06:15 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-12-2019

Aspirou como moza á emancipación e á independencia. Non se limitou ao círculo do seu sexo nas relacións sociais

A estrela de Rosalía de Castro

Valorar (30)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Segundo informan os medios, unha estrela amarela e o seu exoplaneta veñen de ser denominados como Rosalía de Castro e  río Sar, respectivamente, unha proposta da Agrupación Astronómica Coruñesa Io, que acadou os apoios necesarios na rede para logralo. Rosalía tiña especial interese no mundo que nos supera e transcende, e que tendemos a mitificar ou encher de soños, cando non a facelo partícipe da nosa sorte, destino, tristezas e alegrías aquí: o da bóveda celeste co seu innúmero de astros. O máis querido e suxestivo para ela era a lúa, “astro das almas orfas, descolorida lúa”, do desamparo de corpo e alma, da inadaptación e os secretos. Certamente, podemos asumir que Rosalía levaba na súa fronte unha estrela, como dixo o seu admirador máis fervente e convicto entre os poetas do seu tempo, malia en moitos aspectos psicolóxicos, morais e filosóficos pouco teren a ver, Manuel Curros Enríquez. A estrela é un símbolo plurívoco. Porén, Curros subliñaba o papel, a función, de guía, orientación e revelación que a persoa e a obra rosaliana significaban, e á vez o destino de apóstolo mártir que tivo que padecer por desempeñalos e enunciar a súa mensaxe.

Aproveitemos para intentar facer un retrato psico-social desta muller galega, das súas intencións e dos seus padecementos. Antes de nada direi que era unha muller que tiña unha visión clara, liberada de eufemismos e ocultacións, sobre a realidade do seu pais, e á vez un teimudo e perseverante afán en que esta realidade mudase. Tamén era unha persoa complexa, fóra do común nas mulleres do seu tempo e da súa condición social,  pola súa forma de se comportar con audacia e liberdade, pola súa cultura, que non se reducía a unha erudición libresca con descoñecemento da vida circundante nin servía para anestesiar ou desviar a atención da realidade  propia, incluídas as circunstancias colectivas que a rodeaban e condicionaban.  Non era, pois, nada proclive á alienación. A experiencia rosaliana de nena e mociña foi moldeando unha personalidade e unha conciencia que unía en simbiose perfecta o mellor da súa condición de clase, fidalguía rural en proceso de ruína con certo sentido da dignidade, con identificación coa clases populares do campo, incluída a lingua que as definía e caracterizaba como propia. Tivo conciencia de que fora a única tamén da súa  clase social, e da que aínda non se desprendera, nas conversas informais. Ela faláraa con soltura, contento e identificación nos seus xogos infantís e no trato con toda a xente popular. Nunca renegaría desta orixe e desta experiencia que abría tantas interrogantes sobre o que era, o que fora e o que debía ser Galiza.

Aspirou como moza á emancipación e á independencia. Non se limitou ao círculo do seu sexo nas relacións sociais. Accedeu e frecuentou os lugares nos que, pola súa propia natureza, a relación e mesmo amizade con ambos sexos no fose imposíbel. Para unha muller, sen dote, sen diñeiro, e con cultura, destemida e decidida, os pasos posíbeis encamiñaban á actividade artística: música, canto, teatro, literatura….Non cabía máis saída que a de arriscarse, ir en busca do recoñecemento, como bohemia, como persoa disposta a todo tipo de sacrificios por darse a valer na actividade escollida e poder vivir dela. Ningunha das escritoras do século XIX que acadaron un certo recoñecemento deberon facer a vida de sacrificios nin pasaron as dificultades económicas e sociais que tivo que padecer Rosalía de Castro por causa do camiño escollido e pola intención que a movía e que movía a súa obra. Aspirando a vivir da literatura, sobre todo como novelista e articulista en xornais e revistas, nunca o logrou. Non había soporte ou protección que amparase materialmente a súa angustia e ansiedade por esta causa.

O soporte de que gozaron Pardo Bazán, coa fortuna paterna e materna, ou Concepción Arenal, coa da súa familia e mesmo a das institucións da monarquía como forma de xustificar o seu interese polo papel da muller, non existiron no caso de Rosalía. Podíamos facer a mesma comparanza ou contraste con Carolina Coronado, Gertrudis Gómez de Avellaneda ou Cecilia Bhöl de Faber, para subliñar aínda máis a singularidade rosaliana. O único soporte en vida, o único apoio con que contou, veu das relacións editoriais do seu esposo, tamén tan sobrado de capacidade intelectual como escaso de recursos, tamén empeñado en vivir da escrita, como xornalista, novelista e historiador, sobre todo. E, a partir de 1872, de determinados sectores da emigración galega en América, que viron na súa obra en galego un espello que dignificaba as súas orixes, a súa lingua e no que, dunha forma ou doutra, intuían unha mensaxe  de redención. Foron eles os que fixeron medrar o nome da escritora, como poeta  galega e en galego,  e axudaron a paliar as súas necesidades con veladas e colectas caritativas nos últimos anos da súa vida.

En certa maneira, a personalidade e a obra de Rosalía non podían ter eco na corte de España. Era singular, orixinal e rara de máis para os tempos, as mentalidades, o admitido e a promover tratándose, aínda enriba, dunha muller, con conciencia galega e sen recursos. A súa obra en galego ía dirixida a convencer os galegos cultos que debían seguir sendo galegos, e só de forma indirecta ou a longo prazo a influír nos sectores populares. Era consciente de que tardarían en ler os seus versos se algunha vez o facían. A súa forma de ser repudiaba a ostentación, a hipocrisía dos salóns, a soberbia clasista. Pode estrañar que o seu proceso vital fose, de forma inexorábel, conducíndoa á marxinación, ao ostracismo, a unha maior ansiedade e a unha angustia polo propio futuro do país. A evolución política  tampouco confirmou  a esperanza dos anos iniciais, a duns tempos que prometían mudanzas substantivas no Estado e para Galiza, nunha orientación acorde co pensamento rosaliano. Máis ben todo acabou sendo máis escuro, difícil e hostil coa restauración da monarquía borbónica, após un pequeno período de cinco anos de experiencias máis ou menos democráticas, polo demais igualmente centralistas e en boa maneira frustrantes.     

Hai a tendencia a culpabilizar Murguía, o seu esposo, do martirio rosaliano, da súa angustia,  ou tamén a convertelo no seu principal facedor, como unha especie de Pigmalión, que se empeñou en que ela escribira o que escribiu (ela mesma ironizou sobre esta atribución do que escribía ao seu marido: como unha muller ía escribir cousas así? Se fose en París ou en Madrid…pero aquí!) e logo en construír unha imaxe mítica da súa dona. Quen lea a obra de Rosalía enteira terá moi claro cal é a súa opinión sobre esta institución: desde logo non é nada sagrado; con ou sen ironía non pasa de ser un remedio, unha necesidade, unha obriga social, sempre unha pesada cruz. Ninguén debe ter dúbida sobre a afinidade intelectual e ideolóxica de Rosalía e Murguía, da súa coincidencia de criterios canto a proxectos culturais sobre o futuro, e do mutuo apoio que se prestaron, el desde unha posición con máis facilidades para acceder aos círculos políticos e literarios necesarios, para publicaren as súas obras e poder contar con ingresos económicos. Foi a necesidade perante o desamparo, a falta de apoios e a sensación de soidade o que levou a Rosalía moza, encinta, a casar cun home como Murguía, con disposición a protexela e axudala para poder publicar, para alén de valorala no aspecto intelectual?

Nada indica que, inicialmente, dúas persoas singulares, raras, compenetradas intelectualmente, non puidesen chegar a tecer lazos de afecto e atracción sexual, soldados tamén pola necesidade e a comuñón de ideas. Dito isto, non se tratou nunca dun matrimonio convencional e moito menos por parte de Rosalía, que asumiu, a cada paso máis, o papel de cabeza ou éxida do que acabará sendo unha familia numerosa, xustamente canto máis empeoraron as súas circunstancias económicas e sociais a partir de 1875. Non se caracterizou Murguía, sobre todo a partir deste ano, por estar presente, a maior parte do tempo, naquel fogar, onde houbo que alimentar -é curioso as veces que aparece Rosalía como alimentista nas cédulas do concello xa desde o inicio-  catro fillas e un fillo de forma permanente en vida dela. Había motivos para esta ausencia: os seus traballos en Valencia, Madrid ou as súas viaxes para investigar. Porén, a partir de 1877 todo indica que o matrimonio non existía de facto, malia os vínculos intelectuais non se perderen e seguir existindo a axuda de Murguía no que lle era posíbel. Ela debía enfrontar o día a día, en soidade, na miseria. Así pasou os últimos anos na casa da Matanza en Padrón.

De Padrón partira camiño de Santiago de nena por empeño dunha nai que acreditaba no valor da súa filla, na súa intelixencia e capacidade para abrirse paso no mundo por ela mesma. Ás terras do Sar, a Padrón, regresou coa dignidade íntegra, coas esperanzas murchas,   clamando, desde a súa marxinación e desde o seu sufrimento, que Galiza existía, que debía seguir existindo, que era a súa única patria e que debía recobrar a vida que perdera. Seguro que se confesaba coa lúa, o astro das almas orfas. Sen dúbida, a nosa orfandade é moito menor que a dela. E certamente non puideron impedir que se convertese nunha estrela que nos guiou e guía , por moito que intentaran apagala ou desfigurala. Segue a relucir e a cada paso máis coa súa luz orixinaria.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña