22:51 Luns, 11 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

01-11-2019

É lóxico en época de crise perder algo do que tiñas, dado que a crise afecta a tod@s, e ademais había moito descontrol.

O medo que nos devolve ao século XIX

Valorar (19)

DUARTE CORREA PIÑEIRO


A sentenza do Tribunal Constitucional coñecida recentemente que considera legal o despedimento de persoas que faltan ao seu posto de traballo tendo causa xustificada pasou como unha anécdota, falouse dela dous ou tres días pero inmediatamente ocupou o seu lugar no panel de informacións destacadas outra noticia, moita xente da que leu ou escoitou esa noticia botou as mans á cabeza, pero desgraciadamente outra moita considerouna lóxica pois o empresariado está para gañar cartos e se alguén falta ao seu posto de traballo cáusalle un prexuízo moi importante á empresa; e ademais xa sabemos que hai moita, moita xente que se aproveita das baixas, colléndoas sen que haxa razón para iso.

A sentenza do Tribunal Supremo sobre o procés ten aspectos que son gravísimos e que sentan xurisprudencia para seren aplicados non só a quen somos nacionalistas senón a calquera tipo de protesta laboral ou cidadá por moi española que sexa. Pero a maioría da xente veuna lóxica, dado que os cataláns estanse pasando, son uns burgueses insolidarios co resto de “España” e uns violentos que despois de adoutrinar á poboación durante corenta anos, agora queren converter Cataluña nun inferno como podemos ver todos os días en rigoroso directo.

Estas dúas sentenzas son de tal gravidade que merecerían unha resposta contundente non por parte das organizacións sindicais ou por parte do independentismo catalán senón por parte de calquera persoa que considere que a sociedade debe evolucionar de xeito que cada vez teñamos maiores dereitos e os que temos sexan respectados.

Desgraciadamente nas últimas décadas, pero sobre todo desde a crise económica iniciada en 2008 a percepción de grande parte da sociedade ao respecto da realidade na que se move ten mudado para peor, o individualismo, o monopolio midiático e os efectos económicos, sicolóxicos e sociais da crise nas maiorías sociais levan a que hoxe moita xente considere que os dereitos foron agasallos e non conquistas froito de duras loitas, con mobilizacións e moitas veces con violencia por parte duns oprimidos que non aturaban máis situacións de explotación e discriminación.

Se ti consideras que algo que che quitan era un agasallo froito da magnanimidade dos poderosos e non unha conquista, non te moves para impedir que cho arrebaten ou para recuperalo. E incluso chegarás a dicir que é lóxico en época de crise perder algo do que tiñas, dado que a crise afecta a tod@s e ademais había moito descontrol.

Se a ti durante os últimos anos che estiveron dicindo que o emprendedor pode chegar a conseguir o que queira, e que o problema é a falla de espírito emprendedor; no caso de que che veñan mal dadas, quedes no desemprego e teñas que facer uso da caridade, pensarás que o problema es ti que es un/ha inútil e non os mecanismos de funcionamento da sociedade capitalista.

Se nos primeiros anos da crise o que anunciaban era unha auténtica catástrofe que ía supor a destrución da economía e a perda do teu posto de traballo, pero hoxe tes traballo e salario non te queixarás; pois que traballes 11 horas, non teñas vacacións, e perderas un 20% do teu poder adquisitivo consideraralo case como unha bendición vendo o que hai ao teu redor.

Fronte a esta situación imos ter que volver ao ABC, é dicir, precisamos facer campañas de alfabetización da povoación, de xeito que as persoas valoren o que teñen non polo seu valor económico ou polo lugar que ocupan nunha sociedade cada vez máis desigual, e na que se nos di que debemos compararnos con quen están peor ca nós e aledarnos de non estar tan mal coma el@s.

Unha campaña de alfabetización que nos permita tomar consciencia de como se conseguiron e como se conseguen os dereitos; de que se as mulleres teñen teoricamente os mesmos dereitos que os homes foi porque o loitaron, chegando a morrer moitas nesa loita. Se a consecución da xornada de oito horas foi posíbel debeuse a un movemento sindical non pactista que se enfrontou na rúa aos pistoleiros da patronal e á represión gobernamental. Se hoxe o idioma galego é oficial debeuse á loita de moita xente que se saltou as leis. Se despois do Prestige houbo indemnizacións e houbo algunhas aínda que escasas medidas de protección, foi porque a xente se mobilizou.

É complexo pero é preciso dedicar tempo e efectivos a sementar, dado que só sementando poderemos conter a enxurrada reaccionaria e centralista que o quere levar todo.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña