06:04 Luns, 17 de Febreiro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

09-01-2020

Os sesenta anos da revolución cubana coincidiron con un momento especialmente convulso en América Latina

Observando para aprender

Valorar (17)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Cuba conmemorou no ano que pechamos os 60 anos da súa revolución, seis décadas nas que tentaron construír unha sociedade socialista nunha situación moi complexa tanto pola escasa distancia que hai aos EEUU como polo papel da illa no enfrontamento entre as dúas potencias hexemónicas na primeira década da revolución. Neste tempo o bloqueo criminal dos EEUU e a caída do bloque do leste teñen levado ao povo cubano a situacións límite como a etapa coñecida como período especial. Sabemos que hoxe mesmo a situación é delicada debido ao agravamento do
bloqueo.

Os sesenta anos da revolución cubana coincidiron con un momento especialmente convulso en América Latina, e dous estados veñen de abandonar nos últimos meses a senda progresista. No Uruguai a FrenteAmplio que gobernaba desde 2004 perdeu as eleccións presidenciais en segunda volta fronte a unha alianza da dereita, e Evo Morales que presidía desde 2005 o Estado Plurinacional de Bolivia fuxiu do país como consecuencia dun golpe de estado.

Desgraciadamente estas dúas derrotas súmanse a outras producidas nos últimos anos, Brasil, Ecuador, El Salvador...., e neste momento do grupo de estados que a inicios de século tentaron construír unha orde continental alternativa ao neoliberalismo, só a República Bolivariana de Venezuela se mantén en pé, nunha situación moi complexa pero sen se dobregar diante dos ataques dos EEUU e dos seus aliados.

Calquera persoa que faga unha análise imparcial das actuacións postas en marcha polos distintos gobernos chamados progresistas ou nacionalistas na rexión, tirará como conclusión que foron millóns de persoas as que melloraron as súas condicións de vida, saíndo da extrema miseria e conseguindo acceder a servizos básicos, escasos desde os estándares aos que estamos afeitos en Europa pero que para o continente que está considerado o de maiores desigualdades do planeta son un grande avance.

Diante desas políticas é lóxico que a oligarquía e o imperialismo empregaran todos o medios legais e ilegais ao seu alcance para impedir que os avances e transformacións tiveran continuidade. Vían en perigo a súa posición de primacía social e os seus intereses económicos, e os EEUU diante da crise pola que pasa neste momento e da existencia de importantes competidores que fan que o mundo unipolar posterior á caída do Muros de Berlín sexa xa pasado, precisan un control total sobre as reservas enerxéticas e de materias primas existentes en moitos deses estados.

O proceso que levou á derrota deses gobernos tivo as súas características propias en cada caso, pero atopamos un feitoque é común a todos eles, a presenza de millóns de persoas obxectivamente favorecidas pola acción dos gobernos agora desaparecidos apoiando co seu voto ou coa súa participación en protestas  na rúa os cambios de goberno.

Así de súpeto semella imposíbel que unha persoa saída da extrema pobreza, á que se lle garante, sanidade, educación e a posibilidade de acceder ao mundo do consumo  por medio dun posto de traballo poida ir contra quen garantiu esas melloras nas súas condicións de vida e apoie a quen ten por obxectivo perpetuar a súa explotación.

Ao longo do pasado ano teño lido multitude de análises sobre as causas dese retroceso, e falado con compañeiros e compañeiras de algúns deses estados para que me deran unha visión directa de onde poden estar as razóns para un cambio tan importante no panorama político continental, cambio que agardo temporal, pero que está aí e supón xa un imporante retroceso tal e como podemos comprobar por exemplo no Brasil.

Algunhas desas persoas teñen participado directa ou indirectamente nos gobernos ou nas súas bases de apoio, e case unanimemente falan do erro de confundir consumo con cidadanía e goberno con poder.

As conclusións non son novas, é un debate recorrente na esquerda, e cada vez que temos unha derrota ponse enriba da mesa; a xestión material de non ir acompañada de transformación de estruturas e formación ideolóxica permite aliviar as condicións de vida do povo momentaneamente, pero tamén crea novos problemas.

Non hai receitas, e os camiños de cada povo non poden transitalos outro, pero debemos estar sempre cos ollos e os oídos abertos para aprender. E en América Latina hoxe son Cuba e Venezuela, os dous procesos políticos máis atacados polo imperio e polo ultra-esquerdismo os que se manteñen; cos seus múltiples problemas e contradicións pero están aí.

Fidel Castro nos primeiros anos da revolución mostraba a súa preocupación polas armas que se empregaban contra ela, e non se estaba a referir  nin a fusís nin a avións,“(...)o inimigo aínda quere destruírnos, porque nos quere destruír con armas ideolóxicas; debemos perfeccionar a nosa ideoloxía, debemos perfeccionar o noso mecanismo, debemos elevar os nosos valores. Eu creo que será a mellor forma de librar esa batalla contra a influencia ideolóxica, o tipo de guerra que libra hoxe contra nós (…)”. E ao longo de toda a súa vida mantivo comoelemento estratéxico a batalla das ideas  “(...)Poderíamos chamala dun xeito máis sinxelo, a batalla da verdade contra a mentira; a batalla do humanismo contra a deshumanización; a batalla da irmandade e a fraternidade contra o máis groseiro egoísmo; a batalla da liberdade contra a tiranía; a batalla da cultura contra a ignorancia; a batalla da igualdade contra a máis infame desigualdade; a batalla da xustiza contra a máis brutal inxustiza; a batalla polo noso pobo e a batalla por outros pobos, porque se imos á súa esencia é a batalla do noso pequeno país e do noso heroico pobo pola humanidade.(...)"

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña