21:23 Domingo, 12 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-02-2020

Por Decreto lei tamén se aprobou a revalorización linear das pensións nun 0,9 por cento mantendo con esta insignificante suba as pensións mínimas

Defensa dos débiles

Valorar (11)

EDUARDO ÁLVAREZ


A semana pasada, nunha entrevista con motivo da suba do SMI a 950 euros, a ministra de Traballo afirmaba que este executivo ten unha mirada profundamente social. Este é o cambio. E como ten ese nesgo social, sabemos que as institucións e a lei están para defender os débiles. As institucións están para defender os de abaixo, os grandes xa se defenden eles sos...

Na non nata Lei de orzamentos para 2019, consensuada entre o Goberno do PSOE e o grupo daquela denominado Unidos Podemos-En comú Podem-En Marea, a medida estrela consistiu no incremento do SMI no 22 por cento, pasando de 735,90 a 900 euros. Hai poucos días, Patronal, UGT, CCOO e a Ministra de Traballo acordaron elevalo a 950 euros.

Por Decreto lei tamén se aprobou a revalorización linear das pensións nun 0,9 por cento mantendo con esta insignificante suba as pensións mínimas á espera da aprobación dos orzamentos do presente ano. ¿Incrementaranse estas últimas nun misérrimo 3 por cento como sucedeu no ano 2019 tamén por acordo dos grupos políticos que conforman o actual goberno que sabe que as institucións e a lei están para defender os débiles? ¿Seguirán mostrando interese polas persoas máis desprotexidas mantendo a reforma do artigo 196 da Lei Xeral da Seguridade Social, modificado a través do Real Decreto-lei 28/2018, de 28 de decembro, validado no Congreso cos votos do PSOE e do conglomerado Podemos, que fixa o importe mínimo das pensións de incapacidade permanente derivada de enfermidade común no que se acorde anualmente na Lei de orzamentos e non no 55 por cento do SMI como recollía a lei antes da reforma regresiva, impedíndolles a estes pensionistas pasar dos 404,77 euros mensuais que percibían no 2018 aos 522,50 que cobrarían no 2019?   

Nada se fixo nin se dixo que ía acontecer co IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). No proxecto de orzamentos do Estado para o 2019, PSOE e Unidas Podemos acordaran a suba deste indicador no 2 por cento, pasando de 537,84 a 548,60 euros mensuais. Temémonos que este sexa o incremento que finalmente presente este Goberno nos orzamentos de 2020.

Este indicador foi creado polo goberno de Zapatero en 2004 co obxectivo de que as axudas e os subsidios das Administracións deixasen de calcularse con relación ao salario mínimo interprofesional para, con isto, ao rebaixar estas prestacións sociais, reducir o gasto público. A actualización deste índice na totalidade dos seus dezaseis anos de existencia supuxo a insignificante suba mensual de 77,34 euros e, desde 2009 até 2019, mantívose conxelado na práctica pois o incremento acumulado neste período de dez anos consistiu en 10 euros como podemos comprobar na seguinte táboa.



A conxelación do IPREM supuxo a perda de poder adquisitivo para as persoas que perciben estas axudas públicas como mínimo nun 15 por cento desde que foi implantado no 2004.

Mais non só iso, a falta de revalorización incumpriu tamén de forma reiterada a propia norma que o creou, o Real Decreto Lei 3/2004, de 25 de xuño, cuxo artigo 2 indica que este índice debe ser revalorizado anualmente nos orzamentos do Estado segundo a inflación.

Para que serve o IPREM? Entre outras cousas, para fixar os límites mínimos e máximos entre os que oscila a contía que se percibe pola prestación contributiva por desemprego, así como para establecer a contía mensual dos subsidios non contributivos por esa mesma causa. O IPREM tamén computa para o exercicio do dereito á asistencia xurídica gratuíta, marca os límites de ingresos para o acceso á vivenda de protección oficial e para as axudas ao aluguer. Asemade, inflúe na concesión e na contía das bolsas de estudo, tanto das garderías como dos colexios e dos estudos universitarios. O IPREM tamén se ten en conta para o cálculo da prestación non contributiva de maternidade cando non se reúnen os requisitos de cotización previa. O importe da Renda de Inclusión Social Galega (RISGA) tamén se regula por este índice, de forma que os seus beneficiarios unipersoais tiveron ingresos mensuais no 2019 de 403,38 euros, isto é, o 75 por cento do IPREM. O subsidio por tempo completo que perciben as persoas desempregadas do Servizo Público de Emprego está fixado no 80 por cento do IPREM, isto é, 430,27 euros ao mes.

Para dármonos unha idea das diferenzas experimentadas desde a creación do IPREM verbo do SMI, é bo ter en conta que no ano 2004 equivalía ao 93,82 por cento do salario mínimo e no 2019, ao 59,76 por cento. Isto é, o índice que serve para regular os subsidios e as axudas para aqueles sectores da sociedade máis necesitados deprezouse nun 34,06 por cento con respecto ao SMI e esta é tamén unha das razóns que explica que cada vez se incremente o número de persoas que, debido á desprotección pública, se ven na necesidade de acudiren á axuda das institucións benéfico-sociais privadas.

En definitiva, non atallar radicalmente a situación en que se encontran as persoas que perciben pensións mínimas contributivas ou non contributivas e todas as demais prestacións vinculadas ao IPREM supón incrementar a desigualdade, a pobreza e a precariedade.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña