05:28 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-12-2019

Demos un grande paso, e en só vinte días demostrouse que o que lle viñamos dicindo á xente era totalmente certo.

Sementar e avanzar

Valorar (28)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


Recupero as palabras coas que remataba o meu artigo do mes pasado “É complexo pero é preciso dedicar tempo e efectivos a sementar, dado que só sementando poderemos conter a enxurrada reaccionaria e centralista que o quere levar todo.” porque dez días despois da súa publicación as eleccións estatais demostraron o importante que é sementar.

O nacionalismo galego viviu tempos moi convulsos nos últimos anos, pero pouco a pouco as cousas vanse clarexando e o tempo vén demostrar que os saltos no baleiro e as filigranas poden contar con moito aplauso e un éxito momentáneo, pero finalmente a lei da gravidade levará a que antes ou despois rematen por vir ao chan. Fronte a quen decretaron repetidas veces a fin do nacionalismo como forza con presenza importante no noso país, milleiros de militantes e simpatizantes seguimos aí aguantando o temporal, as veces con dúbidas e preocupacións, pero non deixándonos levar polo desánimo nin polos discursos desa modernidade mal entendida, que á hora da verdade non é outra cousa que a versión maquillada, ou en linguaxe século 21 a versión 4.0, dun Piñeirismo que xa no franquismo decretara a incapacidade do povo galego para auto-organizarse creando estruturas políticas que lle permitiran avanzar no proceso de autodeterminación.

Seguir traballando día a día, defender as nosas propostas pese a termos o vento en contra, denunciar as contradicións e a falla de correspondencia entre os golpes de peito que se daban aquí á hora de falar dos intereses de Galiza e o que despois se facía en Madrid, todo iso foi sementar. Fuxir do sectarismo, marcándose como obxectivo pechar feridas para sumar persoas que no seu momento apostaran por aquela suposta modernidade, e que tiñan e teñen un compromiso co país, todo iso foi sementar.

Un traballo duro en calquera circunstancia, pero moito máis nas circunstancias actuais, cando priman o inmediato, o plástico e o postureo. Pero igual que os nosos mariñeiros saen ao mar cada día sen certeza de que virá peixe á rede, sabedores de que só co esforzo e a constancia hai boa pesca; tamén a militancia nacionalista sae cada día, asumindo as certeiras palabras pronunciadas polo compañeiro Bautista Álvarez no discurso de apertura da IX Asemblea Nacional do BNG en 2001 “(...) o certo é que o trunfo sempre se resiste aos complexos de fraqueza. O que encaixa de cheo no noso pensamento é a necesidade de acumularmos enerxías se aspiramos á vitoria. Procurémolas aquí. Carece de futuro político quen tiver que importalas desde fóra”.

Dixemos sempre que a presenza do BNG no Congreso é a garantía de unha voz propia, porque o BNG ten a cabeza e os pés en Galiza, e o 10 de novembro máis povo confiou en nós. O BNG defenderá, neste caso da man de Néstor Rego, os intereses de Galiza e das súas clases populares, como fixeron os distintos compañeiros e compañeiras que asumiron esa mesma responsabilidade en etapas anteriores.

Demos un grande paso, e en só vinte días demostrouse que o que lle viñamos dicindo á xente era totalmente certo; o BNG con un deputado conseguiu xa maior presenza de Galiza na política estatal que a suma de quen estiveron nos últimos catro anos.

Sementamos e recollemos un froito, agora debemos seguir, intensificando o ritmo de traballo, mellorando as técnicas e sumando a este labor de sementar a todas aquelas persoas que queiran aportar.


[03-12-2019 22:52] DUARTE comentou:

Sabio consello Manolo, quen sementa debe estar sempre pendnete de pitas, corvos, pegas, etc..., do contrario ou non agroma o sementado ou o que é peor, leva a colleita quen non sementou.

[02-12-2019 18:24] manuel rodriguez pintos comentou:

Totalmente de acordo contigo e co compañeiro Bautista Alvarez mais eu lembro os consellos de niña nai que me decia Manuel ai que ter coidado co sembrado que se entran as pitas ecagallan todo colle un pau e dalle que se algunha
vai o pote non pasa nada.E no BNG nunca faltaron pitas

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña