02:32 Domingo, 12 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-12-2019

Sen historia, sen lingua común, sen cultura que nela se expresou e se expresa, seríamos almas rendidas.

Castrapo cultural

Valorar (26)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


A expresión que titula este artigo cólloa directamente de Eduardo Blanco Amor, o grande escritor de quen lembramos, neste mes, o 40 cabodano do seu falecemento. Lembramos? Deixémolo pasar, para non nos mortificar, como galegos, máis do habitual... Fala el, nun artigo, de “castrapo moral” e de aí recollo eu a ampliación. Si, cabe falar, para alén do castrapo stricto sensu, o lingüístico, o que tanto abafa e contamina a lingua de noso, de castrapo cultural, o que continúa a conceptuar a nosa cultura como limitada, pequena, doméstica, endogámica, nun círculo de cultivadores encantados de se coñeceren a si proprios, con ignorancia e desprezo da historia da que vimos.

Á tradicional dependencia da cultura española vénse somar  -fenómeno non de agora, mais si no presente agudizado- a dependencia global, a programación internacional á que cómpre engadirse acrítica e entusiasticamente. Por decreto non escrito mais igualmente eficaz. Agora resulta que o ecoloxismo galego non leva anos e anos –décadas-, clamando, escrebendo e axitando a sociedade sobre e contra a contaminación, a ruína que supón, o cambio climático e todas as súas secuelas destrutoras (ruína e cambio, en todo caso, inherentes ao sistema capitalista e ao seu funcionamento). Non, agora, por decreto informativo, enteirámonos do mal grazas a un produto de marketing en forma de nena sueca en exhibición mundial. Agora resulta que o feminismo galego tamén non existiu e cómpre que a macrofactoría norteamericana active o “Me too” para que nos doiamos dos graves e específicos problemas das mulleres. Agora resulta que para estar à la page é preciso falar de “diversidade”, cando hai cen anos que os protagonistas e artífices do Grupo Nós usaban como lema: “Ser diferente é ser existente”. Vaia por Deus e polas ánimas!

O escritor citado, Blanco Amor, pode retornar definitivamente á Galiza en 1965: “Quería comprobar a certeza das imaxes que persistían no fondo das meniñas dos seus ollos. Pero atopou unha Galicia interferida e negadora de si mesma. El chamáballe a provincialización española de Galicia. Só lle quedaba a fe na xuventude, como continuadora da conciencia galega” (Luís Pérez, en A contrapelo. Eduardo Blanco Amor, Biblioteca Gallega, 1993, páx. 7). Teño na man un opúsculo que ten todas as trazas de ser unha auto-edición. Figura o nome do autor, Eduardo Blanco Amor; o título: Castelao; a cidade e data de publicación, en Ourense, 1970, sen nengunha outra indicación. Está dedicado a Álvaro Gil Varela e contén, após un catálogo de obras del en galego e en castellano e mais unha “Justificación” relativa ao vixésimo aniversario da morte de Castelao, artigos dedicados á memoria e difusión do valor e sentido da obra do lembrado, publicados en diferentes meios galegos (La Región, El Correo Gallego, La Voz de Galicia) e tamén de fóra (La Vanguardia). Así os explica: “Los presentes escritos tuvieron por objeto cumplir función periodística; no son de modo alguno fragmentos o apuntes para un ensayo o estudio malogrado. Quieren ser lo que fundamentalmente tiene que ser el periodismo: información, comentario, opinión. Quienes están compenetrados con la vida y la obra de Castelao podrán encontrarlos obvios aunque no, espero, superficiales. Muchos de los datos que los gallegos de Argentina y Uruguay podrían encontrar dispensables son aquí necesarios ya que, además de las lejanías ideológicas hay las cronológicas que hacen que Castelao “les caiga” demasiado lejos a los lectores jóvenes”. O derradeiro dos artigos incluídos está dedicado, en elexía emocionada, a Virxinia Pereira, viúva de Castelao, falecida en Madrid en Decembro de 1970. O escritor, a pesar do peso da censura, non esquece render a honra debida a quen tanto e ben fixo pola Galiza.

Eduardo Blanco Amor sábese fillo e herdeiro dos que o precederon e así o recoñece e exterioriza. O mes próximo coincidirá co 70 cabodano de quen el homenaxea, de Castelao. Catro semanas antes, no Museo do Pobo Galego (despois, xa en 2020, na Coruña e en Lugo), a Federación de Asociacións Culturais Galiza Cultura, inaugurouse a Exposición “Nós, de onte a hoxe: cen anos de historia”, que mesmamente trata de reatar o noso presente coa nosa historia e con quen a construíron e arrequeceron, Castelao entre eles, de xeito maxistral e senlleiro. Coñecela, valorala, utilizala como exemplo valioso, non significa apontarnos á cultura “panteónica”. Supón, en primeiro lugar, render un tributo de respeito e de agradecemento a quen tanto e ben fixo pola Galiza, como xa dixemos; en segundo lugar, reafirmármonos na idea de que sen historia, sen lingua común, sen cultura que nela se expresou e se expresa, seríamos almas rendidas, como nos aldraxou o pensador español.

Estas miñas palabras son, pois, un convite a contemplar a obra dos nosos antepasados, isto é, a contemplármonos nós nas nosas posibilidades, nas aspiracións que aínda non son realidade, nas ideas e práctica, en fin, de galegos e galegas sen complexos nen rendición.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña