14:42 Martes, 07 de Abril de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

16-03-2020

O Lehendakari Urkullu sempre presumiu de que o seu partido é o mellor xestor e que temos a sorte de vivir no oasis vasco

A boa xestión de Urkullu no oasis vasco

Valorar (6)

RAÚL RÍO DÍAZ


O Lehendakari Urkullu sempre presumiu de que o seu partido é o mellor xestor e que temos a sorte de vivir no oasis vasco. Deixando aparte a relación deste partido cos condenados no caso De Miguel que cobraban comisións aos construtores, porque o tema da corrupción parece que vai no ADN de todos os partidos de dereitas, e incluso no de algúns que se din de esquerdas, esa boa xestión da que presume veuse abaixo ante os feitos que acaeceron a partir do día 6 de febreiro as 16.02 horas, cando unha gran cantidade de terra, cascotes e lixo de 500.000 metros3 se desprenderon dun vertedoiro de Zaldibar, xestionado pola empresa Verter Recycling 2002 SL, dos que 3.000 caeron sobre os carrís da AP-8 e na estrada N-634, sepultando a dous traballadores baixo o lixo, feitos ante os que a súa xestión e o da empresa Verter Recycling non puido ser mais deficiente e catastrófica.

Parece que para a administración que preside, o mais importante era liberar as vías de comunicación que intentar buscar aos dous traballadores desaparecidos, que, por certo, días antes xa avisaran á empresa da aparición de gretas no vertedoiro, ás que os responsables da empresa non lles deron importancia. Non se fixo nada por buscalos antes de liberar as vías, pero despois de liberadas detectáronse varios puntos de lume debido ao gas metano en contacto co aire, e, para que vexamos que aínda se pode facer moito peor, nin Lakua(1) nin a empresa alertaron da presencia de amianto, a pesar de ter coñecemento dilo ambos os dous, xa que foi precisamente o Goberno Vasco, quen deu permiso para depositar alí este material en 2007, pero non se aplicou o protocolo de seguridade ante este elemento canceríxeno, nin se aportou aos traballadores os medios e a protección necesaria e, so cando se atoparon co amianto entre o lixo, Osalan(2) mandou deter os traballos de busca dos desaparecidos.

Debido aos incendios que se deron no vertedoiro, o Departamento de Medio Ambiente fixo, o día 9, medicións da contaminación do aire instalando un captador de partículas de alto volume DIGITEL, afirmando que todo estaba ben e baixo control e que se agardaban os primeiros resultados para o venres 13, pero a incompetencia é tan grande que no mes de febreiro non houbo ningún venres 13, e foi o venres14, pasadas las 20.00 horas, cando informaron finalmente dos resultados das mostras tomadas o día 9, que detectaron uns 700 femtogramos de dioxinas e furanos por metro cúbico, 50 veces por encima do habitual que soe estar nos 30 femtogramos.

Foi entón cando cambiaron de opinión debido á cantidade de dioxinas e furanos, que segundo un experto do Instituto de Investigacións Biomédicas de Barcelona aumentou o risco dos veciños a sufrir certas alteracións na saúde a longo prazo. Aconsellaron pechar portas e ventás nas poboacións de Zaldibar, Ermua, Mallabia e Eibar, non saír da casa e non facer deporte, polo que tamén, ese mesmo día , suspenderon o partido entre o Eibar e a Real Sociedade, que se ía celebrar o 16. Non era nada o do ollo e levábao na man.

Mentres tanto o comportamento do Lehendakari foi tan nefasto como prepotente; pois cando o día 10 (catro días despois),na rolda de prensa, na que anunciou o adianto das eleccións, foi preguntado pola súa ausencia en Zaldibar, dixo que se trataba dunha catástrofe natural e que o que ocorrera alí era un accidente laboral, o que para el eran argumentos dabondo para abalar a súa postura e que non ía cambiar, nin estar por estar alí polas campañas de Twitter, rematando con un: si non hai nada mais, grazas e... ¡precampaña! Sen embargo, vista a magnitude do caso e debido á presión social, acudiu o día 12 á zona na que se produciu o derrube. Acudiu seis días despois daquel fatídico día no que quedaron sepultados os dous traballadores que aínda hoxe seguen desaparecidos, pero, por si fora pouco, o pasado día 24 faleceu outro traballador, un emigrante senegalés de 24 anos de idade, cando traballaba tamén noutro vertedoiro na localidade alavesa de Murga e, como non!, votáronlle a culpa a el.

Os familiares reclamaron desde o primeiro momento os cadáveres dos desaparecidos, pois din que non desapareceron no mar, senón nun terreo ben delimitado, e o pasado día 7 deron unha rolda de prensa fronte á entrada do vertedoiro para expresar o seu malestar porque aínda non apareceran os corpos e queixándose de que o apoio que están sentindo por parte da cidadanía non o reciben das institucións.

A pesar destes desastres na xestión, Urkullu non gusta das críticas e na vez de recoñecer o fracaso da súa xestión e intentar solucionar o problema andaba de precampaña, visitando e inaugurando empresas, recibindo ao “embaixador” de Juan Guaido para apoiar o Golpe de Estado en Venezuela e o mesmo día 12, no que visitou o vertedoiro, o portavoz do Goberno, Josu Erkoreka, asegurou nunha entrevista en Radio Euskadi que a calidade do aire e da auga era moi boa, que o Lehendakari estivo ao tanto desde o primeiro día e aos sindicatos e á sociedade que reclamaban explicacións chamoulles carniceiros políticos que xa estaban en campaña electoral, escondendo a información que se lle solicitaba.

Para mais escarnio e falta de respecto a nosa intelixencia, non queren asumir responsabilidades políticas botándolle toda a culpa á empresa, porque Lakua deixou de “tutelar” industrias de risco para a saúde, segundo o Plan Interinstitucional de Promoción Económica 2000-2003, aprobado en febreiro do ano 2000, polo entón conselleiro Josu Jon Imaz, porque o desenrolo empresarial necesitaba da mínima intervención do Departamento de Industria, Comercio e Turismo na posta en marcha de instalacións industriais, así que non constatou o risco de derrube porque se limitou a dar por bos os informes da empresa, e aseguran que a partir de agora xa teñen a solución, porque coa incineradora de Zubieta xa non farán falta vertedoiros. Quererán queimar alí tamén o amianto que tiraban antes en Zaldibar e encher o aire de dioxinas e furanos como os que saían dos incendios do vertedoiro.

Din que cando veñen non ven unha soa, e outro grave fallo desa boa xestión deuse na ineficacia e aplicación do protocolo para combater o coronavirus (Covid-19), pois a unha médico que advertiu o 17 de febreiro que tiña síntomas de estar infectada non lle deron maior importancia, facéndolle as probas unha semana despois, nas que deu positivo, cando xa deixou infectados a varios compañeiros e compañeiras do hospital Txagorritxu de Gasteiz, sendo hoxe Euskadi un dos países con mais casos de coronavirus por habitantes do mundo. Todo un oasis.

(1).- Sede do Goberno Vasco. (2).- Instituto Vasco de Seguridade e Saúde Laboral.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña