18:59 Martes, 25 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

07-02-2020

Das dúas fusión, Oza-Cesuras, (2013) é o municipio da súa comarca que máis poboación perdeu no último ano. Dos 5.275 que sumou en 2014 pasamos a 5.101 no último censo de 2019

De fusións, áreas metropolitanas, comarcas e deputacións

Valorar (31)

RAÚL FERNÁNDEZ IGLESIAS


De como organicemos o territorio depende a Galiza que desexemos, unha con aglomeracións de persoas en grandes urbes e o resto baleirado, ou outra na que se poña en valor o rural e as persoas se sitúen no territorio do xeito que sempre foi, dispersada, que non ven sendo unha eiva senón máis ben un valor e unha característica moi nosa. A riqueza do rural ten que ser aproveitada dun xeito que comparta ecoloxía e economía. E iso non se amaña con actuacións propagandísticas de Feixóo dando cartos (de todos) para fomentar as fusións ou co modelo decimonónico dunhas deputacións deseñadas para dividir o territorio e crear dependencia de Madrid.   

Hai xa uns anos que Feixóo arremeteu coa teima das fusións. Dentro dun falso debate dos custos que provocaban os políticos e a grande cantidade de concellos, pareceulle unha iniciativa electoral de fácil acomodo na sociedade vender as fusións. Claro que ese argumento fundamentábase en varias falacias, nin os políticos supoñían un gran gasto (a maioría dos e das concelleiras solo cobran por asistencia a plenos e comisións), nin Galiza se pode comparar con outros territorios. Dos 8.131 concellos que hai no Estado, na Galiza temos 313 (3,85% cando en poboación somos o 5,74%), moi poucos en comparación, por exemplo, con Castela e León (2.248), Castela-A Mancha (919), Catalunya (947) e Aragón (731), por poñer soamente unhas comunidades.

Ademais na Galiza, pola súa dispersión e avellentamento da poboación, non resulta moi recomendable reducir as infraestruturas que tiñan cada un dos dous concellos a unha soa, atendendo esta a unha suma de extensión das dúas. As distancias seguen a ser as mesmas e os servizos estarían a maior distancia provocando graves problemas, tanto á nosa poboación maior como á recollida de lixo por poñer un servizo. O resultado acabaría sendo o de concentrar á xente nos núcleos urbanos baleirando o rural.

Esas fusións, baleiras de criterio, nin de lonxe supuxeron ese revulsivo territorial que vaticinaba Feixóo, e é que non poden artellarse fusións dende afinidades políticas de dous alcaldes que o deciden así ás costas da veciñanza e incentivados por inxeccións de cartos dende á Xunta, que ademais solucionaba a situación persoal do alcalde cesante colocándoo nun escano no Parlamento.

Das dúas fusión, Oza-Cesuras, (2013) é o municipio da súa comarca que máis poboación perdeu no último ano. Dos 5.275 que sumou en 2014 pasamos a 5.101 no último censo de 2019, achegándose perigosamente aos 5.000 habitantes que suporía baixar unha escada tributaria (dun coeficiente de reparto na participación dos fondos do Estado, do 1,17 pasaríase a outro de 1). Estes dous municipios fusionados pasaron a ter 150 km cadrados (5 veces a extensión do concello de A Coruña) o que da unha ratio de 34 habitantes por km. cadrado. A día de hoxe a Xunta segue a premiar a fusión con cantidades xenerosas (que detrae de outros concellos) sen que medie xustificación algunha.

Non son mellores os datos de Cerdedo-Cotobade (2016), dos 6.160 habitantes que sumaron na súa fusión pasamos a 5.699 no último censo, achegándose así mesmo perigosamente á cota dos 5.000 habitantes. Estas nefastas fusións, ao chou, non implican que todas as fusións sexan malas, hai algúns casos concretos que poderían ser recomendables, pero, nin de lonxe son a solución.

Unha solución mellor, en teoría, serían as mancomunidades, asociacións libres de concellos para prestar determinados servizos conxuntamente, máis falla polo anterior, xa que ao final e por ser voluntarias, acaban sendo constituídas atendendo a afinidades políticas. A solución pasa polas comarcas, unhas comarcas ben planificadas e estudadas, con razóns históricas, económicas, xeográficas e sociais, creadas por lei e que serían rurais ou urbanas atendendo a súa composición. Comarcas urbanas que serían as que se veñen chamando Áreas Metropolitanas.

Claro que a creación das comarcas non pode supoñer a engádega dunhas administracións máis; sobrarían uns entes supramunicipais tan cuestionados como son as deputacións que non pintan nada a día de hoxe. Creadas por Javier de Burgos, Secretario de Estado de Fomento e despois Ministro de Facenda, no 30 de novembro de 1833, para deseñar un Estado centralizado que dividía as nacionalidades históricas en provincias que logo dependían directamente de Madrid. E os criterios para a división foron os de agrupar a un determinado número de persoas (entre 100.000 e 400.000 daquela) e non tardar máis dun día en chegar á capital, suponse que en carruaxe ou en burro por aquela época. Como se pode ver foron feitas con moito sentidiño.

Resulta xa moi esgotador o argumento esgrimido en contra das ideas nacionalistas sobre o territorio e a desaparición das deputacións, de que se non se cree nelas, por que se participa do seu goberno. A resposta é doada: as transferencias de capital que se derivan ás deputacións en detrimento dos concellos fai imprescindible a presenza, mentres non desaparezan, para evitar políticas de clienterismo como as que practica a Deputación de Ourense.

E mentres hai que aturar leis como esta nova de ordenación do territorio que significará "destrución, degradación e desfeita do territorio", en palabras de Luis Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galiza, unha lei que provocará o "crecemento caótico das áreas urbanas e a desertización do medio rural", con "agresións medio ambientais de plantacións forestais de crecemento rápido, mesmo na Rede Natura e terreos agrarios, con políticas descontroladas das actividades extractivas, unha lei da selva en materia de residuos, a degradación da costa e do litoral e as agresións paisaxísticas enumeradas na estratexia paisaxística aínda sen directrices".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña