20:09 Martes, 25 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-01-2020

Xa me dicía Filgueira que había que saír da casa todos os días como se estivésemos en terra de misión para gañar adeptos para a cultura

A paranoia lingüística do nacionalismo español

Valorar (13)

ADOLFO DE ABEL VILELA


"En esto, descubrieron treinta o cuarenta molinos de viento que hay en aquel campo; y, así como don Quijote los vio, dijo a su escudero:
–La ventura va guiando nuestras cosas mejor de lo que acertáramos a desear, porque ves allí, amigo Sancho Panza, donde se descubren treinta, o pocos más, desaforados gigantes, con quien pienso hacer batalla y quitarles a todos las vidas, con cuyos despojos comenzaremos a enriquecer; que ésta es buena guerra, y es gran servicio de Dios quitar tan mala simiente de sobre la faz de la tierra".

Este texto resúltame familiar porque nos anos 50 do século pasado na Escola Anexa facíamos desafíos para ver quen lía mellor o Quixote. É probable que este episodio lle soe a chinés aos novos dirixentes políticos da dereita, dos  que Alfonso Guerra dixo hai xa moitos anos que "por definición es iletrada". E habería que engadir, visionaria e en consecuencia irresponsable. Desde Madrid, capital do nacionalismo español, como no caso de Don Quixote ven unha realidade prefabricada de ficción.  

Os inimigos reais e os imaxinarios
 
En 1896 o arcebispo de Santiago José María Martín de Herrera y de la Iglesia, tentou formar un Batallón de Voluntarios Gallegos a imitación do Batallón Literario para contribuír a cortar a insurrección separatista na illa de Cuba pois se os esforzos dedicados durante un ano non foran suficientes para afogala  era debido, segundo dicía, á "Masonería, enemiga de la Religión y de la Patria". Corenta anos despois Franco tamén se escudaba na "conspiración judeo masónica" e no comunismo para xustificar os problemas do Réxime.

A dereita ten que ter sempre un inimigo para combater, real ou imaxinario. Feliz e oficialmente desaparecida ETA o 3 de maio de 2018, anque aínda a seguen espremendo, agora substituírona polo separatismo catalán, e de rebote todo aquelo que lles parece que poda ir encontra das súas esencias patrias. E sen comelo nin bebelo aquí topamos co pobre galego, ao parecer fábrica de separatistas, que a maiores ameaza a hexemonía do castelán en Galicia. Se Don Quixote vía xigantes en lugar de muíños, o nacionalismo español ve separatistas en lugar de galegofalantes e por iso considera as súas falaces denuncias como "gran servicio de Dios quitar tan mala simiente de sobre la faz de la tierra".

Para todas as persoas as linguas son un mecanismo imprescindible para a comunicación, pero dependendo do nivel de formación o falante pode apreciar nelas outras calidades que de ordinario pasan desapercibidas á maioría como o seu emprego como elemento cultural e de identidade. O nacionalismo carpetovetónico nas súas tres versións ao atacar as linguas denominadas na Constitución como cooficiais demostra ser inculto. Non hai máis que ver as cruzadas emprendidas contra o galego por Vox, Galicia Bilingüe e Hablamos Español. A todos eles dicirlles que o catalán coas súas variantes, o euskera e o galego, son un patrimonio inmaterial, non so dos habitantes do territorio onde se falan esas linguas senón tamén do resto de España e  universal, e polo mesmo teñen que ser faladas para ser conservadas. Dicir que Fraga e Feijóo son separatistas porque  no seu papel institucional un utilizou e o outro utiliza o galego, ademais de ser falso é un recurso dialéctico demagóxico dirixido a ignorantes impropio dunha persoa culta.  

O galego como patrimonio inmaterial
 
Xa me dicía Filgueira que había que saír da casa todos os días como se estivésemos en terra de misión para gañar adeptos para a cultura. Así que imos tentar facer algo de pedagoxía. Agora estamos investindo millóns de euros en restaurar un patrimonio material, a catedral de Compostela, e prescindido incluso das crenzas relixiosas e políticas de cada quen, polo valor cultural que representa ninguén discute que se deba facer. Cando se caia unha pedra dun monumento sempre haberá unha institución pública ou privada disposta a repoñela para que siga perdurando no tempo. Pero as linguas son un patrimonio inmaterial que desaparecen cando non hai que as fale, por iso necesitan ser amparadas, protexidas, e sobre todo, faladas, para que sigan existindo coma un legado cultural dos nosos antepasados.

O nacionalismo español erra politicamente cando utiliza indebidamente as linguas minorizadas como arma ideolóxica e de combate entre nacionalismos porque con iso o que consegue e crear enfrontamentos innecesarios que afectan á normal convivencia e aumentan o que pretenden evitar: independentistas. Equivocase culturalmente cando as ataca co único fin de exterminalas porque con iso non só mingua a riqueza cultural da nación que pretende protexer e engrandecer senón que evidencia a súa incultura e intransixencia.

Xa noutra ocasión falei dun lucense que facendo valer os seus dereitos lingüísticos esixiu nos tribunais que o Concello lle pasase o recibo da auga en castelán. Como a cousa tiña a súa complexidade desde o punto de vista informático lembro que Antón Bao, concelleiro responsable de Cultura e Promoción da Lingua, dixo que para satisfacelo se lle daría o recibo en castelán aínda que llo tivesen que facer a man.

Eu tiven a curiosidade de analizar o tal recibo comprobando que tiña 24 palabras, o resto eran números, das cales 12 eran igual que en castelán e as outras 12 diferentes, pero a maioría entendibles para calquera persoa cun coeficiente intelectual normal. De maneira que o prexuizo deste cidadán tan celoso dos seus dereitos non era porque non entendera o que quere dicir "auga" ou "lixo", senón que emulando ao lendario Palaio, fixo a súa achega para a cruzada contra o galego pola ameaza que supón para o español, lingua falada por 577 millóns de persoas.  

¿Quen fala en galego?
 
En Galicia somos uns 2.700.000 habitantes e non todos falan galego, pois temos que descontar ao señor do recibo da auga, os de Galicia Bilingüe, aos  de Hablamos Español, aos de Vox, aos de La Coruña, á caixeira do supermercado de Becerreá que fai a promoción en castelán sendo da Terra Chá por "si alguien no lo entiende", a que foi directora do meu Instituto que era de Taboada, aos compañeiros que tiñan que dar a súa materia en galego e non o facían,  dúas funcionarias da Xunta en Lugo que se negaron a atender en galego a unha señora que llo esixiu acolléndose aos seus supostos dereitos,  aos organizadores dunhas xornadas sobre o Camiño en Lugo subvencionadas pola Xunta coa información en español e inglés "por si había algún peregrino", ao 99 por cento dos cregos que tendo como lingua materna o galego din a misa en castelán, ao 99,99 por cento dos medios de comunicación escritos e falados no idioma que se pretende salvar, á maioría dos profesores e dos alumnos universitarios, aos que sendo nados aquí din como escusa "es que yo el gallego", aos que levan vivindo en Galicia a maior parte da súa vida e nunca tiveron maior interese por aprender o idioma do sitio onde viven, etc.

Logo compre preguntar ¿e quen fala en galego? Pois os catro que quedan no despoboado medio rural, unha minoría urbana, os emigrantes que non son latinos como os negros subsaharianos, os rumanos, rusos e algún dos marroquís que viven aquí.

Os datos din que nos anos 90, o 62 por cento da poboación de máis de 15 anos aprendera a falar en galego, pero no 2013 pasou a un 43 por cento de habitantes co galego como lingua inicial. O 55 por cento dos galegos de entre 5 e 65 anos exprésanse sobre todo en castelán e o 30 por cento son monolingües en español, mentres que os que falan máis galego é do 44 por cento, e un de cada catro é monolingüe en galego. O que perde o galego gáñao o castelán. Logo ¿onde está o perigo para o español?  

O galego "en fiera y desigual batalla".
 
A resolución do Tribunal Supremo sobre a Ordenanza Lingüística do Concello de Lugo, segue a paranoia de Hablamos Español que afirma que o español está prohibido, porque si ben recoñece que a Ordenanza non nega ao castelán o caracter de lingua oficial nos apartados 1 e 2 do artigo 1, ve xigantes onde hai muíños, e di que o que se pretende con ela é crear inseguridade xurídica na cidadanía sobre a posibilidade de usar o castelán nas súas relacións co Concello. E eu pregunto ¿coñece alguén algún caso no que o Concello rexeitase un escrito ou documentación por estar en castelán, que é o idioma utilizado na maioría dos papeis que pasan polo rexistro? A resposta e un non rotundo.

Logo como conclusión, analicemos a foto que ilustraba a noticia da edición de Lugo de La Voz de Galcia titulada "El Concello modifica su ordenanza lingüística para acatar sentencia". No primeiro termo está a máquina que dispensa os números para facer unha xestión ou presentar no rexistro unha solicitude ou documentación. Textualmente di: "Por favor, recolla o seu ticket". Das seis palabras, dúas están en castelán "Por favor", tres en galego "recolla o seu" e unha en inglés "ticket". No chan di "espere". Os  galegos que somos bilingües ou trilingües galego - castelán - inglés entendémolo todo pero os monolingües en castelán en teoría so debían entender "por favor", demostrando así que son inferiores en formación lingüística e en capacidade para a relación.

Agardo que Galicia Bilingüe, Hablamos Español, Vox ou o lucense do recibo da auga, fagan uso dos seu dereitos lingüísticos e denuncien ao Concello por utilizar o inglés, idioma que non aparece recoñecido como lingua cooficial na Constitución que tanto aman. O curioso é que o PP, agora chamado "constitucionalista", cando se votou o texto no Congreso o 21 de xullo de 1978, un dos deputados Federico Silva Muñoz, de Alianza Popular, votou en contra igual que Francisco Letamendía, de Euskadiko Ezquerra, e Alianza Popular como grupo parlamentario abstívose.

Mentres asistimos a esta paranoia os galegofalantes preparémonos, como lle dixo don Quixote a Sancho Panza,   poñámonos en oración,  pois o nacionalismo español, que como sempre que está na oposición se volve ultramontano, entrou a combater o galego "en fiera y desigual batalla".

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña