18:30 Xoves, 14 de Novembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

03-10-2019

o señorío xurisdicional nestas terras lle correspondía ao Marqués de Montaos e que, como xuíz ordinario, encargábase de administrar xustiza no seu nome o propio Pedro Santiso Ulloa

Décimos, primicias, impostos... e billetes de entrada nos templos

Valorar (18)

EDUARDO ÁLVAREZ


Nestes tempos realicei unha investigación sobre a historia da freguesía de Penarrubia, lugar onde nacín, pertencente ao antigo concello de Neira de Xusá, actual Barralla. Nas miñas indagacións partín de mediados do século XVIII polas referencias que ofrece o Catastro de Ensenada, efectuado nesta Xurisdición en 1753. Coñecín datos demográficos e, entre outras cousas, constatei que a poboación naqueles momentos (328 habitantes) era un 292,85 por cento superior á actual (112). Tamén comprobei que o número de membros por fogar era de 6,43 persoas. Souben que a fidalguía representaba o 27,45 por cento da veciñanza e que  deses 328 habitantes, 35 (o 10,67 %) eran criadas e criados, dos cales a maior parte servían en casas fidalgas. En canto ao réxime da terra, coñecín como todos traballaban os predios do señorío territorial que ostentaba a familia Santiso Ulloa, señores da Casa Principal de A Pena, que gozaba do dominio directo e, como consecuencia, percibía puntualmente as rendas en especie que todos os labregos lle pagaban cada mes de setembro. Fun sabedor de que esta mesma familia gozaba do privilexio de curado, que lle permitía designar o párroco da freguesía e que, evidentemente, esta designación recaía nun membro directo desta mesma parentela. Tamén souben que o señorío xurisdicional nestas terras lle correspondía ao Marqués de Montaos e que, como xuíz ordinario, encargábase de administrar xustiza no seu nome o propio Pedro Santiso Ulloa.

E tamén souben que todos os veciños desta freguesía, o mesmo que lles acontecía a todos os demais da antiga xurisdición de Neira de Rei, dos froitos agrícolas, con excepción dos procedentes das cortiñas e dos hortos, pagaban ao marqués de Montaos o cinco por cento. O mesmo tiñan que pagar do correspondente ao gando caprino, porcino e ovino coa súa porción de la e mais un polo. De cada vaca parida, debían entregarlle unha baluga de manteiga de unha libra de peso. O outro cinco por cento do décimo percibíao enteiramente o cura párroco. E ademais, a fábrica da igrexa parroquial, por razón da realización de novas obras e de conservación das existentes, percibía anualmente de cada veciño acomodado dous ferrados de centeo e, no caso dos máis necesitados e das viúvas, un ferrado. Pero estes trabucos non ficaban aquí, cada veciño tamén tiña que contribuír anualmente con medio ferrado de centeo para o Cabido da catedral de Santiago e con cinco marabedís  para a catedral de Lugo.

Ao comparar estas cargas coas doutras xurisdicións próximas á de Neira de Rei, comprobei que eran relativamente laxas. Así, na Xurisdición de Mirandela, baixo o señorío do convento dos dominicos de Lugo, dos veciños da xente do común estes clérigos percibían catro reais de vélaro e catro capóns e, alén disto, por razón de lutuosa tiñan que pagar, cando morría o patrucio de cada familia, la mexor caveza da ganado que tenga y no teniendo ganados la meJor alhaja de casa con adbertencia que esta paga solo la hacen los casados del estado llano que muriendo primero el marido percive una enteramente y cuando muere la mujer otra; pero si muere primero la mujer, no percive nada hasta la muerte del marido, que regulado por un quinquenio lo correspondiente a luctuosa a cinquenta reales de vellón que el vasallage ascenderá a ciento y sesenta reales de vellón...

Aproveitando un dos días que acudín ao Arquivo Histórico Provincial de Lugo para consultar documentos necesarios para estas investigacións, tiña pensado visitar a capela barroca da Virxe dos Ollos Grandes, obra de Casas Novoa, e mais a restauración e limpeza da capela maior e da fachada principal da súa catedral nas que se investiron 1.140.734,6 euros procedentes dos orzamentos do Estado aprobados cando José Blanco era ministro de Fomento. Contemplei o resultado das obras do exterior, mais cando, para o meu segundo obxectivo, quixen entrar no templo tiven que facelo pola única porta aberta que me obrigaba a pasar por unha pequena tenda atendida por unha persoa que me informou amabelmente de que se era eu veciño da cidade de Lugo podería acceder de balde ao interior da catedral e de que, en caso contrario, tería que pagar “una pequeña entrada” para poder facelo. Fiquei sen palabras... A persoa alí instalada co cometido de cobrar as visitas cumpría a orde que lle encargaron desde o poder episcopal co beneplácito dos responsábeis civís que destinaron cartos de todos nós para a conservación dun patrimonio histórico que foi construído coa suor dos nosos antepasados e que se mantén cos orzamentos públicos saídos dos impostos que pagamos.


[03-10-2019 11:35] Menxengra comentou:

Hai que ler o libro de AKAL, IGLESIA S.A.

Onde aclara o saqueo que lle fai ao Estado

con PSOE e con Pp.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña