20:20 Xoves, 01 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-03-2020

Teño que confesar que, como moit@s da miña xeración, non son a persoa máis versada do mundo no que ao uso das novas tecnoloxías se refere

Teledocencia e teletraballo en tempos de crise

Valorar (48)

ROBERT NEAL BAXTER


Teño que confesar que, como moit@s da miña xeración, non son a persoa máis versada do mundo no que ao uso das novas tecnoloxías se refere. Ben sei que existen trebellos que permiten a realización de vídeo conferencias, mais até agora non tivera moitos motivos para acudir a eles para alén de episodios moi esporádicos.

Porén, coa inesperada chegada do confinamento estabelecido co obxectivo de frear o avanzo do novo coronavirus, vinme precipitado a marchas forzadas cara ao mundo da teledocencia, coa consigna da miña universidade de seguir ministrando as aulas do xeito máis normal posíbel dentro das circunstancias.

Mais, onde unha porta se cerra, outra se abre. Sempre procurei velar polo ben do estudantado ao meu cargo e pola súa aprendizaxe, e agora chegou o momento de botar mao das ferramentas tecnolóxicas ao meu dispor para garantir que as estudantes poidan seguir a gozar dos direitos que contrataron no momento de formalizaren a súa matrícula, incluído o de asistencia às aulas. Para a miña surpresa, descubrín que a teledocencia funciona con relativa normalidade e fluidez, grazas tamén à colaboración d@s compañeir@s ao partillaren as súas experiencias e ferramentas mediante seminarios en liña (webinars)... Trátase dun intercambio de experiencias que resulta vital xa non só para axilizar e maximizar a docencia através da rede, mais tamén para criar e manter unha comunidade humana, aínda que só sexa de xeito virtual, que contribui para combater o isolamento e previr os posíbeis problemas de saúde mental que, sospeito, non van ser menores entre a populación.

De feito, como alternativa às tradicionais aulas presencias, a teledocencia oferece unha serie de posíbeis vantaxes, sobretodo para estudantes que padezan ansiedade (trastornos de ansiedade social, de personalidade esquiva...), que teñan problemas de mobilidade física ou mesmo para axudar a compatibilizar horarios, o que non quita que se deban axeitar os espazos físicos para atender às necesidades de todas as estudantes nos proprios centros. A teledocencia ten tamén a grande vantaxe de limitar a pegada de carbono ao reducir os desprazamentos até os centros de ensino.

Mais tamén, como todo nesta vida, non todo vai ser vantaxes. Existe inevitabelmente un certo nível de improvisación debida à propria natureza totalmente inesperada da situación. E, ante a falta de suficientes aulas virtuais proprias, hai que recorrer de momento a ferramentas comerciais como Skype (que pertence a Microsoft) ou Zoom, co conseguinte risco de ter que ceder e partillar dados persoais, xunto coas posíbeis limitacións de uso que se impoñen no caso de versións gratuítas. Que sirva de lección para que as universidades galegas invistan no desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías en que poderían chegar a ser punteiras ao servizo da comunidade educativa.

Mais, contodo, hai que subliñar que a infraestrutura da rede e a cobertura de fibra óptica na Galiza seguen a ser insuficientes, sen falar xa da simples cobertura telefónica: a brecha dixital é unha realidade non só nos países ‘subdesenvolvidos’ do hemisferio sul.

A situación é especialmente premente no rural, mais non só. A escasos quilómetros do edificio da Xunta na capital galega, foi só despois dunha dilatada loita constante que finalmente conseguimos que se conectase a nosa casa, obrigatoriamente coa empresa privada Telefónica, que segue a gozar dos privilexios dunha compañía estatal, mais sen nengunha das obrigas que entrañaría un servizo público real.

E non esquezamos tamén que nen os computadores nen as conexións à rede son gratuítas, e que haberá cada vez máis familias que, como consecuencia dunha previsíbel vaga de despedimentos oportunistas sob o pretexto de ERTEs, se acharán sen os recursos necesarios xa non para se permitiren o luxo de acceder à rede, mais simplesmente para faceren a compra e pagaren o aluguer.
En suma, con toda a boa vontade do mundo, a teledocencia e o teletraballo non resultan viábeis se non se dispón dunha conexión rápida, fiábel, segura e accesíbel para todas.

Esta situación de desleixo histórico por parte da Xunta ten un paralelismo dramático no progresivo e insidioso desmantelamento do sistema público de sanidade, podéndose apreciar agora máis do que nunca as consecuencias mortíferas da ideoloxía neoliberal, segundo a que a saúde e o ben-estar públicos se subordinan à lóxica da rendibilidade e a procura do lucro.

Esperemos que, unha vez superada esta crise, aprendamos a lección e que, cando, por fin, se realicen as eleccións, @s galeg@s non se contenten con aplaudir @s traballador@s do sector desde os balcóns, mais aposten na saúde e os servizos públicos tamén nas urnas.

Ollando xa máis para o futuro, tanto a teledocencia como o teletraballo poderían supor un revulsivo nos ámbitos educativo e laboral. Mais tamén hai que lembrar que a educación e o traballo representan moito máis do que a aprendizaxe de conteúdos e unha fonte de ingresos económicos, respectivamente. Tamén son ámbitos de contacto humano, de socialización, de interacción, de coñecemento mutuo... Ao igual que a loita sindical baseada na unidade de acción d@s traballador@s, a posibilidade de as mulleres traballaren fóra da casa non só lles proporcionou independencia económica, mais tamén lles brindou a ocasión de se coñeceren, de partillaren as súas experiencias e problemáticas e de se organizaren para as resolveren conxuntamente. A unión fai a forza.

En definitiva, para que o teletraballo e a teledocencia sexan factíbeis, necesítase antes de máis investir en I+D+I para dotar a Galiza e @s galeg@s das infraestruturas e servizos de que adoecen. Mais estas alternativas sempre deben ser unha opción, e nunca a norma, pois, como imos aprendendo nestas semanas, viver enclaustrado a longo prazo, sobretodo en soidade, pode ter consecuencias negativas para a saúde psíquica e física.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña