22:50 Luns, 11 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

08-10-2019

Son xa seis anos tratando de conseguir que non nos rouben o dereito de ler en galego no Forum Metropolitano da Coruña

Leña ao galego no Forum coruñés

Valorar (27)

LOIS DIÉGUEZ


Cada galego ou galega podería contar centos de momentos nos que sufriu algún conflito por utilizar ou defender o noso idioma. Escribir, acaso mesmo unha enciclopedia sobre as filosofías, criterios ou prexuízos que se utilizan cada día a respecto del. E cando somos militantes da sabedoría, da identidade, da conciencia ou da cultura sobre o noso, o nacional, o número e a calidade do conflito multiplícase. Pero multiplícase cada día; non é que o problema se vai arranxando co paso dos anos; non, desde que Freixó-Xó entrou na Xunta, a discriminación e a debilidade do noso idioma, medran máis.  

Por iso me soa algo así como pesado ou superfluo insistir no mesmo, na discriminación ou combate contra a palabra nosa. Pero como son xa uns seis anos tratando de conseguir que non nos rouben o dereito de ler en galego no Forum Metropolitano da Coruña, vouvos explicar de que se trata, pois a batalla está sendo longa por algo que se podería solucionar en dez minutos.  

Antes de chegar ao goberno municipal coruñés A Marea, os folletos que cada semana se dedican a explicar as dúas películas que proxectan nas dúas salas do Forum estaban en galego. Desde que chegaron eles pasaron a facerse nos dous idiomas e en follas separadas. E así, os que estaban no noso idioma foron desaparecendo. Hai tres mesas nos dous andares do centro sobre as que se colocan esas tiras de cores, e normalmente cobren a súa superficie só as que están en castelán. A veces, poucas, vese algunha en galego, supoño que coa idea de que quen as fai desaparecer poida dicir que non é certo o que afirmo.  

Desde eses seis anos, aproximadamente, levo unha batalla constante, protestando na conserxaría ((hai contadas persoas que tamén o fan), falando con responsábeis e enviando escritos ao propio centro e ao concello da Coruña. Nada. É como se estivese en New York, iso non lles soa. A última foi onte. Cando cheguei comprobei as tres mesas. Todas lucían as tiras de cores en español. Seis tristes ringleiras burlándose e asoballando a liberdade, a nosa fala propia. Fun á conserxaría e díxome unha traballadora que aínda non lle dera tempo a poñer as de "gallego" (mais as tiras cubríano todo, non deixaban espazo para a versión en galego). E de debaixo do mostrador sacou dous exemplares e deumos, dicindo que os ía poñer axiña.  

Volvín  ao cabo de hora e media e a cousa seguía igual. Achegueime de novo alí, protestei  e díxenlle esas cousas da discriminación e exilio do "seu" idioma tamén, de se non se sentía brazo executor dunha grave imposición. Nada, impasíbel o ademán. Aos dous días regresei á cámara do delito e o mesmo e daquela ocorréuseme deixar tiras de papel por todas esas mesas coa expresión: "En Galego!".            

Escritos, denuncias, protestas simplemente para que aparezan en galego unhas follas... e nada. Impolutos os funcionarios e quen os mandan. E xa é tanto tempo, tantas horas, tantos traballos para reclamar simplemente isto, que me miren, que nos miren, que acepten que o idioma propio que tanto combate Freixó-Xó EXISTE. FALÁMOLO E QUERÉMOLO COMO A NÓS MESMOS. Pois esta impotencia parece ser norma xa contra o lombo canso dos sufridos por costume. E penso se isto, a impotencia que sufrimos, o deixar ir, por canseira, as cousas como veñen, non é a resposta colectiva do silencio, pois remata por se facer hábito, o hábito; é dicir, darnos por vencidos. Aquí está o perigo do futuro sometemento final. Está, porque quen dominan nas institucións, saben que non perden moito coa actitude negativa que manteñen cara ao noso idioma. Pero claro, nas institucións tamén estamos nós, NÓS, que en moitos casos, ao mellor, tampouco sabemos organizar as protestas e os obxectivos, e esa soidade que nos mata, sen forza nin esperanza, remata por nos anular.  

En fin, así vai a historia. Así a nosa expresión natural como parte importantísima non só para nós, senón para o Mundo. Non me cansarán fronte á resposta coa que continúo cada vez que vou ao Forum (a tantos sitios xa). Pero non estará mal pensar que un respiro palpando algo que nos anime, que consiga eu mesmo, pode ser o urxentísimo para que a batalla se vigorice e non se apague. A miña é agora tamén mirar para atrás cando estou, incombustíbel no Forum, e ver alguén máis, outras persoas sostendo o carteliño de "En galego", sen esquecer, claro está, aquelas que con máis coherencia nos representen.  


[08-10-2019 13:10] Xulia Canoura comentou:

Síntome totalmente identificada co q expós no artigo, Lois. Con moita frecuencia atópome reclamando os dereitos q, penso, me corresponden como galega no q se refire ao uso do idioma noso. Concordo co q escrebes sobre 'palpar algo q nos anime', organizar as protestas e os obxectivos para poder librar mellor este combate. Ánimo para seguir e logralo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña