país- o emprego da nosa lingua por parte dos representantes eclesiásticos está baixo mínimos incluso no medio rural onde o uso do galego fóra dos sacrais muros da igrexa veciñal é absolutamente maioritario. Por algo o mesmo X. Alonso Montero, daquela aínda Presidente da Real Academia Galega, dicía no seu artigo A normalización lingüística e as dereitas galegas (“La Voz de Galicia”, 25 de xaneiro de 2016) que a Igrexa era unha “institución que, no esencial, nunca se comprometeu, en serio, nin no agro, coa lingua dos fregueses”. En tal sentido e en relación co mencionado Concilio Pastoral de Galicia aludía E. Vidal Estévez no ano 2013 na revista “Encrucillada” (no seu artigo A Igrexa e o momento crítico da identidade galega) ó que deixara escrito o bispo Araúxo no seu escrito “Memoria de vida” ó respecto nos seguintes termos: “Ter esquecido o Concilio Pastoral de Galicia é un pecado histórico de omisión que ten que magoar as costas dos bispos de Galicia”. Engadindo pola súa parte a autora do artigo: “O Concilio Galego, polo menos respecto á lingua, está morto ou fóra de servizo”...

En realidade, esta notábel diferenza do comportamento xerárquico eclesial en Galicia respecto do que ocorre coas outras dúas linguas de Cataluña e Euskadi (que xunto con Galicia constitúen as tres chamadas “nacionalidades históricas”) é algo que non comeza en época relativamente recente, senón que se arrastra xa desde os tempos do Concilio de Trento, como ben puxo de relevo por exemplo no seu artigo Lingua galega e relixión (“Grial”, 1990) X. Ferro Ruibal, onde este alude ademais claramente ás motivacións políticas deste comportamento específico ou diferencial co país galego da Igrexa, sobre a que chega a dicir: “Esta Igrexa actúa secularmente en Galicia en aberta contradición coa súa propia doutrina teolóxica e xurídica, coa súa xenuína tradición, coa actuación que vén mantendo noutras latitudes” (o. c., p. 350).

Por iso, cando hoxe en día se pode aínda oír persoas, supostamente pías, que en relación cos usos eclesiásticos ou litúrxicos no país galego a xente prefire o castelán ou que nela non existe “demanda” do galego, é moita inconsciencia non se decatar de que o uso da lingua de calquera país non se cambia senón por presións externas (en definitiva políticas ou relacionadas co poder ou o “imperio” exterior). E neste sentido seguen a ser ben válidas as reflexións do mesmo Ferro Ruibal cando no aludido escrito (de hai xa trinta anos) se expresaba sutilmente da seguinte maneira:

“A rutina afecta tamén ós fieis. O pobo, educado secularmente nos rezos en castelán, acepta pacificamente a alienación lingüística [...]. O ilóxico, por frecuente, parece lóxico. O pobo non vai reclamar masivamente a galeguización da relixión, da mesma maneira que non reclama o teléfono ou a ducha quen non fixo a experiencia de usalos a cotío. Nihil volitum quin praecognitum [...] A xente non demanda a galeguización. É que, cando o enfermo demanda a medicina, xa está medio curado. Precisamente a falta de demanda indica a gravidade do mal. Nin debemos esquencer que, cando un pobo renuncia á súa lingua e asume a doutro pobo, é que o están presionando para que faga así. A disculpa da falta de demanda pode resultar cínica se vén dunha das Institucións que a provocaron” (o. c., p. 351).

Case unha década despois, o catedrático e académico Ramón Lorenzo no seu Discurso de recepción na RAG co título de Reflexións crítico-eruditas e sentimentais sobre a lingua (1999) abundará pola súa parte tamén neste tipo de consideracións en relación co estraño ou sorprendente caso galego. Velaquí o que nos recorda:

“A Igrexa Católica Galega seguiu con devoción ó Imperio e contribuíu decididamente á castelanización, inundando tamén o galego de palabras alleas [...] No século XVI a Galicia non podía chega-la Reforma luterana [...], pero tampouco chegou o espírito do Concilio de Trento, pois cando nel se di que se traducise o Catecismo e se predicase na lingua do pobo, a Igrexa Católica, sempre tan preocupada polos intereses patrios, considerou que a lingua do pobo en Galicia era a que falaban uns pouquiños poderosos e esqueceu totalmente o idioma da maior parte da poboación. E así continuou ó longo dos séculos deica os nosos días, sen querer mudar de criterio. En 1963 [...] o Concilio Vaticano II decidiu que a Igrexa debía, por fin, utiliza-la lingua falada en tódalas cerimonias [...], pero en Galicia as autoridades eclesiásticas, moi identificadas co réxime franquista, seguiron considerando que a lingua do pobo en Galicia era o castelán e o 1 de xaneiro de 1965 admitiron a liturxia nesta lingua. Só á forza autorizaron o 7 de xaneiro de 1969 a liturxia en galego, pero só puxeron pexas para que se levase a cabo” (p. 63).

No canto de aludir a algunhas outras pasaxes do encomiábel, desenfadado e libre escrito de Ramón Lorenzo, voume limitar a ofrecer ós lectores só os parágrafos finais dese “Discurso”, pois coido que, a pesar da súa amplitude, veñen ben a conto en relación coa temática que nos ocupa:

“A Igrexa, en xeral, segue sendo allea á lingua maioritaria. Se, como din eles, hai inferno van todos de fuciños para el e ben que o merecen [...], pois están pecando contra os propios mandamentos eclesiásticos, que lles ordenan utiliza-la lingua da comunidade, que en Galicia, mentres non se demostre o contrario, é o galego.

Dá pena entrar nunha igrexa parroquial e ver ó crego facer tódalas cerimonias en castelán, cando el normalmente fóra do altar fala con tódolos fregueses en galego. O mal que fixeron e seguen a facer é terrible e resulta incomprensible tanta falta de caridade cristiá.

Esperemos que haxa unha revolución respecto á lingua. No mundo actual todo está en contra das linguas coma a nosa e nada favorece a súa conservación. Pedirlles ós que teñen os poderes que nos apoien é inútil porque nunca o fixeron. Teremos que loitar nós dunha maneira máis efectiva para que os nosos netos e descendentes poidan seguir disfrutando dela.

Por Galicia. Porque Galicia existirá mentres exista a lingua, porque se o galego vai esmorecendo, se non se recupera e non se impón na nosa terra, Galicia non terá razón de existir. Un pobo que non sente orgullo de fala-la súa lingua, que non comprende que a cousa máis importante que o ser humano ten é a lingua, un pobo así non ten dereito a existir como entidade diferencial” (p. 64).

Posibelmente non poucos eclesiásticos ou “pastores” receen que a súa xusta, necesaria e cristiá conversión á lingua discriminada do pobo escorrentaría do recinto sacro aquelas “ovellas” que alomenos de momento aínda non teñan chegado á plena consciencia da relevante problemática aquí encerrada. En cuestións deste tipo son certamente sempre precisos de parte dos chamados “pastores” tempo, pedagoxía, información auténtica e máis ca nada comprensión fonda dunha mensaxe que está preponderantemente dirixida ós pobres e discriminados da sociedade e do mundo. Por iso o “ev-anxeo” anunciado pola Igrexa non pode ser presentado no que se refire ó seu contido ou ás súas formas á marxe do modo de ser físico e cultural (lingüístico tamén polo tanto) do pobo concreto onde, con liberdade e autenticidade, é proclamado. En tal sentido os modos de ser concretos, físicos e culturais, dun determinado pobo non son aquí algo accidental, simplemente accesorio ou –digámolo así- meramente folclórico... Tódolos pobos, posuidores dunha determinada cultura, teñen dereito a seren plenamente respectados nas súas características propias, por moitas violencias e asoballamentos que ó longo da historia teñan padecido.

Poderiamos dicir que é aquí onde alomenos nos últimos tempos a chamada sociedade civil intenta pola súa parte interpelar a Igrexa desde posturas que non poden, máis alá –se se quere- das súas formas de expresión, ser cualificadas simplemente como anti-evanxélicas. Pois o Espírito sopra onde quere, e hai que supoñer que o Espírito sabe ben o que fai... Neste contexto o lector podería achegarse, por exemplo, ó breve escrito de Méndez Ferrín (“Faro de Vigo”, 26 de xuño do 2015) que leva como título “Mareantes e arraizados”, no que loa o correcto comportamento absentista de determinados alcaldes galegos en relación coa cerimonia da ofrenda do Reino de Galicia ó Santísimo Sacramento en Lugo: “alcaldes laicistas de Galicia” –dise alí-, que “ao revés dos bispos, falan e escriben en galego”. Ocasión esta que lle servirá tamén a M. Regal Ledo só poucos meses despois (“Encrucillada”, nº 194, setembro-outubro 2015) pra comentar en semellante sentido sobre o tema o seguinte: “O leve recordo do Reino en sete cidades? Non é máis doado agocharse nas cómodas miudezas do pasado ca non afrontar no presente o que de verdade nos identifica e cuestiona? Que facemos, por exemplo, coa lingua, este, si, sinal de identidade de Galicia? Que se fai coa lingua na catedral de Lugo ou na de Santiago, onde adoito se oen todas as linguas do mundo menos o galego?”.

A título xa de vivencias ou recordos máis persoais Xosé-Henrique Costas González (da Universidade de Vigo) lembraranos así mesmo no volume editado en homenaxe ó P. Seixas no ano 2015 co título de O padre Xaime Seixas Subirá. Pregoeiro da irmandade elementos importantes e significativos que conforman unha deformada e lamentábel relación da Igrexa galega coa lingua propia do país.

Dísenos alí:

“Na segunda metade de década de 1970, co remate do franquismo e a vinda da II Restauración borbónica, novos aires se instalaron na vida española. Pero a Igrexa galega teimou no seu anacronismo, pois para moitos bispos e pastores o uso da lingua galega estaba asociado no seu imaxinario a unha determinada ideoloxía e moitos deles foron ‘educados’ nos seminarios no desprezo absoluto á lingua galega. Varios compañeiros meus de carreira en Santiago de Compostela testemuñan que eles estudaran o COU nos seminarios de Lugo e Ourense (curso 1979-1980) e que neses centros o uso da lingua galega estaba prohibido e catalogado como ‘pecado venial’ (!!!): os que eran sorprendidos falando galego debían engadir este cargo ao carriño de pecados que debían confesar. Isto sucedía quince anos despois do Concilio Vaticano II e un ano despois do Concilio Pastoral de Galicia [...] Estes e outros feitos fixeron que desde aquela me afastase moito daquela institución que en conxunto –e con felices pero contadas excepcións-, na miña opinión, contribuíra e seguía a contribuír incomprensiblemente á desgaleguización lingüística de Galicia”.
No contexto desta desgaleguización lingüística práctica da Igrexa galega, afirmaba tamén pola súa parte neste mesmo ano Pedro Castelao (profesor da Universidade Pontificia Comillas e director da revista “Encrucillada”) no seu artigo A Igrexa e o galego: un problema de secularización (“La Voz de Galicia, 29 de xullo de 2015) que “as autoridades da Igrexa non parecen nin tan sequera sensibles aos problemas do galego”.

E así poderiamos continuar a ofrecer comentarios semellantes, críticas, etc. a unha situación que en calquera caso non semella corresponderse coa mensaxe mesma que a Igrexa pretende transmitir.
Así pois, e xa a xeito de remate, un non pode menos de lembrar, aínda que só sexa pra xustificar o título, para alguén posibelmente un tanto provocador -A Igrexa non galega de Galicia- dos precedentes comentarios, unhas liñas que en “Encrucillada” (1977) escribía hai agora xa preto de medio século A. Torres Queiruga, co título de Reflexións teolóxicas sobre o nacionalismo. As súas Reflexións, que rematan cunha pregunta, son estas: “Moitos factores poden certamente explicar que a igrexa teña actuado como correa de transmisión de actividades claramente opresivas ou alienantes; por exemplo: contribuír a privar a un pobo do seu idioma, da súa cultura, dos seus usos e costumes. Pero ningún pode xustificalo. Honestamente non podemos esquivar a pregunta: ¿en que medida existiu –existe- de veras unha ‘igrexa galega’? (as cursivas son miñas” (p. 39).

A tal pregunta tratei de responder sumariamente pola miña parte nesta breve achega. Perténcelle xa agora ó cabal lector responder a ela por si mesmo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña