10:06 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

04-10-2019

Os poemas escritos na súa estadía en Venezuela e Inglaterra están cheos de lembranzas de Galicia, de saudade pola Terra.

Eladio de la Iglesia Doldán, un poeta popular de Culleredo

Valorar (14)

CARLOS PEREIRA MARTÍNEZ


Eladio de la Iglesia Doldán naceu o 9-11-1925 no lugar do Temple (Cambre), fillo de Antonio e Celia. En 1950 casaría con Esperanza Álvarez, nacendo deste matrimonio dous fillos, Carlos e Delfín.

Ingresa moi novo na Fábrica de armas da Coruña, permanecendo nesta empresa varios anos, traballando de mecánico. Abandona a factoría e emigra a Venezuela no 1956, regresando ao ano seguinte por non aclimatarse a aquel país e ter moita morriña. Volve traballar na Fábrica de armas ata 1961, ano no que emigra de novo, desta volta a Inglaterra, permanecendo alí até 1966, traballando na hostalería.

En 1959 inicia a súa colaboración co xornal santiagués La Noche, enviando artigos e poemas, o que seguirá a facer nos anos seguintes.

Cando volve de Inglaterra, incorpórase, en 1974, tamén como mecánico, a “Reimogasa”, empresa auxiliar de “Aluminios de Galicia”, sendo o seu derradeiro traballo.

Preocupado de sempre pola cultura, foi un dos fundadores da “Sociedade Cultural e Social de Almeiras”, colaborando igualmente con outras entidades culturais do país, como “Chirlateira” de Cedeira (publicando na súa revista Olláparo),  “Folerpa”, da Coruña ou “Sementeira”, de Anceis.

Amante da súa familia, gostaba moito das xuntanzas familiares nas festas, cando viñan os seus fillos.

De ideoloxía nacionalista, sen chegar a militar, formaría parte da candidatura do BNG nas eleicións municipais de 1983 no Concello de Culleredo.

Morre en Almeiras (Culleredo) aos 60 anos, o día 23 de Nadal de 1985, atropelado por un coche. Tiña 60 anos.

Eladio de la Iglesia tivo unha formación autodidacta. Os seus mestres foron os libros e a lectura dos nosos clásicos (Rosalía, Curros, Pondal, Castelao...). A súa é unha poesía popular, de grande sentimento.

A pesar das dificultades da Ditadura franquista, Eladio usou a nosa língua nos seus poemas, que comeza a elaborar en 1942; que saibamos, só dous, dos aproximadamente 200 que se conservaron, están escritos en castelán.

Os poemas escritos na súa estadía en Venezuela e Inglaterra están cheos de lembranzas de Galicia, de saudade pola Terra, de reflexións sobre a dura vida dos emigrantes. Aquí xa hai una evolución na súa poesía: se os primeiros poemas estaban dedicados á xente coñecida ou a recrear as paisaxes do seu entorno vital (O Temple, San Pedro de Nos, Almeiras, a ría do Burgo…), agora escribe unha poesía máis comprometida, tendencia que xa se consolidará de xeito claro á volta de Inglaterra, onde nos seus poemas denuncia as inxustizas cometidas coa clase traballadora galega, como no poema “Obreiros e patróns”.

O textos publicados no xornal La Noche non puideron ser compilados no seu momento, non figurando nas publicacións que se lle dedicaron logo da súa morte. Mais agora, nas nosas pescudas, puidemos localizar os que seguen:

“Nadal” (2-12-1959, p. 8), “Xaneiro” (1-1-1960, p. 8), “Febreiro” (5-2-1960, p. 8), “Marzo” (2-3-1960, p. 8), “Maio” (2-5-1960, p. 8), “Badaladas d´Outono” (5-10-1960, p. 8), “Dende London. Cántigas nordesías” (29-5-1963, p. 7), “Dende London. Troques” (30-7-1963, p. 7), “Dende London. Pregas” (2-9-1963, p. 9), “Dende London. Whites and blacks” (9-9-1963, p. 9), “Dende London. Olladas” (24-9-1963, p. 7), “Dende London”. Quixotes” (18-10-1963, p. 7), “Dende London. Good morning, doctor” (22-11-1963, p. 7), “Dende London a Santiago de Galicia. Liñas a López Casanova” (20-5-1964, p.  10).

Estes textos comparten páxinas con outros de Arturo Romani, Pedro Martul Rey, Ramón González Alegre, Regino Barbeito, Valentín Paz Andrade, Borobó, Carlos García Bayón, Ramón Otero Pedrayo, Carlos de Sotomayor, Rosendo Ruiz, Salvador García Bodaño, Xiváldez, José Descalzo Faraldo, Mariano Tudela, Fernando Mon, José Pardo Acero, Manuel Rabanal, Cotovío, Álvaro Paradela, Jacobo J. Rey Porto, Donato de Eira-Pedriña, José Piñeiro Ares, Ramón Luis Torrente-Legazpi, Juan Diego de Montes, un texto de Picasso, Gerardo Meléndrez, José Fernández Ferreiro, R. del Camino… Sen embargo, é o único que, nesas páxinas nas que coincide, escribe en galego de todos os citados.

Algúns dos seus poemas foron publicados no libro de Xosé Casal O que di a gaita. Con este músico xunguíao unha franca amizade, colaborando con el en varias ocasións. Precisamente un poema de Eladio, “Bandeira galega”, musicado por Casal, gañaría o VI Festival da Ría de Ares en 1976.

Sempre tivo a súa amizade e a súa pluma ao servizo dos amigos. Non era estraño que lle pedisen un poema para unha crianza, unha muller, un bautizo, unha voda, para o Nadal... El sempre compracía a todos, aínda que primeiro simulaba que refunfuñaba. Os seus fillos e netos tampouco están ausentes da súa obra: un cumpreanos, o primeiro día da escola...

Tamén dedicará ao “Centro Social de Almeiras” numerosos poemas, especialmente o Día das Letras Galegas, ou nas festas do Entroido, sendo autor igualmente do himno da Sociedade. Así mesmo, para festividades relixiosas coma o Nadal, escribiu textos e ofrendas.

Postumamente, editaríase un libro cunha semblanza biográfica e unha selección de poemas da súa autoría titulado Poesía (1986), no que tivemos ocasión de colaborar, e que patrocinarían os seus compañeiros de traballo; feito este que amosaba o cariño que lle tiñan. Esta publicación sería presentada pouco despois nun acto de lembranza da súa memoria no “Centro Cultural de Almeiras”.

Tamén o Concello de Culleredo dedicoulle unha rúa na parroquia de Almeiras, incluiuno na primeira entrega da publicación Persoas ilustres de Culleredo e rendeulle unha homenaxe, en 1997, editando unha pequena publicación titulada Eladio de La Iglesia. Poemas de Culleredo, na que se recollían varios poemas inéditos referidos a este municipio e que se presentaría o 8-5-1997, coa presenza da súa viúva.



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña