22:51 Luns, 11 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-10-2019

As feitorías de Mamede Casanova non so pasan á literatura de cordel, ás coplas dos cegos de violín e pancarta polas feiras, transmitidas de boca en boca.

Mamede Casanova, alias “Toribio”, un bandoleiro de cine

Valorar (10)

FELIPE SENÉN LÓPEZ GÓMEZ


Tras a parte oriental de Ortegal damos con Mañón, concello que ofrece moito máis que o Coido ou porto fenicio de Bares, que a praia coa penínsuliña da Igrexa vella de vestixios romanos e altomedievais, co faro de Estaca de Bares, a secuencia de muíños de regueiro, pero tamén de vento, uns e outros abandonados...Setentrión da pel de touro de Iberia coa vila mariñeira do Barqueiro, onde naceu o fidalgo e sabio arqueólogo Federico Maciñeira. Aínda que por aquí hai outro mundo, si dende esta areosa badía, seguimos os case  cincuenta quilómetro de recorrido cara ao nacemento do río Sor. Augas  que teñen fonte na Serra Faladoira, recollendo augas doutros arroios que veñen do alto do Xistral, nas abas do concello das Pontes de García Rodriguez. Ondulante fluír entre arqueoloxías maiormente megalíticas, pero tamén castros e minas romanas... espesos bosques despoboados, si acaso sobresaíndo algunha parroquia con reitoral, pazos, as máis casiñas labregas, algunhas poderosas de decimonónicos e adiñeirados indianos que endexamais perderon a esperanza do retorno. Por algo Cunqueiro escribiu que o Sor era un dos sete ríos do Paraíso, augas salmoneiras e troiteiras como poucas. Dende o esteiro de Vicedo e o Barqueiro, rio arriba, deixamos o Pazo da Torre de Lama, cerna da familia Maciñeira con camelias e rododendros singulares... a Capela da Pastoriza , Ponte de Sor, meandros,entre eles lameiros de solitarias granxas,  a aldea de Salgueiros subindo ao Monte Caión. 

Soidade que abre á Serra da Faladoira, colorista en contrastes,  propicia a ambientar o xénero negro que arrodea as historias que contamos. Aquía parroquia de San Mamede das Grañas do Sor, nacida no camiño e dunha feira, con poderosa igrexa, casa reitoral e rico cemiterio . Lugar escondido, onde se conta que xa o rei galaico leonés Alfonso IX de Castela e VIII de Galicia desterrou a bandidos do seu reino. Terras ás que dende o século XIII dáselle a particularidade de ser ricas en greas de bestas bravas e de ter curros apropiados para algo entón moi cotizado  como eran os cabalos, para o transporte, os curtidos, as carnes e mesmo polas crinas.Pero a cousa non acaba aquí, xa que aquí está o berce da saga familiar dos Balseiro,  xente de sona entre as gavillas de bandoleiros que caracterizaban a Mariña Lucense, e que tiñan en xaque aos camiños e á vila clerical de Mondoñedo. A historiadora Beatriz López Morán estuda o tema e X. Antonio Durán abunda en Mamede Casanova. Gavillas de tratantes de bestas bravas da Serra Faladoira, ferradores, ferreiros, amigos pois de arrieiros, vagamundos, compadres de xitanos dos que mesmo aprenden o idioma caló. Coñecedores poisde camiños, de paradas e fondas. Mesmo don Jorgito el Inglés, o vende biblias protestantes polos camiños de España, da conta  dun dos Balseiros, co que convive en días de cadeae aos que se refire  no seu libro. Balseiros entre os bandoleiros de sona e de serraasentados no Madrid castizo do século XIX , significados na cuadrilla de Luis Candelas, sendo un deles, Mario o lugar tenente, caracterizado pola falla de piedade, secuestrador nunha cova dos fillos do intendente da mesma Casa Real, caso que remata con el no patíbulo.

Pois Mamede Casanova, alias “Toribio”, o “Musolino Gallego”, “Lobo das Grañas”, o  “Último bandoleiro romántico”, o que fascinou aos medios e escritores da época, entre o popular considerado máis heroe que malfeitor, como un Lute de fins do XIX,  fillo de María Casanovas Sueiras e de pai descoñecido, como era frecuente entón, aínda que se contaba que o seu proxenitor era Lorenzo Balseiro. Como os seus devanceiros dominaba as artes das sedución e donjuanismo, sendo as mulleres as que nos seus momentos de cadea e condenas ao patíbulo suplicaban piedade  prail.  Formado como ferrador e xa de mociño enguedellado nunha historia negra de desencontros arredor de cemiterios, os que ben coñecía pra acocharse nos nichos, en casas solitarias e covas no monte.

As feitorías de Mamede Casanova non so pasan á literatura de cordel, ás coplas dos cegos de violín e pancarta polas feiras, transmitidas de boca en boca. A Condesa de Pardo Bazán táchao de bandido vulgar, pola contra Valle-Inclán, Julio Camba e o esquecido escritor coruñés Prudencio Iglesias enxálzano. Augusto Riera é autor dunha biografía, “Aventuras del bandido gallego Mamed Casanova”, dándolle o “de gallego”  un aquelo exótico  a sumar ás connotacións bretemosas de bandido.  Son anos de fonda depresión pros labregos e  que en Galiza levan ao inconformismo do agrarismo o quemesmo provoca aos “Fillos da ira” ou da furia. Gavillas de bandoleiros que son resultado dunha sociedade abandonada e pra máis inri culpabilizada de males. Tema que move a Lamas Carbajal a escribir “O Catecismo do Labrego”, o que aguilloa aos precursores como Brañas ou Murguía, á mesma Rosalía... Situación que provoca movementos antisociais e polo queoutros moitos mozos collen os camiños da emigración prapasar a ser “indianos”, perdidos nas tentacións do alenmar. Eran os escritores galegos cortesáns, andados en ires e vires polos camiños que van de Galiza á meseta, os que escoitaban nas carrilanas e dos mesmos arrieiros asuntos destes seus paisáns.

A historia de Mame de Casanova contouse nos anos nos que o neno Picasso se formaba na Coruña. Vida que se perde e confunde co mito: dise que despois de vir de Cuba, rico, entérase de que recen morrera a moza á que lle prometera matrimonio á volta, na súa ausencia casada. Contan del que abre a sepultura e pasa a noite coa súa prometida morta...  tema que lembra o acontecido co grandísimo escritor romántico e  minhoto portugués  Camilo Castelo Branco.

Á vista da fotografía, cando estaba vixiado e hospitalizado, dil dicía Valle que era de “gesto sombrío, dominador y galán, con el que aparecen en los retratos antiguos los capitanes del Renacimiento. Es hermoso como un bastardo de César Borgia” . Cóntase ademais que Mamede Casanova se acompañaba dun corvo domesticado que lle avisaba dos capotes verdes e tricornios da Garda Civil. Casanova profana a tumba dun indiano rico, viste co seu chaleque, chaqueta, leontina de ouro...e provocador preséntase así na festa da casa dos herdeiros do americano defunto... Temas que inspira a Valle-Inclán pra “Las Galas del difunto”.Dise tamén que nun deses desencontros coa Garda Civil, mata a un... Nunha refrega mata á criada do párroco das Grañas...Fuxido, buscado con recompensa é delatado e enganado por un cura,apresado, pero fuxe da cadea de Ortigueira. Pasa polos penais de Santoña, o Ferrol, polo mesmo Castelo de San Antón, Ceuta, Valencia, admirado polos reclusos, defendido polo avogado galeguista Manuel Casas,condenado ao garrote vil...pero concédeselle o indulto, grazas ás súplicas femininas xunto coas as da nai  que implora ante o mesmo rei Alfonso XIII nunha visita a Compostela. O que aconteceu despois pérdese, uns din que morreu traballando nas obras do ferrocarril,  outros que mendigou polas rúas da Coruña.

Tema que non prescribe e recolle Carlos Maza en “Mamed Casanova vida y leyenda” para inspirar a novela gráfica,“O fillo da Furia” 2011 con guión de Manuel López Poy e debuxos de Miguel Fernández  (Diábolo Edicións). Historia mitificada esvaecida na brétema, da que quedan pegadas, algúns debuxos eróticos de Casanova que repartían os Maciñeira e don David Fojo, editor de “La Voz de Ortigueira”, entre retrincos de prensa, cantares e contos de vello.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña