07:56 Mércores, 15 de Xullo de 2020
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

22-11-2019

Nós propomos para a BECERREÁ luguesa, unha orixe procedente dunha latina VACERREANA TERRA, ou sexa chea de apriscos, rodeos ou palizadas para o gando vacuno.

Becerreá

Valorar (14)

CÉSAR VARELA GARCÍA


Iste topónimo foi analizado por varios lingüistas.

Na revista luguesa  LVCENSIA, o experto toponimista Nicandro Ares expón o estado da cuestión etimolóxica:

“Corominas suxire que fose (civitas) bergedo-redana , “ cidade no camiño do Bierzo”. Comentando esta proposta e calificándoa de “imprevista” e “atrevida”, o profesor Moralejo Laso relaciona o topónimo con “becerro”. Joseph M. Piel rexeita a teoría de Corominas e xulga que BECERREÁ tivo a orixe nun nome persoal *Becerrius,propoñendo que fose unha Villa Becerriana. Esta é a hipótese mais verosímil…..”

Nós pensamos que este nome debe ter a ver con outros chamadeiros de lugares que semellan pertencer á mesma familia, velaí : BECERREIRA, na parte de Vigo e en Salceda de Caselas, CAMPOBECERROS , en Castrelo do Val, e ainda BECERRIL, BECERRAL e BECERRALES por Asturias e Castela adiante.

Todos ises nomes parecen aludir a lugares onde se xuntaban os vástagos das vacas, chamados por outra banda de, “xatos” , “xuvencas” ou “vitelas”.

Nas miñas lonxanas lembranzas da vida pastoril no rural galego, nunca atopei que houbese costume nen necesidade de axuntar aos becerros en lugares especiais.

Os becerros medraban coas vacas en cada casa e, ou  vendían-se, ou ficaban na casa até chegar a vacas ou bois adultos; sen necesidade de axuntalos en lugares específicos chamados de BECERREIRAS.

Esta anomalía lévanos a pensar noutra orixe para esta restra de topónimos.

No diccionario latino e baixo a voz VACERRA, aparece o significado de : “Estaca, poste para atar as cabalarías; palizada, sebe para encerrar o gando”.

Se esta fose a orixe da familia destos topónimos todo cobraría mais sentido.

Unha VACERRARIA, ou sexa, un curro de gando vacuno, daría na nosa língua  en VACERREIRA, que non resistiría moito a atracción da palabra “becerro”, e así chegaríamos  as BECERREIRAS de hoxe.

CAMPOBECERROS, tería mais sentido como un campo onde hai moitas instalación fixas de  curros de vacuno que un campo onde hai becerros, pois os animais unhas veces estarían, e outras non. 

Os curros, en cambio, estaban fixos e tiñan mais poder toponimizador.

Os BECERRILES, casteláns procederían pois duns VACERRILES latinos do mesmo xeito que os galegos.

Así é que, nós propomos para a BECERREÁ luguesa, unha orixe procedente dunha latina VACERREANA TERRA, ou sexa chea de apriscos, rodeos ou palizadas para o gando vacuno.

Até aquí a cuestión toponímica, ainda que, de esguello, ven á nosa mente a palabra BEZERRA, referida á situación en que queda un pedazo de pan onde o proceso de levedar abortou.

Díse: O pan ou o biscoito, “colleu bezerra”.

Así aparece expresado no diccionario do Estraviz:

BEZERRA:

(1) Cria fêmea da vaca.
cuxa, novela, tenreira, vitela, jovenca  

(2) Espécie de beta azulada e dura que têm certos bolos ou moletes perto da côdea inferior por carecerem de levedura ou estarem mal cozidos. Beta semelhante que se forma no interior dos biscoitos por excesso de açúcar.  

(3) Cada mancha pequena e escura, pouco visível, que, por causa da humidade, aparece na roupa branca que esteve muito tempo guardada.  

(4) Pedaço de massa mais densa e compacta do que o ideal (dita amaçarocada, amaçocada ou maçoca) que às vezes se forma no pão ou em doces, por não estarem bem cozidos, ou por falta de fermento, etc.  

A nosa idea é  que nada ten a ver esta cualidade da masa coa cría das vacas.  

Imos lanzar unha aventurada conxectura a lor da posíbel orixe desta palabra:  

Para se facer un bon pan compre que a masa tome volumen, ou sexa , LEVEDE; o contrario de LEVEDAR sería DEVECER, mingoar,ou mermar,  que o agudo P. Sarmiento fai derivar do verbo latino DEFICERE (cesar, faltar, deixar de asistir), ou sexa : “ non se facer ” (de- facere ).  

Se a masa non leveda, entón DEVECE, ou sexa, presenta unha * DEVECERNA ou DEVECERRA.

Ao confundir o DE- inicial coa preposición de igual nome, a parte VECERRA independizaríase da palabra orixinaria DE-VECERRA, e xurdiría a BEZERRA que hoxe escoitamos da boca dos nosos populares.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña