11:39 Martes, 07 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-06-2010

Parece que, perante o aluvión de receitas agresivas dos “ricos da terra”, preferimos agochar a cabeza debaixo da á

A sede avarenta dos ricos

Valorar (44)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ



Dá a impresión de termos sangue de orchata. Parece que, perante o aluvión de receitas agresivas dos "ricos da terra", preferimos agochar a cabeza debaixo da asa. De súpeto nos vemos inmersos nunha situación de descarada crudeza. Os propagandistas do sistema, que levan anos inxectando anestesia nos pobos, abandonan parte da súa retórica eufemística. Prometeron o mundo das posibilidades individuais sen límite e o progreso constante. Pasan agora a nos intimidar e amedoñar, esixíndonos sacrificios e retrocesos colectivos como forma de superar unha "crise económica" que provocou a sede avarenta de diñeiro dos "grandes da terra", hipopótamos que desexan para si sós o ar que respiramos, como dicía xa Rosalía sobre os capitalistas na súa novela "Ruínas".

A maior parte da sociedade aínda prefire crer que é un mal soño, un accidente fortuíto pasaxeiro. Non despertemos do engano inducido e desexado, da fantasía urdida pola mestura explosiva de individualismo, competitividade e adoración do becerro de ouro. Velaí o  trípode do frontispicio para a felicidade persoal no mundo global, sen fronteiras, progresista e cheo de posibilidades, que se anunciaba... O "New Deal" para o século que comezaba foi acompañado do sórdido pavor de armamento sofisticado. É natural a matanza de discrepantes en terras colaterais para seren conquistadas por diferentes e sospeitosas. Mais velaiquí, de súpeto si, todo apareceu negro, problemático, no terreo económico. Hai unha estupenda ocasión para virar unha volta máis o parafuso da chaqueta metálica que nos adestra e preme, para maior satisfacción, tranquilidade e proveito dos avarentos. Hai que chegar á orxía triunfal dese capitalismo que nos facía acreditar que lle era inherente a creación de riqueza ilimitada con migallas para todos, unha excrecencia da inmortalidade. Mais agora tornouse sombrizo para nos esixir que a súa pervivencia natural, indiscutíbel, pasa por empobrecer os máis para gañaren moi poucos. Predican, con ostentación obscena, o que se dou en chamar comunismo de ricos: socializar as perdas, secuela das súas xogadas, e privatizar as ganancias, produto do esforzo colectivo...

Así pensan salvar a contradición dun sistema esgotado. Tense xa comparado cunha especie de casino no que corre o diñeiro, só para faceren máis diñeiro, a xeito de covacha inmunda con luz artificial, afastada da persoa como ser social, válida por sí e con dereito a unha vida digna . Porén, as persoas deben soportalo e fornecelo, sen controlalo sequera for por razóns hixiénicas. Os gobernos eleitos nas urnas funcionan como conserxes ou botóns que, ubicados á entrada, se encargan de vocear urbi et orbi as consignas dos cupriers. Unhas veces fanno con ton xeremiaco e compunxido, resignado; outras con ton enérxico e intimidador, conforme mandan os tafures.

O corolario ten unha lóxica esmagante, as perdas e débedas privadas convértense en débeda pública. As transacción financeiras internacionais, especulativa e pouco ou nada reguladas, acaban por teren marca dunha nación ou dun estado, debendo responder por elas o erario público. Os banqueiros sen escrúpulos dannos leccións de austeridade. Os empresarios corruptos e ineptos sermonean sobre o aumento da produtividade e a necesidade de sacrificios. Os estados centrais e poderosos do grande mercado globalizado no seu interese, arroxan, displicentes, pauliñas sobre o gasto excesivo doutros periféricos: hainos que meter en cintura para que paguen, en tempo e forma desorbitada, os cartos prestados para consumiren debidamente.

Predomina a vista obnubilada en relación ao horizonte futuro e os ouvidos xordos fronte aos que timidamente discrepan. Só existe o sentido do aquí e agora. No plano monetario, significa garantir a estabilidade da moeda que inventaron e aplicaron uniformemente a unha realidade económica diferente, a estados e nacións con realidades políticas e culturais e necesidades non homoxéneas. Non padecen pola miseria e a precariedade maior que van provocar. Antes que nada, o dogma, que eles violaron sempre que lles conviña. Non se guían polo afán de reducir o paro en todo a UE, incluída a periferia. Non atenden a que, sen economía produtiva -base agraria e sector industrial- resulta imposíbel un desenvolvemento económico harmónico que faga viábeis as nacións da periferia e as súas sociedades. Polo contrario, aproveitan a ocasión para afondar no que lle tocou a cada quen no reparto desigual.

A xerarquía estatal e nacional é agora máis explícita, e formalizada. A desigualdade de clases e de persoas faise máis tráxica. Por que non reaximos, de forma máis contundente, perante feitos tan aberrantes e inxustos?. Con énfase inusitada o poder real -esa especie de goberno económico do mundo- actúa como se chegar por fin o momento de situarse, tamén formalmente, por enriba dos gobernos e do poder político. O capital transnacionalizado e os estados hexemónicos ditan programas e camiños a seguir a través do Banco Mundial, FMI, da Comisión Europea, da OCDE, ... Como é posíbel que aínda fiquen tantos devotos do soño europeo, cando se revela un pesadelo mesquiño, ruín, usureiro e cheo de prexuízos e fobias ideolóxicas? Após faceren algúns gobernos da UE, concretamente o español, panexíricos  entusiastas durante moitos anos, agora son vapuleados e desprezados como representación dunha sociedade de inútiles, vividores a costa doutros por enriba das súas posibilidades. Un dos estados menos endebedados da UE, canto ás contas públicas, aparece como un dos chourizos, con San Benito acusador, e danlle unha receita irónica: combater o paro con máis paro e precariedade. Hai que devolver os cartos dos vicios privados transnacionais mesmo sexa a costa de provocar recesión económica e recortes nos servizos públicos, aumentando a desigualdade e a pobreza. Xustamente o único que non recomendan nin sequera os economistas ianquis que desexan un capitalismo de rostro máis humano, para salvalo.

Dise que o capital e os capitalistas non teñen patria. En certa maneira é verdade, pero vemos que  reaxe, cando lle convén, con absoluto desdén  informando, de forma sinuosa e confusa, sobre quen presta a quen, sen aclarar  con que intereses, e acusando das súas golfas festas expansivas a algúns Estados, como se foren avalistas que deben pagar os pratos rotos . Para colmo coincide, en grande maneira, o acusado de debedor con quen foi desposuído da súa capacidade de producir.

A confusión é inacción reinante na sociedade recuarán se somos quen de facer que avance do noxo moral á acción social e política, se comprendemos o que está a pasar na realidade. A solución non está no sacrificio que nos piden-impoñen. Hai que saber que imos sacrificar e con que finalidade. Entón recoñeceremos que os recortes do gasto dos gobernos servís cos que están avarentos de sede de diñeiro son un atraco para aumentar a indixencia e a pobreza, para non rectificar a esencia do modelo, para afondala. A verdade é que resulta letal aceitar a  anulación de soberanía, de capacidade de decidir dos pobos, se queremos  procurar saídas favorábeis á maioría, rectificando erros e asumindo sacrificios que nos leven a un maior benestar colectivo no futuro. Comeza a aceitarse que a UE é un groseiro enxendro político que non pode evitar a preminencia  dun mercado deseñado por mercaderes e especuladores de retórica tan gastada que provoca risa. Foron moitos os galegos e galegas  inducidos a aceitaren un deseño que significou o maior espolio da nosa capacidade e da nosa riqueza. Anularon a nosa potencialidade en sectores produtivos básicos para converternos en inútiles e indefensos consumidores.  A rectificación deste sistema, tan irracional como desigual, parece que é incompatíbel co capitalismo de casino; os intentos de facelo serán  seguramente acusados de comunismo resucitado,  polos altifalantes dos hipopótamos globais. A verdade é que chama a atención o silencio de tanto español patrioteiro, obsesionado co Estatut Catalán ou alporizado coas aspiración do galego a ser unha lingua normal na súa sociedade, perante os desprezos, inxerencias e imposicións que chegan desde fóra, sen rechistaren. É sintomática esta alianza de globalización, centralismo estatal e antinacionalismo.

Fica pouca  marxe para un europeísmo acomodaticio que, se antes era necio, agora é suicida. No noso espazo xeográfico, a UE expresa a respiración abafante e absorvente dos hipopótamos avarentos que negan o dereito dos demais a respiraren. Custará saír da confusión, da intimidación e do medo. Traballemos para logralo desde aquí, na concreción dun país periférico, Galiza, que tanto o necesita, que tan prexudicado foi e que tanto ten a gañar coa rectificación do modelo. Non respondamos aos males da globalización con propostas de máis globalización. Sería camiñar por sendeiros que conducen a un inferno humano maior. 


1 2 seguinte

[26-06-2010 20:41] silviavazquez comentou:

Hai veces que necesitamos ler verdades coma puños para pensar que non estamos soas e para acreditar que as nosas reticencias do pasado ao respeito da UE, o neoliberalìsmo bestial , a globalizaciòn etc. non eran do sèculo XIX versus modernidade europeìsta " cool" senòn produto dunha reflexiòn intelixente como a que lemos exposta con toda claridade e precisiòn sen tintes de toques con aparienza de modernidade. Parabèns Sr. Rodriguez!

[25-06-2010 17:01] Medios comentou:

Hoxe o presidente da Xunta, ven de anunciar a bombo e platillo, diante de Deus e dos Santos, o que parece que vai ser a próxima burbulla. Millóns de euros metidos nun plan de desenrolo de novas tecnoloxías. Xa está ben de sermos mercado para os produtos de outros!!!. Temos que producir. Onde están os miles de licenciados, con niveis de formación ata o de agora inéditos, que non aplican os seus coñecementos ao deseño de procesos produtivos viables para as nosas materias primas? OPOSITANDO?. Estámonos convertindo se non o somos xa nun pais subsidiado en grande medida, e con un sector terciario moi desenvolvido e moi vulnerable á crise. Se isto non cambia mal imos....

[24-06-2010 13:57] calexas comentou:

Coma sempre: extraordinario, dando no clavo con precisión e claridade y propoñendo solucions ideolóxicas, de movilización da sociedade y, de paso, ridiculizando a os neoliberais que ainda quedan no BNG. Por certo, ¿en que consiste abrirse a sociedad como pregonan alguns?. Ollemos o que quedou dos partidos que a nivel estatal y europeos aplicaron a receta "nova politica y abrirse a sociedad...?. Graciñas po lo artigo.

[24-06-2010 12:22] Vitoria comentou:

Imposíbel resumir mellor a situación actual dun capitalismo moribundo pero obrigado a triunfar como sexa e a costa de quen sexa. O pior: o seu logro de desmovilización social que levou ao aletargamento das sociedades.

1 2 seguinte
Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña