05:30 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

26-11-2019

Parásitos é un exemplo deste tipo de cinema que nos asombra pola capacidade para facernos comprender

Realidade e ilusionismo

Valorar (40)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Séntome a escribir nun contexto no que un remuíño de sucesos me perturban, non sei se dicir máis ben incomodan, para lle restar transcendencia á miña reacción. Asemade fágoo após ver un filme que me axudou a coñecer mellor, a explicarme con máis matiz, a dinámica social do actual capitalismo, no que hai de común, en esencia, entre A Coruña, Vigo, Seúl, Atenas ou New York, por citarmos sitios distantes, con desenvolvemento dispar e problemáticas sociais e políticas específicas. Teño comprobado que hai moito cinema de Corea do Sur interesante, incisivo e clarificador en cuestións socio-políticas, preocupado por desvendar o que pasou ou pasa no seu propio país con habelencia artística. Naturalmente, non ofrece solucións, pois esa non é a súa función. Porén, disecciona moi ben a sociedade, de forma que abre os camiños para que vexamos a enfermidade, a causa de moitos fenómenos que, ás veces, nos custa traballo comprender ou detectar a súa lóxica neste panorama tan revolto, confuso e violento. Non é un cinema que renuncie a ver a realidade ou acomodarse a unha visión estereotipada, correcta politicamente, por máis que se poda inducir del que a impotencia social para rebelarse é abafante.

Parásitos é un exemplo deste tipo de cinema que nos asombra pola capacidade para facernos comprender non só que a miseria oculta do sistema no que vivimos é moito maior da que as puntas do iceberg- os pobres de pedir por prazas e rúas, metros e suburbios- apuntan. Tamén para ver a lóxica de tantos estoupidos violentos, de aparencia irracional, que teñen detrás opresións, miserias,  inimaxinábeis, que acaban facendo o ser humano inmune á dor propia e tamén á allea, converténdoo nun animal acurralado e de agresividade descontrolada.  E sobre todo, para comprobarmos como a ideoloxía dos marxinados ou danados polo sistema é, a maioría das veces,  unha variante impotente e ilusa da que sirve para fundamentar a vida dos que o controlan e xestionan: a aparencia, o individualismo, a competitividade, o engano, o fraude, o arribismo, a negación da realidade, mesmo vivíndoa dunha maneira angustiosa...Teñen, iso si, a xustificación moral e racional, de buscaren unha forma de saír de situacións miserábeis abafantes, no límite da subsistencia. Resultan por iso os seus comportamentos menos caprichosos, estúpidos, insaciábeis, pois deben ser esforzados, cautelosos e vixilantes,  que o de aqueles que os teñen ao seu servizo case como escravos. Efectivamente, traballan os do filme no sector servizos, en especial na súa variante de servizos domésticos, coa súa variedade multifacética que abrangue desde o profesor e profesora particular para o filla e o fillo do matrimonio, até chofer, pasando por cociñeira e limpadora, en luxosas casa de executivos indolentes, insensíbeis e tan satisfeitos de si e narcisistas como clasistas e cheos de prexuízos.  Parásitos deixa claro que a sociedade de clases segue existindo, en versión case escravista, agochada por unha aparencia de homoxeneidade visual que é só un espellismo. O malo é que os servos aspiran a viviren e melloraren dentro dos esquemas ideolóxicos, mentais e morais que sustentan os seus amos.

Na miña patria, Galiza, a tendencia a fuxir da realidade, a sermos ilusionistas está moi estendida. Máis aínda se nos referimos á nosa existencia como pobo, aos nosos problemas colectivos como nación oprimida de dentro do Estado español. É como se sabendo, non quixésemos saber, ou polo menos lle restaramos importancia, pois, mírese por onde se mire,  o mundo está mal e todos teñen problemas. Por iso é posíbel que se produzan situacións de ilusionismo abraiante, ese que consiste en xustificar auténticas burlas, non exentas de crueldade,  en nome de que supostamente se anima a economía dos servizos. Non sei o que mostra a punta de iceberg en Vigo. Seguro que o que está oculto, a miseria non só física e material, senón a moral, psíquica e  ideolóxica, e a violencia que se desprende desa opresión ou marxinalidade, é moito maior da que nos imaxinamos. Desde este Ferrol decadente e derrotado, vexo moitos síntomas na cidade olívica que non deberan conducir ao ilusionismo: un declive industrial progresivo que comeza a ser aterrador, por máis que, entre nós, xa se sabe como se dirime, normalmente, por parte da maioría, a cuestión, emigrando.

En todo caso, o señor alcalde Caballero cos seus xogos de luminotecnia, e os consecuentes gastos millonarios, está dando unha lección perfecta de ilusionismo para engaiolar os incautos e incautas. Xa que non hai traballo e hai miseria, teñamos, polo menos, fantasía, gastos suntuarios que nos agochen a realidade e nos fagan crer que de Vigo ao ceo, pasando naturalmente por España e por New York. Estase a rir como amo colonizado o señor Caballero dos seus súbditos, con afán de despistalos,  ou comezou facendo isto con ese obxectivo e agora xa goza el con ese espectáculo sen se decatar da súa miseria psíquica e da súa irresponsabilidade? En todo caso, todos vemos non sei cantas ong reclamando caridade alimentaria, conforme á moda reinante, aos clientes nas entradas e saídas das grandes áreas comerciais estes días. Todos sabemos como están os albergues municipais para indixentes ou persoas en situación de emerxencia. Ninguén debera descoñecer que as axudas sociais para todas as persoas en situacións críticas dependen de procesos burocráticos interminábeis que intentan obviar que non hai recursos suficientes. Ulas as voces progresistas contra tanto malgasto social e tanto cinismo? Menos mal que o representante do BNG en Vigo, Xavier  Igrexas, non calou.

Somos conscientes de que nos fan vivir nunha absurda e contraditoria realidade? É curioso que actuacións ilusionistas e irracionais podan merecer o apoio dos que, seguramente, máis sofren as consecuencias dunha sociedade, no noso caso, non só con clases oprimidas como tais, senón colonizadas, isto é, que  consideran que, na imitación está a saída, e que nos por nós mesmos non valemos, e que o noso destino natural é andar polo mundo adiante. A TVE 1 dedicou un tempo incríbel nos seus informativos á esta cerimonia ilusionista do alcalde Caballero. Non se sabía a que viña, se era unha maneira de dicirnos "xa ven que cousas pasan" ou se era para lle rir a graza. Xusto un espazo que non dedica a cousas ben máis importantes e dignas de atención que pasan aquí. O que sei seguro é que se trataba de dar apoio mediático a un alcalde do PSOE, o partido que tamén goberna España.

Non hai que se preocupar. A continuación pode vir un programa sobre os nenos que os servizos sociais non poden retirar das rúas e poñelos a cuberto pola noite por falta de medios agora que vén o Nadal,  ou sobre o aforro enerxético.....

Nunca a realidade e a aparencia estiveron tan en contraste e confusión  nin o ilusionismo marcou tantas axendas.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña