00:13 Venres, 02 de Outubro de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-01-2020

Por máis que se diga, o vento enche e empuxa o velame da nosa nave. Porque ese vento está feito da palabra e das vontades das persoas

A anormal normalidade dun xornal á fin de noso: “Nós Diario”

Valorar (10)

MANUEL CABADA CASTRO


A verdade é que non deixaba de ser unha auténtica anomalía –mírese por onde se mire- o feito de que un país como Galicia, fondamente marcado pola súa diferenza histórica, lingüística e cultural, non dispuxera consonte á tal diferenza ata o comezo deste novo ano 2020 de ningún xornal diario en papel e mais con vocación de permanencia. Só por iso os seus promotores merecerían toda clase de loas e parabéns.

Pois, alén das discusións e interpretacións que se están a facer nestes días sobre o denunciado desleixo na promoción da lingua galega por parte dos que en principio deberían ser os seus promotores, a nosa lingua segue a ser aínda maioritaria neste país. É dicir, resiste aínda, por máis que aqueles que son os menos (mais que actúan ó servizo do poder ou do diñeiro) continúen a dispoñer de altas cotas de influencia para teimar en dobregar a nosa ben probada capacidade de resistencia, afeitos como estamos a tal tarefa nunha experiencia acadada durante séculos de alienación e expropiación. Por máis que se diga, o vento enche e empuxa o velame da nosa nave. Porque ese vento está feito da palabra e das vontades das persoas. É unha forza que xorde dos secretos recunchos onde aniña a liberdade, a xustiza e a fidelidade á nosa historia e tradición. Moito de todo isto está en realidade tralo xurdimento, inesperado seguramente para máis dun, de “Nós Diario”.

Volvendo un chisco a ollada cara atrás, cara a aquel século XVIII que deu vida e marabillosa floración a persoeiros tan sobresaíntes coma o bieito P. Sarmiento ou o xesuíta P. Isla, expresáballe este en xuño de 1778 á súa irmá María Francisca desde o seu desterro en Bolonia a súa lamentación sobre “la injusticia que se le hace a aquella gloriosa nación”, o Reino de Galicia, cualificado por el como “un pueblo que a ningún otro es inferior en ninguna línea” (Cf. E. Rivera Vázquez, Galicia y los jesuitas, 509).             Por iso os intentos para lle outorgar nova e xustificada voz pública –non só falada senón tamén escrita - a unha lingua noutrora florecente (tanto a nivel culto coma popular) non podían deixar de xurdir aquí e acolá. Cara a finais do século XIX foi sen dúbida especialmente meritorio o escritor ourensán Lamas Carvajal co seu ben coñecido O Tío Marcos da Portela, cualificado por Filgueira Valverde como “devanceiro do xornalismo na nosa fala, factor eficaz do seu rexurdir e testemuña da vida social e dos anceios no seu tempo”. Afirmando aínda seguidamente o mesmo autor e de maneira máis concreta sobre O Tío Marcos da Portela que “debe ser considerado –polo formato, periodicidade, contido e espallamento- como o primeiro xornal enteiramente escrito en galego” (Filgueira Valverde, Sétimo Adral, 79). Cunha característica ademais moi especial, que o propio Filgueira fixo ben tamén aquí mesmo en subliñar, a de ser un xornal eminentemente popular: “No achegamento ó pobo, Lamas quixo facer un ‘periódico falado’. Foi a mellor invención e a chave do éxito. Xa o rubro Parrafeos subliña este proposto, como a presencia do diálogo e das cartas, ‘conversas de pensado e por escrito’” (p. 85).

Aínda así, O Tío Marcos da Portela non iría máis alá porén de ser un xornal cunha periodicidade só semanal ou quincenal. Non se trataba xa que logo propiamente dun “diario”, cousa naqueles tempos seguramente inalcanzábel (como case aínda o é hoxe) para un xornal monolingüe en lingua galega. De feito o propio Lamas laiábase claramente disto cando, co pseudónimo de “Manuel de Lence”, que representa segundo Carme Hermida o propio Lamas, escribía en 1888 (O Tío Marcos da Portela levaba daquela publicándose dende había xa máis dunha década) o seguinte: “Mentira parece que de tanto diario como sai á luz todol-os días en Galicia non haxa ningún que defenda a terra en gallego, e que teña un que contentarse solamentres con dous semanarios escritos no propio lenguaxe” [Cf. Carme Hermida, A reivindicación da Lingua Galega no Rexurdimento (1840-1891), 1992, p. 329].

Non era nisto seguramente Lamas Carvajal o primeiro en se laiar, pois polo menos catro anos antes del (1884) xa se expresara en semellante sentido o meritorio escritor estradense Marcial Valladares cando escribía cousas coma estas: “Y ¿no es vergüenza, no es mengua que un territorio de novecientas cuarenta y siete leguas cuadradas de superficie, el territorio todo que en sus cuatro provincias abarca nuestra Galicia, carezca aún, no digamos ya de un periódico, sino hasta de un calendario escrito en dialecto suyo, teniendo casi todos los labradores que comprar el lusitano, por la especie de afinidad que hallan entre su habla y la portuguesa...?” (Xosé A. Fernández Salgado, Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego, 205, p. 293).

O escritor de Berres vén apuntar así de feito nesta cuestión ó dereito natural do pobo a poder dispoñer dos medios oportunos e xustos relacionadas coa cultura e a lingua que lle son propias, tal como debería ocorrer coa normal existencia de xornais, etc. específicos do país no que se vive. A algo disto se referiría, xa no século XX, o profesor Juan José Moralejo Álvarez, catedrático de Lingua e Literatura Grega na Universidade de Santiago, cando en 1977 no seu escrito A lingua galega hoxe aludía tamén explicitamente ós “medios de información” deste xeito: “Os problemas e solucións da lingua galega de hoxe son políticos, parte e base fundamental do problema político xeral de Galicia e dos galegos [...] Niste sentido o axeitamento interno da lingua somente acada a súa plena razón de ser se a liturxia e predicación, a administración, o ensino, os medios de información [subliñado meu], etc. deixan de estar alleos ou pechados ó dereito de centos de miles de homes a que se lles fale e deixe falar na súa lingua propia e natural” (p. 79-80).

Aínda a piques de rematar o século XX, no ano 1999 (é dicir hai só vinte anos), tivo que se expresar Ramón Lorenzo no seu discurso de recepción na Real Academia Galega en relación co que estou a comentar deste xeito: “¿E que dicir da prensa e da radio ou da televisión? É inaudito que, sendo maioría os galegofalantes, as radios dependan todas de Madrid e teñamos que apandar tódolos días co bombardeo centralista en castelán, cun nacionalismo centralista a ultranza que non se priva de utiliza-las peores palabras descalificadoras contra os nacionalismos periféricos e contra os tímidos intentos de potenciación das outras linguas. E se se crea algunha radio en Galicia non se pensa no galego, pénsase unicamente na lingua allea. Non se comprende. Como tampouco se comprende que os periódicos sexan tan contrarios ó galego, que as autoridades lles consintan considerar como cuota de uso do galego a propaganda institucional e que só teñan interese en obter colaboracións de intelectuais galegos, que desta maneira colaboran graciosamente a que estes medios alleos a nós acaden máis subvencións polo suposto uso da lingua” (Reflexións crítico-eruditas e sentimentais sobre a lingua, p. 46).

De modo que, aínda que só fose porque no comezo mesmo do ano 2020 acadamos á fin ter á nosa disposición un novo diario galego e en galego, estamos en condicións de dicirmos que o ano 2020 comezou ben. E, claro, moito desexamos que dure polo menos tanto como as “mil primaveras” de Cunqueiro!

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña