04:09 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-01-2020

O termo "lobos mariños" está sendo usado como recuperación da terminoloxía antiga para o nome común coa cal se nomean en galego ás especies de carnívoros mariños

Lobos mariños na costa galega

Valorar (11)

ALFREDO LÓPEZ FERNÁNDEZ


A pesar de non contar con colonias de lobos mariños na Galiza todos os anos chegan ás nosas costas.  

A tempada de lobos mariños vai de finais de ano a marzo do ano seguinte, é por iso que estamos en plena tempada e por aquí navegan xa varios exemplares.  

A toponimia litoral recolle varias praias, illotes e pedras denominados Lobeiras ou Lubeiras. Posibelmente, a presenza dos lobos mariños ao longo da historia fose semellante á actual, xuvenís de lobo mariño cincento, Halichoerus grypus, en dispersión ou exemplares solitarios e divagantes. A pesar destas referencias toponímicas non existen evidencias históricas da presenza de colonias no noso litoral.  

O debate lexicográfico
O termo "lobos mariños" está sendo usado como recuperación da terminoloxía antiga para o nome común coa cal se nomean en galego ás especies de carnívoros mariños, pinnípedes, do Hemisferio Norte.  

Foi extensamente usado en toda a Península Ibérica e así denominaron os descubridores aos pinnípedes atopados nos arquipélagos dos Açores e Madeira, e, posteriormente, aos carnívoros mariños, otáridos, do Hemisferio Sur, denominación que permanece na actualidade. É por iso que o correcto en galego sería denominar, simplemente, lobos mariños os pinnípedes e lobos mariños do Hemisferio Sur os otáridos.  

O termo, que xa recolle Plínio no século I, foi substituído progresivamente polo de "foca", de orixe grego, en español e portugués, ata tal punto que xa o recolle o "Tesoro de la lengua castellana o española" de Sebastián Covarrubias, no século XVII, ademais de vitulo marino. Tamén o "Vocabulário Portuguez e Latino" do século XVIII de Raphael Bluteau, recolle o nome de Phoca ou vecerro marinho e tamén lobo marinho, Vitulus marinus e boi marinho.  

Hoxe en día hai moitas persoas que non aceptan o nome de lobo mariño para o galego, ou o consideran confuso, porque o español utiliza este nome  para os carnívoros otáridos.  

En portugués un otárido é denominado "leão-marinho", conservando historicamente o nome de lobo mariño para a especie Monachus monachus, aínda actualmente presente nunha colonia nas ilhas Desertas do arquipélago da Madeira. Describindo a súa habitual presenza nas costas das illas o primeiro historiador da Macaronesia, Gaspar Frutuoso, en "Saudades da terra", no século XVI.  

A lenda dos homes mariños
Curiosamente o cardeal Jerónimo del Hoyo, no século XVII, recolle a lenda de que no noso mar viven os homes mariños, e os describe como seres recubertos de finas espiñas similares a pelos, que teñen ollos grandes e as mans reviradas de nadar ao plano. O cardeal, home de grande estima e seriedade, indica que son bo augurio de pesca e que son amigos dos humanos, ata tal punto que un día un quixo subir ao barco poñendo as mans na regala e diante da aflición do mariñeiro soltouse e separouse do barco cun saúdo.  

É por iso que o padre Jerónimo recomenda que lles dean pan, non vaia ser que sexan cristiáns, nun alegato que pode ser hoxe o primeiro no que consta unha actitude conservacionista na historia marítima, aínda que fose por un motivo cun trasfondo relixioso. Esta historia é retomada por Xurxo Souto no seu libro "O retorno dos homes mariños".  

Como actuar diante da presenza dun lobo mariño?
Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos nas praias entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara. Temos que ter conta que chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal poden baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.  

O recomendábel é:

- NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden respostar agresivamente e mordendo.

- NON BLOQUEARLLE A VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.

- ATAR OS CANS, se os levas pola costa, e procurar que non se acheguen ou o ataquen.

- MANTER SILENCIO, os berros e o barullo provocaranlle estado de alerta.

- AVISAR canto antes ao 112 ou ao 686989008, teléfono de coordinación da CEMMA, e colaborar coa Rede de Varamentos no operativo se fose necesario.  

Hai que ter en conta que non todos os animais precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou enfermos.  

Temos que ter en conta que son cachorros de poucos meses de vida e polo tanto sen medo ás novidades, mais inexpertos, polo que moitas veces non saben comportarse diante das adversidades, nin alimentarse ben.    

A UCI de lobos mariños  
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos mariños-CEMMA, que xestiona a Rede de Varamentos de Galiza e conta con autorizacións e apoio a través dun convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, ten instalada unha Unidade de Coidados Intensivos-UCI por se é necesario ingresar un ou varios lobos mariños en medio artificial controlado para rehabilitación.  

A primeira fase da rehabilitación lévase a cabo na UCI do Centro de coordinación da Rede de Varamentos en Nigrán, esta etapa é a máis delicada e os animais están en seco, con temperatura controlada e atendidos as 24 h. Unha vez que aprenden a comer e empezan a gañar peso pasan á segunda fase da recuperación.  

Esta segunda fase lévase a cabo actualmente nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura -IGAFA da Illa de Arousa. Nesta fase botan case todo o día na auga da piscina, non precisan unha atención tan estrita e o seu cometido é gañar peso e mobilidade. Unha vez que superan os 30 kg de peso estúdase o proceso de liberación de novo ao mar.  

A falta dun centro de recuperación específico, a colaboración de diversas entidades é crucial para levar adiante todo o proceso de rehabilitación ata liberar ao animal con todas as súas capacidades de novo no mar, para a fase de liberación  cóntase coa colaboración dos barcos arrastreiros que pescan ao norte, nas augas do Grand Solé, para achegalos a súa área de procedencia, dado que en moitas ocasións a rehabilitación remata fóra da tempada de lobos mariños, despois de marzo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña