13:45 Sabado, 24 de Agosto de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

24-06-2010

Preséntasenos unha proposta aberta, que mesmo prevé 8 pequenas e medianas plantas de compostaxe. Mais, é realmente así?

A xestión do lixo e o novo Plan da Xunta

Valorar (6)

MANUEL SOTO CASTIÑEIRA



Hoxe existen en Galiza tres modelos diferenciados (SOGAMA, Nostián e Barbanza) de xestión do lixo. Compre recoñecer que o documento da Xunta aproxímase bastante ben ás cifras reais de cada un dos ámbitos. E desta forma, recoñece o éxito do proxecto do Barbanza, coa súa planta de reciclaxe e compostaxe en Lousame, que acada unha valorización material total (VMT) do 51%, fronte ao 15% de Nostián e ao 8% do ámbito SOGAMA. Os resultados acadados no Barbanza son moi positivos e responden de forma axeitada aos obxectivos cos que naceu o proxecto hai agora máis dunha década. Pola contra, cunha filosofía e obxectivos similares, o plan do ámbito da Coruña e Consorcio das Mariñas (coa súa planta en Nostián) presenta un fracaso xeneralizado, por máis que o seu balance global duplique o de SOGAMA en porcentaxe de recuperación para a reciclaxe.

Máis, quere dicir isto que SOGAMA recicla o 8% dos residuos que xestiona?. Non, a porcentaxe de residuos que son recuperados no Complexo Medioambiental de Cerceda, en relación coas entradas á planta, son moito menos do 8%. En realidade, esa cifra do 8% refírese ao "ámbito SOGAMA", é dicir, inclúe as recollidas de vidro e papel realizadas polos concellos adscritos a SOGAMA, uns materiais que non se dirixen ás instalacións de SOGAMA e sobre os que esta entidade non actúa. Estes dous materiais atinxen o 78,5% de todos os materiais recuperados nese ámbito, de tal forma que as instalacións de SOGAMA só achegan o restante 21,5%. En definitiva, a porcentaxe de materiais recuperados en SOGAMA, en relación cos residuos que xestiona, é de tan so o 1,7%!!.

Esta cifra do 1,7% de reciclaxe é o resultado da recollida separada e clasificación en planta da chamada bolsa amarela (con 8.720 t recuperadas en 2009) e da recuperación de chatarras da bolsa negra (con 8.878 t). Estes datos son de por si indicativos do total fracaso do modelo de recollida no contedor amarelo, pensado para a recollida selectiva dos residuos de envases, mais que só consegue recuperar o 5,7% do total xerado desa tipoloxía de residuos no seu ámbito. Pola contra, os modelos de Nostián e Barbanza atinxiron a recuperación do 19,3% e 71,3%, respectivamente.

O MODELO ELEXIDO: A SOGAMA DO SUR

Desta forma, o borrador de plan mostra con claridade a superioridade do modelo Barbanza mais non tira diso a conclusión de adoptar este modelo como filosofía básica do plan, como veremos. Os resultados acadados no Barbanza descansan sobre dous ou tres aspectos fundamentais:

a) A concepción ou deseño do propio modelo de recollida e tratamento, similar aos formulados inicialmente para o Morrazo e para o Consorcio das Mariñas pola empresa Lagares Ingeniería (Vigo).

b) No interese e o bo facer da empresa e das persoas encargadas da xestión e a operación da planta.

c) A un modelo de facturación que prima a consecución de resultados e non a simple entrada de residuos.

Os modelos de recollida predominante e as regras económicas do negocio do lixo, por máis que son elementos tratados no plan, non semella que vaian ser revisados. Os medios postos en xogo e mesmamente os obxectivos declarados suxiren que non haberá avances en moitos anos nesta materia. Fálase de pequenos axustes nos circuítos de recollida de envases, pero nin sequera se presenta unha análise dos custos deste sistema, que mesmo no caso de ser optimizado seguirá a presentar un balance ambiental negativo e uns custos que o cuestionan, a raíz da súa tan baixa eficacia e calidade. Sen dúbida, este modelo deberíase eliminar, para optar polo modelo porta-a-porta, alí onde sexa viábel, e no resto polo modelo xa experimentado nos ámbitos de Nostián e Barbanza.

Os obxectivos declarados son tamén pouco ambiciosos, a pesar de que a situación de partida non é boa. Hoxe incumprimos, no ámbito galego, os obxectivos de recuperación fixados na normativa vixente para todos os materiais reciclábeis para 2008, e o plan non prevé que se acaden ate 2020. Porén, trátase de obxectivos xa superados no ámbito do Barbanza, e por tanto viábeis para todo o país, no caso de se adoptaren as medidas necesarias.

A REDUCIÓN EN ORIXE, A REUTILIZACIÓN E A RECICLAXE NON INTERESAN

Mais semella claro que a redución en orixe, a reutilización e a reciclaxe non interesan moito. A capacidade das plantas de tratamento planifícase para poder tratar a totalidade dos residuos que se xerarían nun escenario sen prevención. A capacidade de incineración sería de 366.000 t de CDR na actual incineradora de SOGAMA e 290.000 na nova incineradora do sur. Os custos de operación dunha incineradora mantéñense aínda cando se reduza a cantidade a tratar, mentres que os ingresos derivados da venda de electricidade veríanse reducidos. Desta forma, un avance na prevención como o indicado no plan (10%), ou a mellora das recollidas selectivas e a reciclaxe levarían a un incremento do custo por tonelada incinerada. Nun modelo así, as taxas a pagar pola cidadanía aumentarían no caso de mellorar a recollida selectiva ou de reducir a xeración de residuos. Como isto non se sostería, a prevención e reciclaxe fracasarán unha vez máis, en favor dos tratamentos de eliminación por incineración.

A capacidade incineradora indicada (656.000 t/ano de CDR) correspóndese con ao menos 800.000 t/ano de RU, polo que supera o 68% dos residuos totais xerados, ou o 85% dos residuos combustíbeis totais (materia orgánica, papel, plásticos, téxtiles e coiro). A pregunta é obrigada: como se compatibiliza esta capacidade incineradora co obxectivo declarado de reciclar ao menos o 35%?. Simplemente, as contas non cadran.
Non cadran?. Cadran se ollamos o orzamento estimado que, como se di nestes casos, é o que importa. O 82% dos investimentos destinaríanse a plantas de tratamento, mentres o resto de actuacións (prevención, recollida selectiva, educación ambiental, promoción de mercados para a reciclaxe, ambientalización da administración...) deberían conformarse con cifras moi baixas. As actuacións dirixidas á prevención de residuos recibirían o 2,2% do finanzamento, para un obxectivo de redución de máis do 10% do lixo en 2020. A nova planta incineradora proposta para o sur requiriría 218 millóns de euros, o 43% dos investimentos totais para tratar o 22% dos residuos xerados. Así, mentres se prevé investir 750 euros/t incinerada, so se dedicarían 76 euros/t evitada. A prioridade que marca a lei, mais á inversa!.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña