22:51 Luns, 11 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

29-10-2019

Galicia é sen dúbida un pobo de seu, con secular lingua, cultura e historia propias.

Máis unha vez. A lingua decide

Valorar (20)

MANUEL CABADA CASTRO


“Erguer unha patria asoballada,
reconstruír unha lingua escarnecida”
(Méndez Ferrín, Crónica de nós, p. 34)  

A insistente gota que unha e outra vez se esnafra na rocha pode chegar a fendela. Ocorre outro tanto coa velaíña creación de conciencia da transcendental valía da lingua comunal no xurdimento e afianzamento do ser dos pobos. Galicia é sen dúbida un pobo de seu, con secular lingua, cultura e historia propias. Por deformadas, ameazadas e agachadas que en si mesmas estas poidan estar. Cómpre, pois, sermos gotas. Ou, mellor, sermos, cadaquén e todas a unha, podente cachoeira que destrúa os obstáculos que se opoñen á liberación da nosa lingua, da nosa cultura, do noso propio ser.

Na “Laudatio” que a prof. Susanne Margret Cadera fixo o 18 de abril do ano pasado do sobresaínte antropólogo Bartolomeu Meliá co gallo do seu doutorado honoris causa pola Universidade Comillas de Madrid aludiu ela a unha entrevista que algúns anos antes se lle fixera ó citado antropólogo mallorquino na que este comentaba: “El último reducto de un pueblo es su lengua. Cuando le conquistan su lengua, se ha conquistado todo”. O propio Meliá comentaba no seu discurso de recepción do mencionado doutorado o seguinte: “No se puede estar con los Guaraníes, ni con otro pueblo, sin aprender y hablar su lengua”. E engadía seguidamente: “Es preciso caminar y danzar con ellos como práctica ordinaria y por cierto tempo”. Hai agora xa ben de anos que o propio Meliá me comentara isto mesmo –referíndose á súa propia relación cos guaranís- nun casual encontro que puiden ter con el en Brasil.

Cantos de “fóra” (e incluso de “dentro”) do país galego son quen de procederen así o se atoparen neste país? Cadaquén podería responder por si mesmo. Hai xa tempo, porén, que mentes lúcidas e conscientes deste país loitan por que non se cumpra entre nós o dito do gramático andaluz Nebrija de que “la fabla comunmente sigue al imperio”. Porque sen loita e teima resistentes contra tal “imperio”, é dicir, contra os poderes imperialistas e colonizadores dende hai tempo presentes neste país non deixarán eles de teimaren de lle dar razón a tal dito.

Loita que é o tempo conciencia dunha situación e axeitada praxe consecuente. Polo ano 1865 dicía xa Murguía, referíndose a Galicia é a vista do perigo de devalo da súa lingua, que “mientras un pueblo habla su lengua, puede decirse que tiene todavía vida propia”. Cousa que logo reafirmaría Castelao co seu ben coñecido dito de que “se aínda somos diferentes e capaces de eisistir, non é máis que por obra e gracia do idioma”. A razón fundamental deste estreito vencello entre pobo e lingua e, xa que logo, do incontestábel valor da lingua propia é nidiamente expresada por Filgueira Valverde ó comezo do seu artigo “A nosa fala” (Quinto Adral, p. 14) deste xeito:  

“Non hai esgrevia catedral, nin bradido pazo, nin circia ponte, nin cidade fermosa que teñan comparanza co moimento secular que é obra dunha lingua. Porque todos eses feitos do home teñen os seus autores, e un contado número de traballadores, un impulsor, un emprego de bens materiais... En troques a lingua é unha creación comunitaria, colectiva, onde deixan o seu pouso centos e centos de xeracións, millóns de seres que a luíron, falándoa; que a anovaron co espírito e cos adiantos dos tempos; que a fixaron e soergueron en creacións egrexias”.  

É así como os atentados, implícitos ou explícitos, contra as linguas por parte dos poderes “imperialistas” se converten ipso facto en atentados contra aqueles que as crearon, mantiveron e perfeccionaron nas súas vidas como expresión de si mesmos e da súa propia visión do mundo. É así como os falantes doutras linguas diferentes á do “imperio” son de feito rebaixados a simples obxectos doadamente manipulábeis polo poder e os intereses alleos.

A historia do crecente devalo da lingua galega ó longo dos tempos non é polo tanto un proceso “natural”, senón directamente inducido e agachadamente planificado. C. Nogueira resúmeo ben na súa recente e extensa obra Unha nación no mundo (p. 239) deste xeito: “No comezo da Idade Moderna a lingua propia foi abruptamente excluída da administración, a Igrexa, a educación e as actividades urbanas ligadas á economía estatal, particularmente pola cúpula dunha Igrexa rexida por bispos alleos [...]. O castelán non entrou en Galiza por hexemonía cultural, senón polo poder coercitivo da monarquía”.

En tal sentido, cómpre, pois, non deixar de volver unha e outra vez sobre as importantes reflexións que o madrileño e catedrático de Lingüística Xeral da Universidade Autónoma de Madrid, Juan Carlos Moreno Cabrera, ten formulado nestes últimos anos, especialmente na súa importante obra El nacionalismo lingüístico. Una ideología destructiva (Barcelona, 2008) sobre esta problemática. En liña sorprendentemente grata (poderiamos engadir) para a visión “periférica” deste tema coa súa ben fundamentada crítica da actitude do nacionalismo “imperial” en relación coas linguas sometidas ó mesmo. Para Moreno Cabrera hai nesa actitude, efectivamente, unha errónea naturalización das linguas, agachando así interesadamente os verdadeiros intereses “imperialistas”, é dicir políticos en definitiva, da mesma. Véxase como se expresa ó respecto o catedrático madrileño:  

“La caracterización de las lenguas como organismos biológicos que experimentan las leyes generales y naturales de la evolución ha sido utilizada y aún sigue siendo utilizada para justificar la desparición o minorización de unas lenguas y la imposición y triunfo de otras, dentro de la interpretación manifiestamente errónea del darwinismo, que recibe el nombre de darwinismo social y que supone la aplicación de conceptos desarrollados para explicar el mundo biológico no cultural al mundo cultural [...] Aquí se está utilizando un modelo biológico para ocultar los aspectos sociales, políticos y culturales [...] y, por tanto, para legitimar determinadas prácticas basadas en el predominio político o económico” (p. 19-20).  

Esta última consideración é aínda desenvolvida por el nesta súa obra, algo máis adiante e de maneira máis concreta, deste xeito:  

“Una de las características del nacionalismo lingüístico consiste en ocultar los aspectos sociales, políticos y económicos de la evolución lingüística para presentarlos como aspectos intralingüísticos naturales, típicos de los procesos habituales de cambio lingüístico. De esa manera, la superioridad política o económica se lleva al terreno de la superioridad estrictamente lingüística. Por ello, si una comunidad abandona su lengua por la de una comunidad política, económica o demográficamente superior, la ideología nacionalista de esa comunidad se encargará de insistir en que esto es así porque la lengua que se abandona es inferior, está menos adaptada o es menos flexible lingüísticamente que la lengua que se adopta” (p. 42).  

O que en definitiva pretende, pois, o “imperio” é a propia autoafirmación fronte ás diversidades e diferenzas que para el só poden minguar ou minorar o poder e control que el mesmo exerce sobre elas. Porque o que para Moreno Cabrera (como para tantos outros) está suficientemente claro é o seguinte: “Ninguna comunidad lingüística abandona su lengua si no es forzada de una forma u otra a hacerlo” (p. 114). Tal abandono realízase en calquera caso paseniñamente a través dun proceso, bilingüista ou plurilingüista,  que el denomina de tipo “substitutivo” (a diferenza de “aditivo”), cuxa pretensión e finalidade é a seguinte: “el bilingüismo sustitutivo surge de la intención de que esa nueva lengua que se aprende vaya sustituyendo a la lengua o lenguas de la comunidad indígena cada vez en más ámbitos hasta que, al final, las lenguas de la comunidad quedan en un segundo o tercer plano, hasta ver reducido al mínimo el número de situaciones en que se utilizan; con ello, se consigue que cada vez sean menos útiles y acaben siendo abandonadas por las generaciones sucesivas” (p. 114-115).

Poucas dúbidas pode haber de que nesta ameazada e esvaradía situación se atopan en realidade as linguas “periféricas” en España ante o “nacionalismo lingüístico” que con razón lle atribúe Moreno Cabrera unicamente ó “castelán” ou “español”. Así o indica el de maneira ben explícita nunha relativamente recente entrevista (“Faro de Vigo”, 21 de maio de 2019) que leva como título “El español es el único nacionalismo lingüístico que existe en España”. Velaquí van algunhas das súas afirmacións neste xornal: “Una lengua está en buena salud cuando se usa en todos los ámbitos [...] La idea de que hay lenguas que por derecho propio han de imponerse y han de arrinconar a otras, esto está asociado con el colonialismo [...] El nacionalismo lingüistico supone pensar que mi lengua es superior a las demás y que por tanto te hago un favor imponiéndotela y esto en España sólo se hace con el español”.

Coido que é isto o que pode explicar dalgún modo a paradoxal e en certo sentido contraditoria “invisibilidade social da lingua galega” da que falaba en 2014 o meritorio escritor Agustín Fernández Paz cando deixaba constancia das seguintes consideracións: “A lingua en que estou a escribir enténdea a práctica totalidade da poboación e é habitual dunha maioría, mais ten unha presenza social moito menor da que lle correspondería, e mesmo parece estar proscrita de certos ámbitos e funcións. O galego é, en certo sentido, unha lingua oculta. Esta invisibilidade social da lingua –é dicir, a súa situación minorizada: sendo maioritaria, parece que non o é- é un fenómeno que, con maior ou menor intensidade, se estende por todo o territorio de Galicia, aínda que acada proporcións preocupantes nalgúns ámbitos urbanos” (Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza. Premio Trasalba, 2014, p. 29).

A “invisibilidade” da que aquí se fala ten moitos nomes e ocultas razóns ou xustificacións, mais todas elas converxen dalgún xeito en esa agachada conciencia comunal, confesada ou non, da obrigada pertenza ou sometemento a unhas instancias culturais e políticas alleas, que lles veñen tradicionalmente dadas e impostas. Se as linguas son –tal como quedou indicado- creacións “populares” e ó tempo crean e xustifican a realidade dun determinado “pobo”, a existencia e permanencia das mesmas depende tamén ineludibelmente da conexión dos individuos con ese pobo que creou e fala esa concreta lingua. Manuel Antonio intuíuno agudamente naqueles seus Versos pra un país de minifundios: “Estou cos meus, / co meu pobo de labregos, / de mariñeiros i emigrantes: / como o seu pan, / bebo o seu viño, / falo o seu idioma secular. / Este é o único xeito / de estar co pobo: / compartindo a palabra / que nos xungue e nos ata / (Non comprendo como / se pode estar co pobo / despreciando a súa fala.)”.

De aquí a necesidade dun esforzado labor, tanto individual coma comunal, de achegamento á lingua secular do pobo ó que se pertence, á súa fala, coa nidia conciencia da relevancia e dificultade de tal empeño. Boto man a este respecto dunha proclama (a xeito de imperativo categórico) de M. Rodríguez Carnota, que co título de Para unha adolescente galegofalante efectiva ou en potencia, nas vésperas do 17 de Maio aparece neste mesmo xornal dixital “Terra e Tempo”, aínda que neste caso estea directamente referida a unha concreta situación escolar:  

“Rebélate e fala galego, hai quen di con acerto. Eu acrecento: fala galego aínda que nunca teñas pensado en rebelarte, para comprobares que falar en galego a tempo completo supón, no teu caso, moito heroísmo e moita rebeldía. Escoita: se falas galego con todas e con todos, e non só en privado con aquel amigo que te entende ou con aquela profesora que te ampara, comprobarás como no teu país, a día de hoxe, que ti fales en galego vaille sentar mal a demasiada xente. Baixo múltiples formas, e moitas veces disfrazadas de simples bromas, vante atacar persoas moi próximas, quizá familiares, quizá rapazas ás que consideras amigas, quizá algún profesor. Os ataques van tomar forma variada, desde simples comentarios improcedentes até situacións de acoso en toda regra. En calquera caso, sé firme. A clave está na túa firmeza e na túa dignidade, non na contemporización”.  

Este lóxico imperativo procede do evidente feito de que unha lingua só existe se é falada, é dicir, se a mantemos “viva” na nosa fala. Do contrario, estariamos a nos referir a unha lingua “morta”, apta xa só pra dela se ocuparen curiosos e afeccionados a cousas pasadas, “mortas”.

E xa que nos estamos a referir ó necesario e teimudo esforzo por exercer e manter viva a lingua propia, a lingua de todos, aludo á proposta que formula Miguel Moreira Barbeito na súa obra Contra a morte das linguas. O caso galego (2014), se é que non queremos caer na trapela daquel “bilingüismo substitutivo” do que nos fala Moreno Cabrera: “Nun contexto como o galego –dinos M. Moreira- cómpre aplicar a lei de economía da linguaxe, porén sempre de xeito ético e lexítimo, isto é, opóndomonos ao concepto de bilingüismo harmónico e cordial proposto pola administración galega para reivindicarnos o monolingüismo social na lingua propia de Galicia” (Contra..., 132).

En relación con este “monolingüismo social” refírese aínda con razón Moreira nesta súa obra non só ó “dereito” senón ó “deber” de vivirmos e exercermos a lingua propia deste xeito:  

“Estou a falar [...] dun cambio de perspectiva, porque non se trata de reclamarmos o dereito a vivirmos na lingua propia do lugar onde moramos, senón do deber de o facermos. Por este motivo, aposto pola implantación dun modelo baseado no monolingüismo social en galego como única posibilidade de supervivencia da nosa lingua, pois de nada serven as políticas de planificación se non contamos cun compromiso firme por parte de toda a poboación. Cómpre implicar toda a sociedade no proceso, porque esta cuestión non depende tanto dun traballo científico de gabinete, como dunha toma de conciencia por parte do conxunto de falantes. A lingua é patrimonio de todas as persoas, daquelas que a falan e a defenden así como daqueloutras que a negan e se avergonzan dela; polo cal resulta necesario visibilizar o conflito lingüístico e as súas causas históricas para que toda a poboación sexa consciente del, pois todas elas son dalgún xeito responsábeis da recuperación ou do asasinato da lingua minorizada” (p. 212-213).  

En conexión con estas ideas, e converxendo de feito con elas, escribía así mesmo de maneira ben coherente Miguel Anxo Bastos Boubeta un par de anos despois na súa achega Galiza e a reforma da Constitución (“Sermos Galiza”, 13 de decembro de 2017) o seguinte: “Para min non é de recibo o estabelecemento de status xurídicos distintos entre as linguas, porque equivale a estabelecelo entre os seus falantes, isto é que unhas persoas estarán obrigadas por forza a coñecer unha lingua, aínda contando coa súa propia e a outras en cambio chegaríalles con coñecer a súa. Non é de recibo establecer obrigas deste tipo de forma asimétrica”.

De feito, eu mesmo téñome referido en Sermos unilingües (“Terra e Tempo”, 12 febreiro de 2017) no mesmo sentido e con semellantes consideracións a esta cuestión. Porque en último termo do que aquí se trata é do respecto á xustiza e á igualdade entre os pobos. Pois son cada un deles creadores e donos da súa propia lingua, tendo dereito xa que logo a seren integramente respectados no seu modo de ser e de se comportaren. O contrario é –máis unha vez- dar por suposto que uns naceron para seren escravos e outros para expandiren o seu “imperio” (aquel do que fala Nebrija) onde lles praza.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña