10:22 Mércores, 23 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

02-10-2019

Palabras indiscutibelmente nosas, son substituídas por vocábulos casteláns, sobre todo no dicionario que debería ser o mellor por proceder do organismo que fixa a norma.

Palabras no desterro

Valorar (28)

MARICA CAMPO


Aborrezo tanto como amo os dicionarios. Sendo nena, eran unha das miñas lecturas preferidas. O mesmo lía seguido, sen procurar nada concreto, que buscaba significados de palabras que oía ou coas que tropezaba nas miñas lecturas. Investigaba tamén termos que eran tabú, e máis tendo en conta a miña idade, naqueles círculos ultraconservadores, rexidos en comandita polo réxime franquista e polo clero. Despois confesaríao como un gran pecado do que me avergoñaba.

Na biblioteca da casa onde nacín había -e hai- un dicionario enciclopédico que daba moito xogo. Buscabas por exemplo ‘puta’ e non só obtiñas o significado principal e outros usos figurados, senón que aparecían ditos e coplas referidas á tal palabra. Neste caso lembro unhas rimas que recitabamos con gran rexouba entre a cativaría: Puta la madre / puta la hija / puta la manta / que las cobija. Estabamos lonxe de comprender a carga misóxina dos catro versos. O que nos interesaba era a transgresión de repetir a palabra prohibida e mesmo sentíamos a tentación de usala para botar sortes como o “pinto, pinto, gorgorinto” ou o “un dondín canalín canalete”.

Sigo facendo uso deles, mesmo para constatar a exactitude de termos que coñezo ben; porén cos de galego cinguidos a non sei que criterios castradores, teño unha difícil relación. Palabras indiscutibelmente nosas, son substituídas por vocábulos casteláns, sobre todo no dicionario que debería ser o mellor por proceder do organismo que fixa a norma. E non me refiro, por suposto, a termos que coinciden co español do mesmo xeito que coinciden outras co italiano, poño por caso, por seren irmás. Dá a sensación, ademais, de que as que están no portugués son as que corren peor sorte. Esas son enviadas ao desterro, talvez a un deserto lonxincuo, para que morran de fame e sede. Por exemplo ‘cío’ que, como saberán, refírese á época de actividade sexual dos animais, mais a RAG admite só ‘celo’. Tampouco podemos ter ciúmes, debemos conformarnos con ter celos. A búsola ten que ser ‘compás’ ou ‘agulla de marear’. Evidentemente búsola está máis cerca do portugués bússola. É como se no español suprimisen brújula porque xa teñen tamén compás co mesmo significado e claro, como na coñecida definición chistosa, “una brújula es una mujer que vuela en una escóbula”.

Resumindo: Queren restarlle moitos quilos ao corpo da que é unha lingua rica, chea de matices, para matala cunha dieta chamada dicionario e norma. Fronte a iso, coido que o mellor é non caer na trapela de que aí é onde están as palabras consagradas, as que obtiveron a absolución dos Santos Pais e Nais da cousa. Que non figure, nese sancta santorum, non implica que unha palabra non teña a lexitimidade dos que a usaron, entre outras cousas, porque a crearon. Mais sucede que o profesorado e algunhas editoriais, sobre todo nos textos destinados ao ensino, non queren saír do carril cheo de fochancas por medo a infrinxir a norma. Dese xeito, rebentan as rodas e os autos da nosa lingua vanse convertendo en chatarra das cunetas.

É moi loábel o labor que con tanto cariño desenvolveu Isidro Novo, mentres viviu,  naquela sección da Web da AELG chamada “palabras con memoria” que agora continúa viva dentro da amentada Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e tamén en Sermos Galiza, coa intención de recuperar palabras que, doutro xeito, se perderán. Aí todas e todos podemos achegar o noso gran de semente para que o eido da nosa lingua reverdeza e coñeza tempos mellores.


[05-10-2019 10:50] Lois Diéguez comentou:

Sabia palabras, Marica. Así é. Coñezo unha morea de palabras que sentía na miña infancia e mocidade que non veñen no dicionario da RAG. Como se fose artellado desde unha oficina sen un traballo máis colectivo e ben organizado. Bo exemplo as palabras que pos, cío ou ciúme, coas que me leo cando escribo. Recorro sempre, polo xeral, ao que mellor estudou todo iso, Isaac Alonso Estraviz. Aí atopo, polo xeral o que non hai no outro dicionario. Honores, pois, ao Isaac, non recoñecido, precisamente pola oficialidade. País que temos.

[03-10-2019 10:23] Lois Diéguez comentou:

Sabias palabras, Marica. Ocórreme o mesmo co dicionario da RAG. Aparte de que está mal organizado, ignora unha cantidade de palabras, mesmo vivas, que só se entende se , máis que no traballo de campo, se fixo nunha oficina. Cío,, ciúmes... son bos exemplos. Eu teño recollidas moitas que sentía en Monforte na miña infancia ou mocidade, que non aparecen. E recorro sempre ao grande e nunca aceptado oficialmente, Isaac Alonso Estraviz. Honores a el e a quen traballan coa ciencia, mais tamén co corazón e o amor impagábel á nosa lingua.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña