21:11 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

12-11-2019

Estas expresións e outras moitas que se poderían citar aquí posúen características sociolingüísticas que as singularizan face a outras.

“Fritindo minchas”: a reivindicación, novamente, da fraseoloxía popular

Valorar (29)

XOSÉ MANUEL SÁNCHEZ REI


Nas conversas que mantemos con colegas e amizades, a lingua é un tema que abrocha con moita frecuencia. Falamos, ás veces, da súa difícil sobrevivencia na Galiza, o país en que naceu, e da súa proxección máis internacional chamándose portugués. Xorde igualmente a temática á volta da calidade no seu uso público e de como a literatura constitúe unha poderosa ferramenta para a súa rexeneración interna. Pensamos en alto tamén sobre a relevancia e a necesidade do fenómeno do neofalantismo para manter o idioma. E, mesmo, nos últimos tempos, aparece o caso da nosa benquerida amiga Xoana Mantiñán e os problemas que tivo para que lle dixesen correctamente o seu nome nun hospital público.  

Hai unhas semanas, tivemos o pracer de partillarmos uns petiscos e unhas entretidas parolas coa escritora e profesora da Universidade da Coruña María Pilar García Negro e, como era de esperar, o idioma foi a cerna dunha notoria parte da tertulia. Como di un fragmento dun cantar tradicional que aparece no disco Inda Canto, o traballo máis recente de Treixadura (Inquedanzas Sonoras, 2018), Quen sabe máis aprende; / quen máis aprende máis sabe, e, nestes medios, temos de subliñar que sempre aprendemos moito escoitándoa falar de lingua, de literatura ou da súa etapa como deputada polo BNG no Parlamento da Galiza. Do seu profundo coñecemento do galego xurdiu unha expresión que se empregaba no Lugo de hai unhas décadas para, entre outras finalidades, recusar o comportamento de alguén ou para concluír un diálogo pouco agradábel. A tal frase era Vai fritir minchas!, entendendo minchas non como o molusco do noso litoral, mais como o que noutras rexións do país se chaman cabezudos, cabezóns, cágados etc., isto é, as crías da ras.  

Obviamente, tanto o nome substantivo como a expresión en si propia déronnos para repararmos nalgúns aspectos que, se o respectábel público lector o por ben tivese, gostariamos de comentar nas presentes páxinas. O primeiro deses asuntos foi a riqueza semántico-lexical que posúe o galego popular; repárese: o que nunhas terras é usado para denominar un tipo de ser vivo do mar, noutras comarcas, neste caso Lugo, é ironicamente empregue para se referir ás crianzas da ra. Un outro tema tivo como protagonista o valor da lingua das persoas de idade, temática que xa desenvolvemos aquí en diversas ocasións; con efecto, o desaparecemento dunha avoa ou un avó costuma levar consigo unha fervenza lexical e sintáctica caracterizada pola súa autenticidade lingüística, a cal, sabéndomoslle diferenciar o propio do alleo, constitúe unha verdadeira escola de aprendizaxe gramatical e vocabular, cando menos nalgúns rexistros. E máis un aspecto que aflorou no momento do café foi a relevancia que ten para unha boa praxe lingüística a fraseoloxía tradicional, tan erosionada, como outras faces do galego, pola influencia do español.  

Precisamente, a conversa coa nosa benquerida amiga e lúcida colega fíxonos matinarmos de alí a uns días en expresións bastante comúns hai algún tempo, as cales ouviamos con certa asiduidade na nosa infancia, mais que nos tempos actuais son pouco ou nada utilizadas. Moita xente di hoxe en día, por exemplo, que fixo o xantar, escribiu o exame ou limpou a casa nun santiamén ou nun plisplás, o que corresponde á expresión que usaba un sabio rapaz nonaxenario de Sobrado dos Monxes nun virapau. Ao paso, o comportamento dunha persoa sen personalidade, con escasa autoestima, fácil de intimidar ou de convencer mesmo contra a súa vontade, era entendido por unha outra moza octoxenaria do vello bairro coruñés de Cances a través da expresión ser de auga levada; as causas de unha muller ou un home estar nestas circunstancias costumaban explicarse, tamén no dicir desa moza, por andar con mao gando ou con más comapañías. Esta mesma muller afirmaba que os individuos sen palabra (e reparemos na importancia que tiña “ser de palabra” no mundo tradicional galego) eran, sen dúbida ningunha, xente lixeira. E cando unha refeizón, normalmente unha sobremesa doce e ben sabedora, era degostada ás présas, a tal rapariga de máis de oitenta anos costumaba subliñar que ese prato era tan lixeiro que non tiña espiñas.  

Ao tempo, ir apañar as castañas que caen das árbores é como habitualmente se ouve hoxe en día para referenciarmos ese labor, mais tamén se empregaba, até non hai moito, tanto na Galiza oriental como en falares portugueses setentrionais, o precioso verbo soutar, que sintetiza nunha soa palabra os factos de ir ao souto, de pasear por el e o de recolectar o froito do castiñeiro. Outrosí, comentabamos coa profesora María Pilar García Negro que na actualidade a maioría da populación, cando quer saudar alguén que non está presente, costuma encomendar que lle dean recordos, que lle dean recordacións ou que lle dean lembranzas; mais as mozas e os mozos de provecta idade tamén usaban a expresión dar memorias, como aparece en varios cantares de orixe tradicional: mándache moitas mamorias / o capitán da falúa (do Cancionero Popular Gallego, colixido por José Pérez Ballesteros, vol. I), Memorias sonch’escusadas / unha nena de quince anos / non pode resistir cargas (Cancionero Popular Gallego, vol. I), Pol-o sol che mando cartas / E pol-a luna saudades, / Pol-as estrelas d’o Ceo / Memorias que te regales (Literatura Popular de Galicia, textos coleccionados por Juan Antonio Saco Arce), Dálleme moitas mamorias / A Manuela d’a Pereira (Literatura Popular de Galicia) etc. Dar memorias igualmente, garda relación coa circunstancia de non saber nada de alguén, que constitúe o modo habitual que escoitamos hoxe en día cando hai tempo que non falamos con esa persoa, ainda que tamén existe a expresión non ter somencias de alguén, que ouvimos en terras da montaña lucense, moito máis expresiva que a fórmula anterior. E un ser humano que non costuma dar somencias a ninguén e que se comporta dun modo improvisado, sen pensar no que di ou no que fai, é por seu turno perspectivado na vila de Arteixo, fronteira entre a rexión de Bergantiños e a comarca da Coruña, como unha persoa estalabordada, tamén chamada persoa arroutada noutras partes do territorio.  

Certamente, cada vila ou comarca pode coñecer unhas fraseoloxías características que quizais non sexan empregadas para alén desas zonas. Unhas amizades nosas de Ferrolterra, por exemplo, utilizan a frase andar ou ir de canfurnada para un contexto en que talvez hoxe o máis empregado en certos grupos de idade sexa ir de marcha, susceptíbel de se percibir até épica e marcialmente… Ao mesmo tempo, nalgunhas aldeas das proximidades da Coruña non se descoñece a fórmula andar pixoutando, referida a cando unha nena ou un neno está continuamente a brincar ou a argallar. Isto dáse cando esa crianza non ten paraxe, como dicía a nosa avoa materna, que equivale a non ter parume na zona de Cariño, no norte do país. Igualmente, se unha crianza, ao brincar nos xogos infantís, mostrase involuntariamente algunhas parte do corpo que os códigos sociais sinalan que non deben aparecer en público, pode entrar en escena alguén que lle diga que ten os candieiros ao ar. E se na actualidade a frase coller ou ter medo é sen dúbida a mais usada, nalgúns lugares de Bergantiños coméntase que alguén pode gañar medo, case ironicamente perspectivando o medo ou o temor como un trofeo. Unha amiga nosa de Carnota comentounos que unha súa avoa dicía que alguén andaba adesilado se andaba aparvado ou con poucos reflexos mentais. Na zona de Bueu, segundo nos indicou unha xente de alí, empregábase bastante, non hai moito tempo, a expresion traballar para Aldán, que significa desenvolver un traballo sen obter ningún tipo de beneficio económico. Probabelmente, despois de moitas xornadas a desempeñar un labor profesional sen conseguir nada en recompensa, alguén podería sentirse obrigado a se refuxiar no álcol, o que se expresaba en Sobrado dos Monxes indicando que cargou o carro para Betanzos, en alusión á capital de unha das antigas provincias do Reino da Galiza. Na zona de Muxía, por súa vez, diríase que unha persoa que “foi a Betanzos” nas estupefacientes circunstancias anteriores bebeu como a area ou com’area cando sobordou os seus limites de resistencia, fórmula que tamén se emprega para sinalar contidos próximos aos valores da abundancia e reiteración (Había xente com’area na festa, Falou com’area despois do xantar etc.). Da Costa da Morte deslocámonos á actual provincia de Ourense, na cal, cando menos nalgunhas zonas, se utilizaba a expresión daquela alma para sinalar igualmente significados próximos dos de abundancia, reiteración ou mesmo excelencia (Traballou daquela alma, É un prado daquela alma, Falou no mitin daquela alma), conforme nos comentou unha amiga e conforme tamén recolleu Saco Arce na súa Gramática de 1868. Alguén ve nacer a herba en Arteixo e noutras partes da Galiza cando é unha muller ou un home intelixente, e tamén na mesma localidade e en máis lugares da nación algo ou alguén pode cheirar a can ou ulir a can cando se non tiveren bos presaxios desa persoa ou dese acontecemento; equivale ao que hoxe se indica a través de fórmulas como non dar boas vibracións ou dar mal rollo, frase esta asaz susceptíbel de se considerar produto da hibridación co español.  

En xeral, estas expresións e outras moitas que se poderían citar aquí posúen características sociolingüísticas que as singularizan face a outras. A primeira delas, canto ao tipo de ámbitos en que se utilizan, asenta na súa documentación preferencial en rexistros coloquiais e informais, nunca (ou case nunca) se detectando en contextos marcados por unha maior formalidade lingüística. Ao paso, na liña do que foi aflorado máis acima, o segundo trazo ten a idade como condicionante, pois, conforme a nosa percepción, son xeralmente as persoas máis idosas aquelas en que se poden atestar con maior facilidade tales elementos fraseolóxicos e valores semánticos. A terceira característica parte do ambiente xeográfico e sociolóxico, xa que tales fraseoloxías parecen máis comúns en esferas rurais tradicionais do que noutros ámbitos. Derivado directamente disto, un cuarto elemento idiosincrático parte da súa práctica ausencia en persoas que, valentemente e con todas as tempestades de sal na proa, optaron polo uso consciente e público da lingua, iso é, neofalantes, que constitúen unha das máis firmes esperanzas para a sobrevivencia do idioma en harmonía co sinalado máis acima. E, finalmente, no tocante ao xénero ou sexo, e embora non dispoñamos de datos que poidan corroborar a nosa sensación, coidamos que as mulleres son as mellores legatarias dese potencial expresivo no ámbito da semántica e da fraseoloxía; na realidade, non se trata de algo novo na praxe lingüística feminina: merece ponderarse aquí que xa o filósofo romano Cícero, que viviu entre os anos 106 e 43 antes da nosa era, dicía no diálogo De claris oratoribus, escrito aproximadadmente no ano 45 adne., que as mulleres eran as persoas que conservaban o latín con maior pureza e propiedade.  

Concluíndo, podemos afirmar que a expresividade do galego popular participa dunha produtividade moito alta, que non envexa nada á doutras linguas isentas da problemática social que existe na Galiza. A utilización consciente dunha fraseoloxía auténtica, en vez das interferencias doutros idiomas ou mesmo de híbridos con expresións provenientes daqueles, tamén caracteriza a reivindicación consciente da calidade no emprego da lingua. A enlazarmos co inicio do presente contributo, moito estimariamos que nunca mais vaian fritir espárragos as persoas que non acreditan na causa do galego, mais, se foren capaces, que vaian fritir minchas, un labor de moito máis complexa artesanía culinaria e dotado dun maior enxeño lingüístico do que apañar unhas verduras longas e abrancazadas e ruxilas nunha tixola ou frixideira.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña