05:29 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

21-11-2019

Para Estados Unidos non é «cómodo» ter no patio traseiro «alborotadores» mandando, pois non saben qué pode acontecer ante un cambio impredicíbel

Bolivia: «asine aquí»

Valorar (14)

XURXO MARTIZ CRESPO


Unha das estrataxemas preferidas do demo é facernos crer que non existe. A xulgar polos acontecementos en Bolivia, coa renuncia do seu presidente e vicepresidente, ámbolos dous pensaron que o demo estaba entretido con Venezuela ou con facer que non naufrague o status quo chileno; equivocados os dous, tanto o hábil Evo coma o brillante García Linera. Calquera que procure nos media atopará mil causas para o golpe, principalmente as de carácter estratéxico ou económico até as raciais, que van dende a vitoria de Alberto Fernández na Arxentina, que determinaría un tsunami progresista en Latinoamérica, pasando pola liorta de Ecuador e Chile e as súas políticas neoliberais contra a súa cidadanía até chegar ao valor económico de recursos tan valiosos coma o litio ou o gas natural ou a condición de indíxena de Evo que, por certo, non ten o seu vicepresidente García Linera.

Pode ser que as anteriores causas tivesen algo que ver… pero non son as causas do golpe. A posesión de materias primas esenciais nas mans de gobernos antiimperialistas latinoamericanos, nun mundo globalizado e monopólico, en pouco afecta os Estados Unidos. A totalidade das exportacións petroleiras venezuelanas van a Estados Unidos. Iso é así antes, con e despois de Chávez. Non é unha escolla… é o que hai. Chávez percorreu medio mundo tratando de atopar mercados alternativos sen éxito debido a custes, transporte e provedores da mesma materia prima no mercado. A economía manda sobre a política, malia os discursos «encendidos» e as proclamas «antiimperialistas».

Malia esa realidade, para Estados Unidos non é «cómodo» ter no patio traseiro «alborotadores» mandando, pois non saben qué pode acontecer ante un cambio impredicíbel e, se  cadra, ese é o mellor temor de Estados Unidos: o impredicíbel que, como ben indica a palabra, non se pode predicir e, polo tanto, é imposíbel tomar medidas previas.

O poder estadounidense é tan absoluto que incluso recoñecendo Evo Morales que a súa destitución foi un golpe de Estado, non dá a entender o seu desexo de volver presidir Bolivia, senón de voltar para apaciguala.

Evo engrosará a Santa Compaña de presidentes destituídos mediante golpes de Estado cirúrxicos, xunto a Zelaya e Lugo. Cómpre lembrar que a mesma renuncia á presidencia e á candidatura que asinou Morales lla ofreceron a Hugo Chávez no golpe de 2002, que se negou a asinala e si asinou un escrito dende o seu cativerio en que sinalaba que nunca renunciara nin renunciaría.

A realidade é que o acontecido en Bolivia nos sinala a proeza de resistencia da guerra mantida por Cuba, e agora Venezuela, contra o argallador de todas as estrataxemas violentas e pacíficas que subxugan os pobos libres. Estados Unidos é coma o demo que non existe, coma o dinosauro de Augusto Monterroso.


[21-11-2019 14:06] Mário Antunes comentou:

Por la democracia y liberdad.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña