21:36 Domingo, 12 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-03-2020

Viaxando no tempo, observamos que esa preocupación polo léxico xa está presente nos textos de Frei Martiño Sarmiento (1695-1772)

A reivindicación do léxico galego, tema xa de antigo

Valorar (14)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Entre todos os tipos de interferencias que se poden detectar en situacións de contacto lingüístico entre dous ou máis idiomas, as referentes á compoñente lexical tórnanse unhas das máis evidentes. Para o caso galego, as infiltracións vocabulares do español ou españolismos exemplifican un nivel de penetración o suficientemente numeroso como para daren forma a un dos máis serios perigos para a sobrevivencia da lingua. Nestes medios, Carlos Garrido comeza a súa volumosa obra Léxico galego: degradaçom e regeneraçom (2012) subliñando que “todos os ámbitos constitutivos do galego –ou variante galega da língua galego-portuguesa–, o correspondente ao léxico é o que hoje se manifesta como mais degradado”.
 
Para alén das consabidas circunstancias do percurso histórico do país e da lingua nos ultimos séculos, as características da compoñente lexical do idioma explican a causa de que as interferencias vocabulares do español sexan tan abundantes na lingua ou, cando menos, que sexan máis frecuentes que noutros ámbitos da reflexión gramatical. Face a inventarios fechados que non se poden alterar, como os fonolóxicos ou os morfemáticos, o léxico estrutúrase en campos lexicais e semánticos en que continuamente están a se incorporar novos elementos, en canto outros fican na obsolescencia e van sendo vagarosamente esquecidos. Así, ao paso que, por exemplo, vira máis difícil modificarmos o número de pronomes persoais clíticos de dativo (me, che, lle, nos, vos, lles), moito máis doado se torna que *silla compita con cadeira ou que *ventana se sume ás hipóteses de xanela ou fiestra. Ao mesmo tempo, a existencia de varias denominacións locais tradicionais para un mesmo referente, varias delas coñecidas por unha notábel masa de galegofalantes, parece dar licenza á incorporación doutras de cuestionábel orixe; podemos citar como exemplo o híbrido *comadrexa, que temos ouvido nalgunhas ocasións, que pretende agruparse xunto aos de denosiña e denociña, dona ou doniña, donociña e donosiña, donicela e donisela, delonciña, dona das paredes etc.  

Viaxando no tempo, observamos que esa preocupación polo léxico xa está presente nos textos de Frei Martiño Sarmiento (1695-1772). Se fixermos esa viaxe cara aos finais do século XIX e ao primeiro terzo do século XX, poderemos igualmente reparar en que a penetración de elementos lexicais foráneos tamén non foi indiferente ás persoas interesadas pola lingua. Aínda, quizais non sexa má idea pensarmos que diversas variedades lingüísticas, como por exemplo as utilizadas no mundo tradicional, estarían nunha situación menos delicada que as falas dos nosos días no sentido de posibelmente teren unha menor influencia do idioma oficial da época. Porén, isto non foi óbice para que a entrada de españolismos mesmo na variedade literaria fose combatida nin que se estivese mal considerada. Neste sentido, xa A. Elías Martínez, nun artigo intitulado “Academia gallega” dado a lume nas páxinas de El Heraldo Gallego en 1879, deixaba constancia comprensivamente de que a maior parte de autoras e autores da época non conseguira fuxir de tales erosións: “no han podido librarse del contagio de las incorrecciones, precisamente por que todos sus trabajos son de edificación y porque á cada paso tropiezan con obstáculos insuperables, en la senda que sin guia y sin mas auxilio que sus propias fuerzas recorren. Así, vemos que unos hacen un censurable empleo de los diminutivos, otros que repudian palabras genuinamente gallegas, aplicando las equivalentes castellanas, como luna por lua, donde por onde, cadenas por cadeas; quienes mezclan confusamente palabras gallegas y castellanas, y muchos con el afan de imprimir á sus composiciones un sello característico, prefieren emplear palabras de dudosa procedencia, pero de pronunciación más fácil, antes que usar las propiamente gallegas”.  

Tamén Saco Arce, autor da Gramática gallega (1868), manifestaba en 1876 a súa opinión a tal respecto no artigo “Poesía gallega contemporánea. Sus defectos más comunes” nas páxina do ourensán El Heraldo Gallego; a súa atenciosa observación reparou naqueles vocábulos alleos a que se lles aplicaba unha fina capa de verniz galeguizador: “Daña finalmente á la pureza del lenguaje el emplear voces castellanas galleguizadas, ó sea, mas ó menos modificadas en su estructura material, para comunicarles cierto aire del país; lo cual es generalmente efecto de la ignorancia ú olvido de las propiamente gallegas. En composiciones de nuestros mejores poetas, tropiezo con vocablos como ‘conexo, lexos, aleixar, conozo, unhos, poda,’ etc. en vez de ‘coello, lonxe, alongar, coñezo, us ó uns, póida ó pódea.’ Es de advertir que algunas de estas formas censuradas y otras muchas de este jaez hallan ya grande acogida en el lenguaje usual de las poblaciones próximas á las ciudades. Es muy común oir ‘aconsexar, cuchera, guëro [sic], güerta, sépea, puñia, haiga,’ etc. en lugar de las formas legítimas ‘consellar ó aconsellar, culler, ovo, horta, saiba ó sábea, puña, haxa.’. De suerte que si los buenos hijos del país no trabajan por atajar esta creciente descomposición de su lengua, si no se disipa esa vergonzosa preocupación que nos hace ruborizarnos de hablar con pureza el lenguaje de nuestros abuelos, no tardará en alcanzarse sobre las ruinas del legítimo gallego tradicional, un gallego macarrónico, una informe jerga que servirá de transición entre el lenguaje de nuestros antepasados y el de Castilla que aspira a reemplazarlo […]. Urge, urge poner sin demora un dique á este mal”.  

Como acontece na actualidade, tamén naqueles tempos o vento daba con forza na proa. O hábito, o costume, o desleixo, un influxo “inevitábel” etc. continua(ba)n a garantir a presenza de españolismos lexicais na lingua, tal e como denunciou Antonio Losada Diéguez no seu discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos, lido en Santiago de Compostela en 1924 e publicado postumamente na revista Nós no ano 1930: “Onde se ergue a mais grande dificultade é ô decatarnos de que moitos levados por unha costume y-unha infruenza pol-o d-agora inevitábel remoen o seu pensamento con verbas casteláns qu-os libros y o ensino sementaron y afondaron, y-ata a feitura do falar leixase pouco a pouco o aire galego”.  

Certamente, son ben ilustrativos estes excertos relativamente ás ideas sobre o léxico galego e ás preocupacións pola sobrevivencia da lingua dos seus respectivos autores. Interesa, pois, salientarmos algunhas desas cuestións por seren, as máis delas, extrapolábeis á época actual. O primeiro asunto que talvez conveña glosarmos é o referente á magnitude do problema, isto é, ao feito de que, conforme sinalou Elías Martínez, a totalidade de escritoras e escritores non foi capaz de ficar sen o pruído da interferencia gratuíta, nin mesmo os primeiros vultos da reemerxente literatura galega oitocentista. Ese pruído –e aquí colocariamos a seguinte idea que cumpriría subliñarmos– conseguiu, por hábito dos utentes ou por desleixo das persoas que escribían en galego, que tales formas foráneas tivesen moita proxección nas obras literarias. O terceiro aspecto digno de ser resaltado parte da base, conforme o lúcido parecer de Saco Arce, de ser preciso que as persoas naturais “del país” se impliquen na erradicación desa situación, ou, dito doutra forma, de non poder utilizarse unha lingua autóctone o máis libre posíbel de influencias alleas se non houber antes unha necesaria querenza e autoestima polo propio idioma. A cuarta idea relevante contén o ensinamento de que tamén son interferencias as formas castelás galeguizadas ou adaptadas no mínimo á fonética da lingua, tema igualmente presente noutros autores. Por último, o sentir do clérigo ourensán lévanos a ponderarmos a derradeira das cuestións, cal é a imperiosa necesidade, tanto entón como agora, de frear, mediante un “dique” ou a través das medidas que se estimaren oportunas emanadas dunha verdadeira política lingüística, toda esa maré desnaturalizadora para o galego; as consecuencias de se iso non practicar, moito máis na actualidade que en finais do século XIX, poden implicar o desaparecemento do idioma, segundo tamén asisadamente observou Saco Arce.  

Por outra parte, as interferencias son capaces de seren clasificadas de diversos modos. Unha desas maneiras asenta na súa atestación no territorio, pois varias de tales influencias poden estar máis ou menos presentes en todo o país (ahora, bueno, dios, gallego etc.) e outras, contrastivamente, só se van documentar en determinadas rexións ou en certos grupos de falantes. Algo similar debía de acontecer en finais do século XIX e mesmo en épocas inmediatamente posteriores: Marcial Valladares, en Elementos de gramática gallega (1892), por exemplo, indicaba como na comarca da Estrada certas voces eran pouco ou nada usadas e como se empregaban no seu lugar as palabras procedentes da lingua oficial:  “en nuestro país del Ulla, nadie, ó casi nadie, dice ya alcipreste, arámio, Bièito, cabalèiro, calivèra, candelèiro, doce, enveja, fogo, fròita, habanèiro, igreja, ó ireja, sabán, segredo, sino, ciprés, alambre, Benito, caballero, calavera, candelero, dulce, envidia, fuego, fruta, habanero, iglesia, sábana, secreto”. Porén, en textos de diversos autores e autoras, ben como en poesías pertecentes ao cancioneiro tradicional, rexístranse en ocasións as formas autóctones, o que  pode dar idea do distinto grao de resistencia da lingua en diferentes comarcas: pensamos en vocábulos como cabaleiro, doces, fogo, froita, igrexa ou eirexa etc., segundo se verifica após a lectura da obra A lingua literaria galega no século XIX (2005), na cal participamos xunto aos nosos colegas da Universidade da Coruña Xosé Ramón Freixeiro Mato e Goretti Sanmartín Rei.  

En síntese, os eruditos do Rexurdimento e do primeiro cuartel do século XX concederon ao léxico un papel certamente protagonista na dignificación e compromiso real coa lingua. De parecido modo, tamén na actualidade se ve na compoñente semántico-lexical un dos primeiros ambitos que deben ser tidos en conta para a súa constante mellora. Nestas contas, concluímos o presente contributo a nos sumarmos á reivindicación  contida nas palabras da profesora María Pilar García Negro, que, no seu libro De fala a lingua: un proceso inacabado (2009), reclama que se faga fincapé, “dunha vez por todas”, na “necesaria reposición semántico-léxica” para “dar ao idioma a saiva a e xenuidade que precisa”, exixencia que didacticamente asumimos como unha das moitas actuacións de que necesita a lingua para a súa normal utilización e sobrevivencia.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña