21:57 Luns, 03 de Agosto de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-12-2019

Lixeiro, narcisista, paciente, astuto, usurpador, lacazáns, sempre lugar estratéxico, ronroneando sonos e agarimos

Arredor do cadro “O Souto dos Gatos”, regalo de Castelao a Otero Pedrayo

Valorar (9)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


O influente ourensán, don Vicente Risco, que viviu profundamente canto significan os anos do Modernismo, a Europa dos dandis inadaptados , o Renacer Céltico de Eirín e o saudosismo portugués, estaba moi prendido nos temas orientais, zoroástricos, teosóficos, na maxia e como poucos na demonoloxía, nos saberes ocultistas, mesmo autor dunha Historia do diaño. Algo moi en relación coa ética e a estética do dublinés W. B. Yeats, modelo pro ourensán mesmo pola modélica ansia de independizar as singularidades da cultura irlandesa dos imperantes moldes ingleses. E entre o simbolismo de canto dicimos, o do gato, o animal das sete vidas  sempre andará por medio: can e gato, sardiña e gato, gato escaldado, gato encerrado, acuruxado ou ourizado, hiperactivo e cando as xaneiras con eses desacougantes e histéricos miaños... O tema préstase pois entre os escritores e os gatos semella que hai un ancestral e endiañado pacto.

Lixeiro, narcisista, paciente, astuto, usurpador, lacazáns, sempre lugar estratéxico, ronroneando sonos e agarimos,  tenso e encrespado ante o perigo, brincando propiedades dun a outro tellado. Noutrora símbolo de feminidade,  de liberdade, non se deixa que o suxeiten ou que o  pechen, velaí os dito de “gato encerrado” o u  “defenderse como un gato, panza arriba” Comenenciudo, deitado á quentura morna, no colo das beatas, das viúvas...observa Risco.

A cuestión xa viña de lonxe, mesmo o estadounidense Allan Poe, mestre no xénero da novela gótica, nas historias de terror, acude ao gato e cóntase que tiña varios aos que daba mesturado co leite unha bebida espirituosa, whisky , entón animal, pra maior inspiración do creador,  toleaba como unha pitonisa toleaba. Tampouco ao romántico polígrafo parisino, Baudelaire , os gatos non lle eran alleos, e ten varios poemas sobre o felino. E os escritores irlandeses, que como os galegos levan no seu adn o  misterio e a maxia, sempre no fío do terror, son amigos de meter algún gato nas súas tramas literarias.  O tan referenciado Joyce,  comeza o “Ulises” dando conta dos soños co felino dunha panteira da  dublinesa Torre Martelo, mesmo escribiu dous contos co tema do gato, nos que, como Risco,  vía nel a un animal “filosófico “, da noite, aliado da lúa,  “O gato e o diaño” e “Os gatos de Copenhague”.

O ourensán don Vicente Risco, profundador, orientalista,  celtista, europeísta, atopaba no gato un resume de moitas das súas querenzas e con frecuencia o felino aparece nas súas novelas e artigos , velaí o seu representativo “Libro das horas”, capaz de escribir unha gatopedia. Ética e estética risquiana seguida pola xeración de entón, Castelao non perdeu de vista o pensamento do seu “irmán” Risco, pese a que despois da guerra, en don Vicente se impuxera o medo, como en gato escaldado.  E xa no exilio Castelao  referenciaba ao ourensán antepondo un “cando Risco era alguén” .

O gato, que nin se menciona na Biblia, asóciase coas tebras, cos exorcismos e encantamentos,  sendo símbolo heteroxéneo, benéfico e maléfico, respectado e moi querido na casa por intuírse o seu carácter sabio, superior,  en relación coa maxia e a meiguería, escollendo lugares con misterio, atento a calquera rebulir, os ratos. Gato negro, señor da escudade e da noite, mascota do maligno e cando se cruza no camiño agoira o funesto. Gatos de intensa mirada  incendiada. Relacionado tamén coa luxuria, a crueldade, a infidelidade, axeitado compañeiro dun deus ou trasno maligno, dos espíritos impuros, dos anxos caídos, por algo  auxiliar das meigas  e máis dos seus meigallos...das que tamén se dicía que acudían aos aquelarres cabalgando sobre gatos negros.   Na tradición cóntase que os discípulos de Satán disfrázanse de gatos.

O símbolo do gato: ancestral intuición, sabedoría, axilidade, perseguido...


Furando na orixe destas crenzas e pola  arqueoloxía sábese que  estes felinos, agrisados e de rabo corto, os que cazaban roedores entre os xuncos e papiros do Nilo, na antiga nubia exipcia, alá polo 2000 a. C, foron domesticados de xeito serodio. Omnipresente no “Libro dos Mortos”,  momificado e representado como muller con faciana de gato de orellas e bigotes apuntados, atentos,  enfrontándose e vencendo á serpe. Gatos que tiñan como deusa protectora a  Bastet, unha leona. Ideas que os viaxeiros e comerciantes levaron a Grecia, converténdose en atributos da deusa Diana, chegando a pensarse que esparexendo as súas cinzas polos agros mantiñan afastados ao mal. Pro budismo e na cábala xudía, o gato asóciase á serpe en relación co pecado, o abuso. Namentres que pros chinos atrae a riqueza e velaí a súa figura dourada dándolle ás gaduñas sobre as xanelas e nos escaparates.

Sabemos que no mundo céltico os gatos representaban ás forzas malignas, mensaxeiros da escuridade, mesmo eran escollidos pros sacrificios  e os deuses gardiáns dos templos representábanse con ollos de gato, capaces de fender e penetrar na escuridade. Tamén as tribos xermánicas representaban á deusa Freysa, como unha Cibeles , aínda que sobre carro tirado por gatos.

E da historia de Risco, tan entre gatos, cóntannos que xa de pequeno, discurseaba aos que brincaban de tellado en tellado do seu ourensán barrio, entre a praza do Ferro e o Eirociño do Cid. Entón eles enrolaban o rabo, sentábanse, apuntaban as orellas e o bigote e semellaban entendelo entre os abraiados veciños. Ao cabo dos anos  insistía en que o gato é o máis doméstico e menos salvaxe dos animais, teimaba en que dotado dun sentido especial en relación co espírito. Repara en que non molestan ao lector, que respectan os libros e os papeis...servidor non diría tanto, pois sabe do seu mexo sobre os papeis e dos seu rabuños.... Risco na novela do “Porco de pe” usa con frecuencia a metáfora do gato en relación cos “xenios do inútil... precisos para o decoro das accións...”  E o “inadaptado”  coincide cos presupostos nigrománticos en que os gatos ven e escoitan o que os humanos non, ás pantasmas que deambulan entre os dous mundos, como sobrevivintes do pasado, do mundo do fantástico e das ideas puras. E sentencia don Vicente que  o gato enténdenos mellor que nos a eles.  Animal que é de todas partes e de ningunha. Daquela doese de que os nenos os persigan e acantacen, de que algúns desfrutan matándonos a navallazos, botándoos ao río, aforcándoos... e fala da “furia colectiva desas pandillas asasinas....” pra  concluir que os que son capaces diso son capaces de moito máis.  E concorda co seu admirado Baudelaire en simbolizar ao gato co “home ludens”,  o que busca o artístico, o poeta, o músico...importante detalle pro que agora contamos: pois  Castelao regálalle a Otero Pedrayo, de sempre intimo amigo de Risco, un enigmático cadro que lucirá no gran salón da Casa Grande de Trasalba, a carón do mapa de Fontán. Tratase dun guash titulado “O souto dos gatos” e que representa un deses xigantescos patrucios castiñeiros, gastado polo anos e que ergue ao ceo, como brazos as súas ramas....”natureza que tende á espiritualidade”, tan tratada polo rianxeiro, pero agola pólas  das que colgan gatos  aforcados...escena que semella surrealista, pero con fondo significado nos anos da guerra, cando no Morrazo os asasinos carrexaban cadáveres de mozos “paseados”, vidas segadas  que ansiaban ser ceibes... pra botar ao mar... namentres naquel funesto carrexo  cantaban  “Os mellores deste barrio/mataron un gato a tiros/e metérono nun saco/ Vai o gato metido nun saco/ vai o gato  pra pedra da Laxe/ vai o gato metido nun saco/ ai gatiño xa non volve máis...” Pois si, triste historia de sabios humanistas, de medos, persecucións, paredón,  exilio, negación,  distorsión, esquecemento e mesmo gatos por medio.

Castelao, “Souto dos gatos”  (Casa-Museo Otero Pedrayo, Trasalba)

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña