21:03 Domingo, 12 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-03-2020

Arroupado por centos de persoas nun Pavillón de Ourense o 1 de marzo, Freixó, o César redivivo, celebrou o seu undécimo aniversario como presidente da Xunta

Ave, César Freijóo

Valorar (9)

LOIS DIÉGUEZ


Arroupado por centos de persoas nun Pavillón de Ourense o 1 de marzo, Freixó, o César redivivo, celebrou o seu undécimo aniversario como presidente da Xunta. Ministros, conselleiros, cargos do PP, alcaldes, concelleiros e Presidente da Deputación de Ourense (a única que lles queda, co señor Baltar á fronte, herdeiro dunha saga de caciques que segue, contra vento e marea, aí), e mozos e mozas ben destacadas… rodearon o César, dispostos todos a aplaudilo e vitorealo, fixese ou dixese o que lle petase. Cun ex-presidente do goberno de España tamén (aquel que tivo que deixar a presidencia pola corrupción reiterada do PP). E co presidente de tal partido, tan pacífico e simpático el, deixando a un lado a mala hostia que sempre o caracteriza, e o acoso constante contra un goberno que non dan dixerido, cumprindo tamén así o seu papel de familia ben levada nesa España que non dá despegado o seu tufo franquista nin aínda que llo ordenase o seu patrón “Santiago el Matamoros”.

Mais, pese ao coidado meticuloso dos detalles na escenificación, escapáronselle outros que, precisamente pola súa ideoloxía españolistísima e dereitosa, seguen a renxer na meniña aberta, respectuosa e democrática de calquera: o Freixó no centro do escenario, vestido con medido xersei e pantalón simplemente para disimular a súa estética clásica e mesmo paiola de traxe e garabata. El, aínda presidente da Xunta, pisando durante o espectáculo a bandeira da nación, a da Galiza, que lle puxeron de alfombra os estetas e ideólogos do partido. Imaxinades a bandeira española usada dese xeito por el e a rexia compañía?. Era o chan dos seus pés, a bandeira que dicía amar, pisada durante todo o espectáculo polo noso presidente. E rodeando ao César nese pavillón convertido en palacio momentáneo, ben destacadas, as proclamas, os carteis, coas chamadas xa utilizadas como Xunta de Galicia (o programa real de Freixó e o PP para Galiza): “Galicia é calidade”, “Ourense é moito”, e sobre todo, Feijóo, Feijóo, Feijóo… enchéndoo todo e lucindo, único e destacado, tamén no atril no que el e os demais foron falando. Feijóo, Feijóo, Feijóo.. o César da nova política da vaidade e da chulería, da mentira e da manipulación, do teatro… rodando.

Despois, na palabra preparada para acompañamento de tal estética, o que dixeron uns e outros, bébedos de loanza e peloteo. Mais, antes que ninguén, el, sempre el: que o deixara todo por Galicia para ser o seu presidente, e tamén deixara un ministerio (no subconsciente escapábaselle o seu verdadeiro desexo: ser ministro de España); e que puido ser presidente do PP ou Vicepresidente con Casado, ou conselleiro doutras comunidades… a gloria, pois, tal como el a concibe. Todo iso en español, claro (idioma que curiosamente utiliza habitualmente coa xente nova, o sector social que durante o seu mandato pasou maioritariamente a ser analfabeto no idioma propio de Galiza), e que rematou coa frase melódica de “Galicia Galicia Galicia y por cuarta vez vamos a ello” (é dicir, a conseguir de novo a maioría, “el ello”).

Galiza, non foi precisamente unha nación respectada no mínimo nestes corenta anos de democracia. O PP, herdeiro do franquismo, seguiu dominando toda a estrutura política e social. Non mudou nadiña, e eles, os neofranquistas que enchían as alcaldías desta nación en 1980, seguiron impregnándoo todo con ese tufo, con esa estética paiola característica do fascismo. Freixó é o exemplo máis nidio desta política. En once anos, rexionalizou o país, empobreceuno de xeito perigoso en toda a súa estrutura económica, (máis de cincuenta mil mozos e mozas tiveron que marchar durarante o seu “reinado” ao estranxeiro); perseguiu o idioma até dialectalizalo e privatizou de xeito escandaloso todos os servizos públicos principais: sanidade (entregada aos seus amigos tramposos (de Trump)), o ensino no que agora se empeña na batalla para que sexan os pais quen elixan o dioma a usar e os temas a ensinar. O traballo, con el, chegou a tal precariedade que xa chega aos extremos de pobreza. Secuestrou a RTVG, pública, nosa, coa mentira e a manipulación en escandalosa inmoralidade, para gloria e servizo del e do seu Partido (sae el máis ca Franco nos No-Do, e Casado como se fose o presidente do goberno español), ao mesmo tempo de entregarlle millóns de euros dos nosos cartos aos medios que seguen a españolizar e rexionalizar tamén, ao xeito del, a nosa nación, como pode ser La Coz de Galicia, á que lle deu unha boa tallada.

O canto ao Ave, César Freixó que esmaga e nega os nosos dereitos e as características principais da nosa nación (nin unha soa competencia pediu en once anos, o españolísimo), non ten fisura, aínda hoxe, e aquí está o problema. E a desinformación, a ignorancia, a despolitización no aspecto de formación, o control absoluto dos medios de información que terían que axudar a combater estas eivas se realmente fosen libres, novamente, poden conseguir que o César siga empeñado na glorificación absoluta do seu bandullo. Sería como darlle carta de natureza ao suicidio colectivo. Así que, miñas conveciñas, galegas e galegos, como sigamos deste xeito, imos ter que ser nós quen acudamos ao Santiago, mais ao noso, é dicir, ao Santiaguiño do Monte, que é o humilde e peregrino. Mais agardo que non sexamos tan devotos. Chin chin e por GALIZA. Amén.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña