Viólannos, maltrátannos, ningunéannos, agrédennos, acósannos, denígrannos, humíllannos, MÁTANNOS!! e aínda así seguen tratándonos de exaxeradas e histéricas feminazis e sempre atopan argumentos para xustificar que é culpa nosa. Eu aínda estou sen aire dende o triplo asasinato de Valga como para asumir que aínda hai e haberá moitos máis casos coma este aquí, e no resto do mundo. E sen embargo, parece que a esta sociedade nada lle asusta, nada xa sorprende, foi noticia de dous días e basta, pasemos a outras cousas máis importantes que isto xa é noticia vella, xa é de cotío. Tres días despois volveu a haber outra vítima en Madrid e foi cando definitivamente descubrín o bochornosas e lamentables reaccións dos políticos españois. A día de hoxe non me sae da cabeza o espectáculo dantesco que armaron dous ceporros senvergoñas, nunha concentración contra a violencia machista, politizando situación de dor e repulsa social, aproveitando o morbo que os medios de comunicación dan a esta lacra, que non fan por evitar mostrar a psicopatía que padecen.
É como si nun acto do día contra o cancro aparece Ortega Smith con unha pancarta contra todas as enfermidades, "ya está bien de hablar del cáncer y no de la tuberculosis...". Soa tan ridículo que até me da vergoña escribilo... O discurso e as actuacións deste pistolo da Reconquista, ben pasarían por un guión de Pasolini... pero o que máis tremendo me resulta, é, que un alcalde (Almeida, ese ser de infinita intelixencia) diga que está en contra do 8M, con iso bastaría para inhabilitalo como político, como alcalde e incluso como persoa. Esta afirmación debería ser delito de odio contra a muller, directamente.
E que a xente os ampare co seu voto, até o punto que nos gobernen impresentables como estes que, a sabendas de como pensan de nós teñen o valor de facelo ante os cadáveres aínda quentes de mulleres asasinadas. Comparten o fondo, comparten que son feitos que pertencen ao ámbito familiar, así o expresaron cando formaron goberno. Tiñan 23 horas e 59 minutos para criticarse e discutir de quen é menos feminista dos dous, pero no, tiñan que facelo no minuto de silencio polo asasinato dunha vítima máis das 46 que levamos no ano.
O panorama político español actual é esperpéntico, estamos as portas dunhas novas eleccións para elixir ao presidente do Estado Español, e sinceramente estamos cansas, cansas de que nos tomen por imbéciles. Son os mesmos de sempre camuflando os seus delirios, os mesmos de sempre argallando estratexias como a de ter maior presenza de mulleres nas súas listas e con propostas estrela sobre a igualdade e falso feminismo. Son só, propostas paternalistas e sen perspectiva de xénero. Todos entrañan ameaza, nuns é inmediato, noutros é gradual.
© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal
A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web.