02:50 Domingo, 12 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

15-01-2020

Quizais a primeira cuestión que pague a pena sinalarmos sexa a situación dos estudos de lingüística galega na Idade Contemporánea

O valor da “Gramática elemental del gallego común” (1966, 1979) de Ricardo Carvalho Calero

Valorar (19)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Neste ano celebramos, non sen tempo, a figura de Ricardo Carvalho Calero (1910-1990) polo Día das Letras Galegas. Faise lóxico pensarmos que moitas serán as ocasións en que unha parte da intelectualidade, do mundo académico e do tecido asociativo do país centre a súa atención en tan poliédrico e comprometido vulto ou, cando menos, iso sería o expectábel. Con efecto, Carvalho Calero cultivou todos os xéneros literarios cuns resultados certamente brillantes: a narrativa, o teatro, a poesía, o ensaio, a investigación lingüística e literaria etc. Non é finalidade destas páxinas renderen tributo a ese vario e fértil cultivo, mais si queremos subliñar a importancia que no seu día tivo Gramática elemental del gallego común (1966, 1ª ed.; 1979, 7ª ed.). Feita por unha encomenda da editora Galaxia, foi pensada para un público fundamentalmente universitario, pois non debemos esquecer que en finais da década de 60 e no seguinte decenio o galego comezou a ser estudado nas salas da universidade compostelá.
A Gramática foi modificándose e mudando co andar do tempo e acompasou a reflexión sobre o galego, xa que serviu como ferramenta elementar para varias xeracións que quixeron aproximarse do idioma ou mesmo aprofundaren nalgúns aspectos do seu funcionamento. Por iso, imos salientar aquí algunhas súas características, sempre as pondo en relación co contexto social e histórico e coa tradición gramatical galega. Naturalmente, quen quixer pesquisar na propia Gramática ou noutras facetas da vida e obra de Carvalho pode consultar traballos de referencia actuais, algúns deles xa clásicos: Conversas con Ricardo Carballo Calero, de Carmen Blanco (1989); Ricardo Carvalho Calero. A razón da esperanza, A Nosa Terra – A Nosa Cultura, 13 (1991); Voz e silêncio. Entrevista com R. Carvalho Calero, de Francisco Salinas (1991); Carvalho Calero e a sua obra, de José-Martinho Montero Santalha (1993); Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero, ed. de José Luís Rodríguez (2000); Homenaxe a Carvalho Calero, Cadernos de Medulio (2000); Actas do Simposio Ricardo Carvalho Calero. Memoria do século, ed. de Teresa López e Francisco Salinas (2002); Ricardo Carvalho Calero. A ciencia ao servizo da nación, de María Pilar García Negro (1ª ed. en 2010, 2ª ed. en 2019); Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación, ed. de Carlos Biscainho e X. Manuel Sánchez Rei (2011); etc.  

Quizais a primeira cuestión que pague a pena sinalarmos sexa a situación dos estudos de lingüística galega na Idade Contemporánea. O idioma non puido contar con gramáticas até ao outono oitocentista, cunha demora, por tanto, de máis de trescentos anos relativamente ao portugués, francés, inglés, italiano ou español. Coincidindo co Rexurdimento, aparecen diversos traballos, de desigual valía científica, aínda que o máis relevante fose sen dúbida a Gramática gallega de Saco Arce (1868), verdadeira obra de referencia durante o século XIX e boa parte do seguinte e aínda hoxe dotada dun notábel valor historiográfico. Nas décadas de 20 e de 30 do s. XX, coas Irmandades da Fala e co Partido Galeguista, correspondeu ese labor á Gramática do idioma galego (1922, 1931) de Manuel Lugrís Freire. E xa nos anos finais do século XX adquiriu unha vital transcendencia a obra de Carvalho Calero, que foi o título básico até ao aparecemento doutros traballos posteriores. O contributo do autor ferrolán axiña se converteu no manancial de que beberon non poucos autores e autoras e persoas interesadas polo galego. Partilla este contributo cos títulos da tradición gramatical galega, por tanto, a súa débeda co momento histórico e político; todas as obras, en maior ou en menor medida, son debedoras do contexto do seu tempo no sentido en que son publicadas en épocas caracterizadas quer por unha relativa tolerancia cara ao idioma galego, quer por as salas do ensino así o demandaren. A Gramática de Carvalho, pois, enmárcase nesa liña de “consentimento” institucional, por un lado, e de necesidades académicas, por outro.  

Máis un trazo que caracteriza a tradición gramatical galega é o seu carácter diglósico xeral, o que pode verificarse de dúas maneiras. En primeiro lugar, no idioma en que se redixen os traballos, pois, excepto o Compendio de gramática galega (1919) de R. A. –siglas de Ramón Alvariño, pseudónimo empregado por Leandro Carré Alvarellos– e a Gramática do idioma galego de Manuel Lugrís Freire, non foi o galego a lingua empregada neste tipo de traballos até á Gramática galega (1986) de Rosario Álvarez, Xosé Luís Regueira e Henrique Monteagudo; certo é que un Epítome de gramática galega foi escrito no noso idioma por Leandro Carré Alvarellos na década de 60 do século XX, mais ficou inédito até ser exhumado e dado a lume recentemente por Xosé Ramón Freixeiro Mato (2017), de forma que non foi coñecido no seu momento e non tivo ningunha repercusión pública. E en segundo lugar, a diglosia tamén se patentea ao español ser a lingua de referencia e o modelo contrastivo. Nestes medios, a Gramática de Carvalho Calero non puido fuxir dese ton diglósico: por un lado, foi redixida en castelán, o cal o polo propio autor o explicaba no sentido en que as persoas usuarias dese traballo coñecían ou tiñan ese idioma como lingua normal, escolar ou vehicular; por outro lado, o español proxecta a súa sombra epistemolóxica e didáctica na obra. Vexamos un exemplo proveniente da fonoloxía, en que se parte da castelá para dar conta dos trazos galegos que non coinciden con ela: “El sistema fonológico del gallego moderno no difiere grandemente del español oficial. Las principales diferencias radican en el valor fonemático de e y o abiertas o cerradas, al menos en posición tónica; en el de la n velar intervocálica de unha y sus derivados, y en la existencia de una palatal fricativa sorda (x) que el castellano ha perdido” (1979, p. 103).  

Por outra parte, entre os estudos de gramática, vén sendo costume distinguirmos aqueles nomeadamente descritivos e aqueloutros que, non se cinxindo en exclusiva a faceren unha descrición dun aspecto da lingua ou da gramática, orientan o uso, fan recomendacións entre o que se torna adecuado ou non, ao paso que seleccionan cal ten de ser a solución escollida preferencialmente para a variedade estandarizada. A lingua galega, afastada durante séculos de organismos académicos ou universitarios, proscrita pola administración centralista no seu propio territorio, evoluíu libremente durante moito tempo. Velaquí onde nace a ansia, percibida xa desde as primeiras gramáticas do século XIX, de dotar o idioma dunhas indicacións que regrasen o seu uso, e en especial na variedade escrita. Esa tendencia prescritiva tamén se vai detectar na Gramática de Carvalho. O propio título, …del gallego común, sinala que o obxecto de reflexión aspira a ser non máis unha variedade, mais unha modalidade que estivese por riba das diferentes falas ou rexistros. Debemos notar que esa lingua padrón, con todo, non debía impedir que as variantes locais puidesen contribuír eficazmente para a expresividade do idioma, como moito ben declarou o noso autor: “Se hace, pues, necesario un gallego normativo que permita al profesor orientar sus enseñanzas, y al escritor resolver sus problemas de comunicación con el público, con un mínimo de coherencia. Esto no obsta para que las hablas locales y la literatura dialectal se cultiven con una finalidad práctica o artística; pero es evidente que el esquema de un gallego ideal, fundado en la abstracción de las realidades del gallego, ha de formularse, por razones de eficacia cultural” (1979, p. 48).  

Carvalho Calero, consciente de que o idioma debía ser rexenerado, sinala tanto esta cirscunstancia como as súas eventuais solucións, que enlazan co sentir histórico do galeguismo e do nacionalismo: o recurso ao portugués, por un lado, e, por outro, as posibilidades que ofrece da lingua medieval. O excerto a seguir é revelador canto a estas dúas ilustres ferramentas: “Entre la lengua hablada por el pueblo y la lengua de los escritores hay diferencias marcadas [...]. En su estado actual, el gallego rústico tiene que ser depurado y completado para convertirse en lengua literaria. Fuera de los castellanismos que se quieren excluir, sólo los arcaísmos y los portuguesismos pueden llenar las lagunas que se observan” (1979, p. 77).  

Por outro lado, durante as décadas de 60 e de 70, no marco da universidade compostelá van realizándose diversos traballos académicos, teses de licenciatura e teses de doutoramento que se ocupan de aprofundaren no variacionismo xeográfico da Galiza. Non é de estrañar, deste modo, que tales contributos fosen fornecendo diferente material desa índole á Gramática, e que, en ocasións, se incluían eses datos como aditamentos informativos. Aínda que, ás veces, a validade da información que se nos proporciona vire desigual, podemos afirmar que, nesa época, o conxunto de coñecementos transmitidos por Carvalho posúe un inmenso valor, xa que, con maior ou con menor suceso, unha grande parte dos fenómenos dialectais máis destacábeis para o galego acha nas páxinas da Gramática un xeito de chegar ao eventual público interesado neses asuntos. En ocasións, as particularidades lingüísticas comentadas, case sempre no rodapé, centran o seu interese en fenómenos dunha área concreta, de dimensións medias ou pequenas; así pode verificarse coa rexión da Limia, comarca a que se dedica este comentario referido á orixe da conservación das sibilantes medievais e á pronuncia como [u] do -o postónico final: “En la zona de la Limia (Orense), fronteriza con Portugal, Schneider registra una verdadera -u final al lado de casos con -o” (1979, p. 112, n. 8). Noutras ocasións, no entanto, a singularidade dialectal que se glosa non pertence a un territorio pequeno, mais abranxe longas e largas zonas. Así, a falar da existencia de tritongos na lingua moderna, expón como na faixa oriental do dominio lingüístico se detectan plurais do tipo traición / traiciois: “En el gallego oriental, donde los plurales de los nombres terminados en -n se forman elidiendo la -n y añadiendo el sufijo -is, aparece triptongo si la -n va precedida de diptongo. Así traiciois ‘traiciones’ (1979, p. 125, n. 14).
 
No momento en que Carvalho Calero publica a súa gramática, os textos literarios constituían a máis sobranceira modalidade de galego escrito. Sen unha variedade padrón que contribuíse para a dignificación do idioma e para o prestixiar, a literatura cumpriu e mesmo continúa hoxe en día a desenvolver na actualidade un labor fundamental no proceso de selección de preferencias morfolóxicas ou lexicais. Se a ese panorama lle acrecentarmos o facto de o polígrafo ferrolán ser un grande coñecedor e estudioso da literatura galega contemporánea, non resultará difícil comprendermos que, ao longo da Gramática, vaian aparecendo referencias á lingua dos autores e das autoras do século XIX e do XX. Deste modo, enlazando coa vontade prescritiva de que antes falamos, é como cobra sentido o seguinte exemplo. Como é sabido, na faixa occidental do país documéntase un resultado do tipo corazón / corazóns, nas rexións centrais detéctase a solución corazón / corazós e nas áreas do galego oriental óuvese unha flexión corazón / corazois. As tres están documentadas nos textos literarios contemporáneos, nomeadamente as dúas primeiras, e van ser precisamente eses textos onde Carvalho Calero asente a súa preferencia para a variedade normativa: “Ésta [o resultado corazón / corazóns] es la solución del gallego suroccidental, abonada por una brillante constelación de escritores, como Rosalía, Pondal, Castelao, Cabanillas, Manuel Antonio y Amado Carballo” (1979, p. 167-168, n. 8).

  Ao mesmo tempo, unha das cousas que máis chama a atención ao público lector actual e mesmo ao alumnado que manexa gramáticas ao principio das súas pesquisas está directamente relacionada con determinados capítulos ou seccións que hoxe non costuman figurar neste tipo de traballos, tales como os nomes dos días da semana e dos meses do ano, certas escolmas literarias, vocabularios de diversa índole etc., habituais nas obras anteriores. É certo que existen na actualidade diferentes consideracións sobre que partes integran a gramática e cales outras non pertencen ao seu obxecto de estudo. Neste sentido, a Gramática de Carvalho Calero incluíu un capítulo destinado á historia externa da lingua, ás súas variedades dialectais ou á súa (daquela) escasa bibliografía existente. Con efecto, pódese discutir se nun manual desas características tales capítulos teñen cabida, e, subscribíndoos ou non os considerando, pódese tamén explicar polas circunstancias da xénese da obra, nuns momentos en que o galego comezaba a ser estudado con rigor e en que era preciso contar cunha obra actualizada que se non limitase a facer unha descrición do seu funcionamento fonético, fonolóxico ou morfosintáctico.
 
Outrosí, segundo é sabido, Carvalho Calero, desde finais da década de 70 e até á súa morte, foi desenvolvendo o seu ideario reintegracionista, que se acha, a día de hoxe, ben explícito en diversos traballos e colectáneas de artigos. Obviamente, non parece ser este o lugar máis acaído para reflectirmos sobre a tal temática, mais si o parece ser, no entanto, para constatarmos esa evolución na preferencialidade que se concede a diversas solucións morfolóxicas ao longo das edicións da súa gramática. Falan por si propias, a este respecto, as seguintes palabras, tiradas do prólogo á sétima entrega, en que se sinala que a “necesidad de una reintegración del gallego en su mundo originario se nos aparece más clara” (1979, p. 12). Un exemplo adecuado é o do sistema dos pronomes demostrativos. Deixando de lado os diversos paradigmas morfolóxicos e cruzamentos destes que se verifican no territorio galego, hai áreas no país en que o pronome invariábel se detecta coa vogal <e> (esto, eso e aquelo), mais tamén hai zonas en que a vogal mudou para <i> (isto, iso e aquilo), o que tamén se produciu no portugués. A primera edición (1966, p. 122-123), a este respecto, mantén as solucións máis antigas, en canto a sétima (1979, p. 197) se decanta polas máis innovadoras isto, iso e aquilo, que son, presentemente, as únicas consideradas estándares. Por último, para ilustrarmos esa vontade de reintegración, acudimos ao sufixo -bel. Na actualidade, a lingua oral (aínda que non só) adoptou como común a forma -ble, que coincide sospeitosamente coa homóloga española, aínda que tanto -bel como -ble sexan normativamente válidas. Pois ben, na edición de 1979 inclúense unhas “Normas morfológicas”, nas cales pode lerse un interesante fragmento sobre tal sufixo e a súa atestación no galego: “El sufijo latino -bile, propio de adjetivos incorporados a la lengua cuando esta ya estaba formada, se resuelve en -bel: estábel, solúbel” (1979, p. 266).  

En definitivo, a Gramática elementar del gallego común, hoxe loxicamente superada por obras académicas actuais de similar índole, foi un texto fundamental nunha época en que se facía necesario un traballo de tales características. Con sete edicións, o que non se torna habitual para un texto de tal natureza, serviu para modernizar o dicurso gramatical galego no seu tempo e para que moita xente tivese unha referencia modelar de lingua, ben como para que outra tanta se aproximase das principais características do idioma e se interesase por elas.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña