03:32 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-01-2020

Espero non ser o único que se asombra ante tan patente e determinante proba da nosa presenza sobre a face da terra

Ethnos kallaikon, o pobo galego

Valorar (48)

MIGUEL RODRÍGUEZ CARNOTA


Existe ou non existe o pobo galego, tantas veces negado como suxeito de seu? E se é así, desde cando?

A dubida existencial énos desvelada desde os remotos outeiros nevados do suroeste de Anatolia. Alí, hai corenta anos, saíu de entre as ruínas dun templo helenístico dedicado a Afrodita un curioso relevo que representa unha figura feminina. Aos pés da alegoría, a resposta definitiva ás nosas inquedanzas: Ethnous Kallaikon, o que á altura dos nosos días vén ser do pobo galego. Ou, nunha outra tradución, hoxe aínda máis desafiante, da nación dos galegos (e das galegas, engadimos nós).

Espero non ser o único que se asombra ante tan patente e determinante proba da nosa presenza sobre a face da terra. Unha reprodución do relevo da alegoría galega do templo de Afrodisias está na exposición Galicia, un relato no mundo. Ela dá comezo a un percurso histórico que remata noutra muller, a tamén desafiante Santa labrega de Asorey, tan próxima a nós. Dúas mulleres retadoras enmarcando a nosa historia: unha é unha representación externa a nós, mais que nos recoñece abertamente como pobo; a outra é a autoimaxe secular de nós mesmas.

Contextualicemos. O Sebasteion de Afrodisias, feito nos albores da nosa era, cae a medio camiño entre as cidades turcas de Esmirna e Antalya. A
pesar de exhibir inscricións en grego, é un templo imperial romano, por un lado construído para honrar a Afrodita, a deusa do amor, e polo outro para presumir das conquistas bélicas. Algo así como os monumentos que inzan o National Mall de Washington, lugar onde se poden ver tanto as monumentais loas á democracia e aos dereitos civís como os extensos memoriais das guerras de Corea ou de Vietnam.

No Sebasteion, ao lado do pobo galego, existen representacións doutros remotos pobos subxugados. Entre outros, os etíopes, os dacios, os exipcios, os árabes, os xudeus ou os retos, hoxe parte dos suízos, teñen un lugar xunto a nós. Ningún tan lonxe de Anatolia como o galego, o cal nos dá a entender a ansia dos imperiais por alardear de teren introducido no seu esquema as terras, as riquezas e as xentes da fin do mundo, que eramos nós. Ningunha outra mención a ningún pobo peninsular agás o noso. Obviamente, nin rastro dese presunto pobo español que nos fan crer que existe desde o día seguinte á Creación.

E por aí seguimos. Imaxínense que en vez de facer referencia ao pobo galego, o tal relevo representase o pobo hispano: estaríamos fartos de coñecelo. Pasaríannolo por diante do nariz, día si e día tamén, como proba irrefutábel desa unidade de destino no universal que nace na prehistoria. Mais non. Aí pon o pobo galego ou a nación dos galegos, como queiran. A dos nosos antepasados, a de vostedes, a das nosas fillas e a de min mesmo. Só a nosa modestia histórica, chamémoslle así, fai que algunhas persoas teñamos que tardar tanto tempo en poder visualizar quen fomos, mentres que outras, a maioría, nin o sospeitan.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña