05:30 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-12-2019

O ecoloxismo ten que ser unha revolución que transforme o noso xeito de poboar o territorio.

Predicar e dar trigo

Valorar (23)

MARICA CAMPO


Todas as persoas que nos criamos e desenvolvemos falando e lendo algo máis que as mensaxes, case cifradas, das redes sociais, temos na nosa bagaxe unha morea de frases feitas ás que acudimos decote. Servíronnos e sérvennos para comprender e expresar mellor a realidade. Se sabemos discernir, porque tamén é certo que moitas expresan prexuízos fondamente arraigados na nosa cultura. E poño un par de exemplos:

Francisco de Quevedo cita en El Buscón, concretamente no retrato do dómine Cabra, o refrán que di: “Ni perro ni gato de aquella color”. Refírese, naturalmente, á cor do cabelo do personaxe, que o tiña roxo, tamén chamado louro ou rubio. A cousa, polo tanto, viña de atrás e prolóngase no tempo. Francisco Salcillo, o escultor e imaxineiro do século XVIII, autor de moitos pasos de Semana Santa, fixo un Xudas de barba e cabeleira roxas, fiel á idea de que unha mala persoa tiña que ser así. Naturalmente que o prexuízo, coido, non chegou aos nosos días e, se o fixo, foi esvaecendo, entre outras cousas porque a xente agora non le tanto a Quevedo e, a que o fai é máis culta e non acredita na maldade nata, como o criminal nato do que falaba Cesare Lombroso.

Outro exemplo podería ser o daquel dito que escoitei de pequena: “O que lonxe vai casar, tacha leva ou vai buscar”. Isto levaba, sobre todo nos sitios pequenos, a unha certa endogamia. Non era, como no caso da realeza, por non mesturar sangue plebeo co seu sangue azul (si, home, si), senón pola desconfianza dos estranxeiros ou dos menos coñecidos.

Despois desta longa digresión, regreso ao comezo, “unha cousa é predicar e outra dar trigo” e tamén “desconfía das ideas que non se che ocorran camiñando”. A que vén isto? Ao que me digo a min mesma cada vez que escribo sobre a necesidade imperiosa de facermos algo para frear, na medida do posíbel, o cambio climático.

Semella que, dada a idade que teño, o planeta terra, malia que estea ferido de morte, para min ha durar. Porén, penso na xente nova que ten dereito a outra herdanza. Non só os meus quince sobriños coas súas parellas, os dezanove sobriños netos e os que veñan, os amigos e amigas e a súa descendencia, senón tamén o resto da humanidade cuxos nomes descoñezo, mais espertan a miña solidariedade e compaixón.

Por iso me digo a min mesma que non estou facendo abondo para salvar a terra. Escribo, denuncio, fago algunhas cousas positivas, sobre todo no senso de seleccionar o lixo, procuro non “manchar” e limpar máis o contorno, mais sigo consumindo infinitamente máis do que preciso, aínda que non me considero consumista.

E é que os parámetros de outrora xa non valen. O ecoloxismo ten que ser unha revolución que transforme o noso xeito de poboar o territorio. Secasí, isto require un cambio no xeito de pensar, unha emenda á totalidade. Diríao coa palabra grega metanoia,  se non lles soa pedante.

Acendo a calefacción, utilizo o automóbil, merco roupa que verdadeiramente non preciso, acepto bolsas de plástico nas tendas cando me insisten, non aproveito o papel como debera, etc.etc.

E si, profeso e confeso o ecoloxismo. Coido que son unha consumidora responsábel e, con todo, sei que non o estou facendo ben. Non teño uns intereses económicos que defender, como é o caso dos fabricantes e vendedores de produtos varios. Tampouco periga o meu posto de traballo pola mudanza que ha vir ou irémonos nós. Comprendo o difícil do cambio, non deixo de ponderar as dificultades para facelo e confío nese elemento da intelixencia que se chama imaxinación creativa.

Cómpren políticos e políticas coa ilusión enteira, capaces de soñar e de faceren da necesidade virtude. Son precisos empresarios e empresarias que non se apunten ao ecoloxismo como etiqueta para seguiren vendendo e contaminando máis, senón persoas que comprendan que o ecoloxismo é oportunidade de futuro e, daquela, oportunidade de negocio. Sobran organismos cómplices das fake news (neste caso non son noticias, senón produtos publicitados con mentiras).

Pero se cada unha ou cada un de nós non somos portadores desa conciencia que nos leve a sermos escrupulosas con todo o que afecte ao coidado da casa común, de nada valerán cumios, acordos, manifestacións e denuncias. Unha cousa é clara e se non o é que alguén mo explique: a ecoloxía é compatíbel coa economía. En realidade naceron xuntas e deben ir do brazo. Con quen é radicalmente incompatíbel é co Capitalismo e o Imperialismo. A voracidade duns poucos non se atén a razóns e consome os recursos como quen fuma o derradeiro habano antes de se pegar un tiro.

Conclusión: Pensemos estas cousas dando pasos, por pequenos que sexan, polo camiño verde que, neste caso non vai á ermida, senón á vida. E, chámennos o que queiran, mais non perdamos de vista quen é o inimigo que temos que derrotar. Goliath é moi grande, David é pequeno,  certeiro e intelixente.





Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña