05:29 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-12-2019

Ao longo destes días, La Voz criticaba o lamentable comportamento das empresas e institucións relacionadas con este accidente

Cando a morte axexa: o accidente da compañía teatral de Emilio Mario na costa de Alvedro (16-5-1887)

Valorar (8)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Na noite día 8 de abril de 1887, no tren correo de Madrid, chegou á Coruña a compañía de declamación do distinguido actor e director Emilio Mario (fora tamén empresario moitos anos do Teatro de la Comedia de Madrid), que debutaría o día 10 e realizaría un gran número de representacións no Teatro Principal da Coruña. Finalizadas estas, e logo de ofrecer outras no Teatro Jofre de Ferrol, de onde regresaron a primeira hora da mañá do día 16 de maio, ao mediodía, nunha dilixencia da empresa Ferrocarrilana, partiran cara Santiago, -onde continuaba a xira- varios membros relevantes da compañía: entre eles, ademais de Emilio Mario, Miguel Cepillo, Enrique Sánchez de León, José Montenegro e Máiquez, e as actrices Josefa Guerra, Elisa Mendoza, Carlota Lamadrid, Julia Martínez ou Concepción Suárez. Noutro coche da citada empresa, que saíra ás oito dá tarde, conducido polo maioral Pascual Toledo Gómez, viaxaban o resto da compañía, e algunha persoa allea a ela: na berlina, Antonio Fornoza, Ramón Rosell e a esposa deste; no cupé, Mariano Lahoz (ou La Hoz), Ricardo Delgado e José Martínez Santamarina (este, veciño de Santa Cristina de Barro, Noia, e tratante de gando); no interior do vehículo, Claudio Compte coa súa esposa Dolores Montero, Alberto Morales, Isaac Puga, Ramón Antonio Pérez; Francisco Jordá; Anselmo Cancio e a súa filla María Cancio, José Delgado, Victoria Morales coa súa nai, Virginia Carriche coa súa nai; Pilar Zabaleza ou Zabaleta, Francisca Iglesias Iglesias (criada ao servizo de Josefa Guerra, e natural de Santiago), Celestina Fernández, Micaela Mérida, Emilia Llorente e Javier Mendiguchia.

Mais a viaxe non duraría moito. En torno ás nove- nove e media da noite, ao baixar pola costa de Alvedro (Culleredo), -a unhas dúas leguas da capital-, a dilixencia envorcou sobre o lado esquerdo, a causa dunha forte sacudida dos cabalos dianteiros, producida do lado contrario ao que deberon dala ao dobrar un recodo, ocasionando a rotura instantánea do torno. (Comentaríase despois que o torno xa rompera con anterioridade, e que o coche percorrendo daquel modo un traxecto de 170 pasos).

Os primeiros en sufriren as consecuencias do accidente foron José Delgado, Alberto Morales, Isaac Puga e unha viaxeira non pertenecente á compañía – non sabemos quen era-, que caeron sobre unha gavia situada na beira dereita do recodo e cuberta na súa parte superior por silveiras, sufrindo grandes esfoladuras en mans e caras, sendo unha grande sorte que non se tivesen estrelado contra unha enorme pedra, sobre a cal se producira a caída. Morales, o primeiro en repoñerse da conmoción sufrida, acudiu axiña en auxilio da muller e de Delgado e Puga.

Outro viaxeiro, Fornoza, sacou do coche a Victoria Morales e á súa nai, e con elas do brazo, sangando todos e con temor de que a súas respectivas feridas fosen de gravidade pola contínua hemorraxia, andou quilómetro e medio pola estrada ata achar unha casa e dar aviso ao Alcalde para que se facilitarsen socorros aos viaxeros.

Destacada actuación tívoa tamén Compte. Como consecuencia do accidente, o farol da carruaxe apagárase, deixando aos viaxeiros na escuridade. Compte, que resultara ileso, abriu a porta do coche, entrou como puido no interior e conseguiu acougar algo aos viaxeiros, que berraban e se lamentaban -ben polo susto, ben polas feridas-. Pouco a pouco, foinos sacando un a un, librando de morte segura a algúns deles que, como a señora de Rosell, tiñan sobre si todos os compañeiros de viaxe que ían sentados do lado oposto ao que deu contra o chan.

Transcorridos algúns instantes do accidente, os viaxeiros máis sereos, decatándose da realidade da situación, determinando enviar á Coruña ao “dianteiro”, en busca de auxilio, mentres eles procurarían obter os que puidesen no lugar. O mozo “dianteiro da dilixencia”, no mesmo cabalo que montaba, a présa e bulindo chegou á cidade en torno ás dez e cuarto da noite, presentándose na casa da empresa reclamando socorros; mais, como marchara precipitadamente, sen realmente comprobar o alcance e a gravidade do percance, parece que quitou importancia aos feitos, polo que nin a empresa puido preparar un coche de auxilio coa urxencia que o caso reclamaba, nin as autoridades, por falta de noticias exactas, puideron enviar ao lugar os auxilios facultativos que se precisaban. De maneira que, de non terse procurado os viaxeiros accidentados, por si mesmos, albergue e auxilios nos primeiros momentos, posiblemente as consecuencias terían sido moito peores.

Non sería ata as doce na noite cando a administración da Ferrocarrilana dispuxo a saída doutro coche co persoal necesario para as faenas de transbordo.

Mentres, tan axiña como os veciños de Alvedro souberon do desgraciado suceso, acudiron a axudar aos feridos. As casas nas que recibiron asilo e atención moitos deles foron a do estanqueiro de Alvedro, Felipe Pardo (que tería un comportamento pouco solidario ao querer cobrarlles logo, a cada un dos feridos que atendera na súa casa, cinco pesetas, como denunciaba La Voz de Galicia), e a do propietario Evaristo Plá de Huidobro –fillo do célebre xurisconsulto galego Benito Plá e Cancela- que puxo a súa casa ao dispor de nove dos viaxeros que se albergaron nela. Outros, recolléronse noutra vivenda.

Preto da madrugada chegaron dous médicos: un, Ángel Barbeito Louzán, residía no Burgo; o outro, era o médico municipal de Culleredo Ramón Vieites Coello. Ambos os dous fixeron as primeiras curas nas condicións que permitían as circunstancias e a carencia de recursos. De feito, censuraríase que as medicinas reclamadas nos primeiros momentos non chegaran coa oportunidade debida co pretexto de que nas receitas, -feitas, como era lóxico, coa natural precipitación dos primeiros momentos-, non se sinalara a cantidade de medicamentos pedidos para as curas, véndose obrigado o encargado de recollelas a retornar a Alvedro para encher aquel requisito nas receitas.

Ata preto das catro da madrugada non se presentou en Alvedro a autoridade local (o alcalde era Antonio Pedreira): por conseguinte, os viaxeros permaneceron cinco ou seis horas abandonados. O Xulgado de Instrución acudiu ao lugar dos sucesos ás seis da mañá.

Como consecuencia de graves feridas, faleceron dous viaxeiros: o actor Mariano Lahoz (ou La Hoz) e o noiés José Martínez Santamarina, que viaxaban no cupé xunto co apuntador, Ricardo Delgado, -este último fora lanzado a unha distancia de doce metros, mais con tan boa fortuna que apenas sufrira leves contusións-. Os cadáveres permaneceron tendidos na estrada, medio ocultos polo coche, ata as seis da mañá do martes 17, cando se persoou, como vimos, o Xulgado da capital. Logo de practicarlles a autopsia os citados médicos, ese mesmo martes día foron enterrados no cemiterio parroquial de Alvedro.

Mariano Lahoz deixaba na indixencia á súa esposa, que se atopaba en Madrid con tres fillos pequenos e próxima a dar a luz. Contaba con grandes simpatías na compañía de Mario, sendo unha das persoas da súa confianza.

Aínda que os seus compañeiros manifestaran o desexo de que fose sepultado na Coruña, non puidera accederse ao mesmo. Tanto o seu féretro, como o de José, foron doados por benefactores descoñecidos.

Un número moi importante de viaxeiros e viaxeiras resultaron feridos de diversa consideración. Xa preto do mediodía do martes, comezouse a transportalos en carruaxe á Coruña. Segundo un parte facultativo do día 18, os feridos eran os seguintes: José Delgado: contusións na rexión lumbrar e non xoello esquerdo; Virginia Carriche: contusión na pálpebra do ollo dereito; Dores Montero: contusión no coiro cabeludo, parte posterior da cabeza; Micaela Mérida: dislocación da articulación do pulso da man dereita, de certa consideración; Anselmo Cancio: unha ferida no ángulo anterior do parietal dereito; Francisco Jordán: dislocación do brazo esquerdo, de certa consideración; Celestina Fernández: contusión na pálpebra do ollo dereito; Ricardo Delgado: ferida incisa no ángulo exterior do ollo dereito; Ramón Antonio Pérez: contusión na parte parietal dereita e próxima ao ángulo anterior; Victoria Morales: unha ferida na rexión frontal que interesa aos músculos, de prognóstico reservado; Antonio Fornoza: contusión na parte lateral dereita do colo; Isaac Puga: fractura da clavícula esquerda, de algunha consideración; Francisca Iglesias: ferida na rexión frontal esquerda por riba da cella, de prognóstico reservado; Pilar Zabaleza: contusión na articulación conformoral; Ramón Rosell: contusión na rexión frontal; Alberto Morales: lesión leve nun xoello; Pascual Toledo Gómez (maioral): contusións nas pernas e un brazo.

Debido ao descontrol organizativo vivido, o gobernador civil impuxo fortes multas á empresa Ferrocarrilana e ao alcalde de Culleredo por non teren comunicado inmediatamente o sucedido. Tamén, ao parecer, impuxera un correctivo ao tenente da Gardia civil, que tendo sabido durante a noite o ocorrido en Alvedro, dirixiuse alí sen dar coñecemento do que pasaba ás autoridades.

Transcorridos uns días, celebraríase pola compañía de Emilio Mario unha función benéfica no Teatro Principal da Coruña, a prol das familias das dúas vítimas do accidente. (Tomamos a información de La Voz de Galicia, A Coruña, 17 a 26-5-1887; El Correo Militar, Madrid, 18-5-1887; La Correspondencia de España, Madrid, 19 e 20-5-1887; La Iberia, Madrid, 20-5-1887; El Día, Madrid, 20-5-1887; La Dinastía, Barcelona, 20-5-1887; El Siglo Futuro, Madrid, 20-5-1887; La Nueva Lucha, Girona, 22-5-1887. Nas actas municipais de Culleredo non hai ningunha alusión ao accidente).

Ao longo destes días, La Voz criticaba o lamentable comportamento das empresas e institucións relacionadas con este accidente, que era bastante habitual na estrada da Coruña a Santiago: “Infinitos han sido, é ignoramos que número hará este último, los vuelcos que sufrió en la carretera de Santiago la Ferrocarrilana, pero no sería muy aventurado suponer que jamás se habrán hallado los viajeros tan desprovistos de auxilios inmediatos como en la presente ocasión, en que todo parece haberse concertado para hacer más amarga la desgracia que afligió a las desgraciadas víctimas de ese accidente, pues ni la empresa ni otras entidades han puesto nada de su parte más que un abandono escandaloso y criminal para aliviar un tanto la aflictiva situación de los que habrán pensado que viajar por las carreteras de Galicia es igual ó peor que ir a la Meca atravesando el inhospitalario desierto de Sahara”. Non se trabucaba moito: uns días despois, un carro cargado de madeira de piñeiro, que viña para a Coruña, envorcou no mesmo lugar do accidente. E xa o 11-12-1885 acontecera o mesmo cunha dilixencia da Ferrocarrilana en Alvedro, resultando ferido grave o maioral e outros viaxeiros con contusións de diversa consideración. (La Voz de Galicia, 13 e 16-12-1885; El Correo Gallego, Ferrol, 15-12-1885; El Globo, Madrid, 15-12-1885). E en 1889, nun xornal compostelano podíamos ler o seguinte: “Los viajeros que por necesidad hacen el viaje a Santiago, se quejan del mal estado en que se encuentra la carretera de la cuesta de Alvedro, pues tienen la necesidad de apearse e ir a pié un buen trozo de ella, porque a los coches les es imposible transitar a los lados por dicha carretera”. (Gaceta de Galicia, Santiago, 21-9-1889).

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña