21:10 Xoves, 12 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

27-09-2019

No 2014, os países da UE non tiveron máis remedio que agocharen a cabeza e aceitaren –moi relutantamente– o referendo sobre a independencia da Escocia

Sopra o vento da liberdade

Valorar (53)

ROBERT NEAL BAXTER


E os ventos cantan a liberdade
Cántana por toda parte
Cántana polas montañas
E polas prazas da cidades
Cantan do albor dun novo día
Cando o noso povo estiver libre
Xúntate ao seu canto de liberdade
Para que resoe de mar en mar


Canción de resistencia irlandesa (Tommy Makem)


O Manifesto do Partido Comunista de 1848 abre coas consabidas palabras: “Un espectro percorre a Europa – o espectro do Comunismo. Todas as potencias da vella Europa aliaranse para unha santa cruzada contra este espectro...”.  

Se ben persiste, innegabelmente, a loita de clases onde a única garantía da emancipación social das clases traballadoras reside na construción dunha sociedade socialista liderada por un partido comunista, os principios do século XIX e finais do XX tamén estiveron marcados por un outro espectro: as arelas de liberdade dos povos, auspiciadas pola desagregación do Imperio Austro-Húngaro após a Primeira Guerra Mundial, coa conseguinte consolidación da Polonia, da Hungría, da Romenia etc., como nacións-estado modernas formalmente independentes.  

Mais, as ansias da independencia non esmoreceren e comezaron de novo a varrer polo Vello Continente e máis alá, precipitadas, desta vez, pola queda da Unión Soviética. E non foi por acaso que o auto-proclamado ‘mundo libre’ –termo que algunhas persoas persisten en utilizar aínda hoxe para se referiren à ditadura do neoliberalismo que encerra o imperialismo dos EUA e os seus lacaios da OTAN– acolleu esta nova de brazos abertos. Para os estados-membros da UE foi motivo de xúbilo, xa que anunciaba a tan anhelada desagregación da URSS e do denominado ‘Bloco do Leste’ que tantos atrancos presentaba para o avanzo do capitalismo que representa o proxecto da UE, e permitíalle alargar a súa influencia como potencia imperialista mundial coa incorporación de 11 cobizados estados da Europa central e oriental: República Checa, Estonia, Hungría, Lituania, Letonia, Polonia, Eslovaquia, Eslovenia (2004); Romenia, Bulgaria (2007); e finalmente Croacia (2013).

En efeito, tan grande foi o entusiasmo dos estados-nacións europeus hexemónicos (Alemaña, España, Franza, Reino Unido...) por facilitaren a fragmentación das antigas repúblicas socialistas, que participaron con alacridade nas intervencións militares da OTAN levadas a cabo contra a República Federal da Iugoslavia: primeiro en 1995, en Bosnia e Hercegovina, e de novo, 4 anos despois –e sen contar co visto e prace preceptivo previo do Consello de Seguranza das Nacións Unidas–, na Provincia Autónoma de Kosovo e Metohija, o que levou finalmente à criazón da República de Kosovo, cualificada de estado fantoche. O saldo foi de uns 500 civís mortos provocados polos ataques aéreos da OTAN e moitas infraestruturas e edificios públicos destruídos... alén da fuxida, tras a retirada dos exército iugoslavo, de máis de 164 000 serbi@s e doutr@s 24 000 romanís  por temor a represalias.  

Así que, por se houber algunha dúbida, fica claro que, sob o pretexto de pular pola libertazón dos povos, a UE non escatima recursos –nen vidas humanas– con tal de derrocar o inimigo declarado do capitalismo, apesar de todas as lexítimas reticencias a respeito da natureza da URSS e das Repúblicas Socialistas após o XX Congreso do PCUS.  

Ora ben, a cousa é moi distanta cando se trata dos povos que viven asoballados dentro das fronteiras dos seus proprios estados-membros, en cuxo caso o entusiasmo da UE mingua notoriamente cando estes reclaman, à súa vez, a súa soberanía nacional.  

No 2014, os países da UE non tiveron máis remedio que agocharen a cabeza e aceitaren –moi relutantamente– o referendo sobre a independencia da Escocia, xa que fora consentido polo goberno central británico, aínda que si que influíron na campaña as dúbidas a respeito de se se ía permitir que o novo estado seguise sendo membro da Unión. Varios dirixentes –entre eles, como non podía ser menos, Mariano Raxoi– apresuráronse a aplaudir o resultado do Non e a se rexubilaren da permanencia da ‘unión’, moi probabelmente cos ollos postos nos seus proprios problemas nacionais internos. Fica por saber, alías, se acollerán con tanta ledicia un resultado contrario que, a todas luces, é o que se vai producir nun segundo referendo nun futuro non tan distante...  

No entanto, propiciada pola negativa do Estado español, a resposta por parte da UE frente ao referendo en Catalunya non podía ser máis diferente, e @s catalá/ns que tan inxenuamente confiaron no apoio da UE ficaron francamente defraudad@s ao veren como esta lles virou as costas e ficou de brazos cruzados ante as súas reclamacións: “A Comisión [Europea] estima que estes son tempos de unidade e estabilidade, non de división e fragmentación. Exhortamos todos os intervenientes involucrados a transitaren agora moi rapidamente do confronto para o diálogo. A violencia nunca pode ser unha ferramenta política. Temos confianza na lideranza do primeiro-ministro, Mariano Raxoi, para conducir este difícil proceso con pleno respeito á Constitución española e aos direitos fundamentais dos cidadáns nela consagrados.” E o Vice-presidente neerlandés da Comisión europea, Franz Timmermans, foi máis lonxe aínda ao declarar nun debate no plenario de Estrasburgo en relación ao referendo do 1 de outubro: “o deber de todo Goberno é manter o estado de dereito e, ás veces, isto require o uso proporcionado da violencia.” (Véxase o artigo de Jordi Solé Ferrando “Catalunya e a debilidade europea” no Terra e Tempo, n.º 179).

Mais os povos non se renden tan facilmente e non para de recrescer o vendaval das arelas de liberdade. Todo indica que o Brexit podería ser o desencadeador que conducirá ao esmorecemento do Reino Unido pois, para alén dun cada vez máis probábel segundo referendo na Escocia, en Gales, onde non existe unha tradición independentista, tamén surxiu recentemente YesCymru. Así mesmo, Tod@s Baixo a Mesma Bandeira (AUOB Cymru) convocou unha primeira marcha a prol da independencia na capital Caerdydd en 2019, seguida de moitas máis por todo o país, como a de Caernarfon que xuntou 8000 persoas este mesmo ano. Ademais, a cuestión espiñosa do famoso backstop (salvagarda) podería acabar coa división da Irlanda e o dominio inglés sobre os 6 Condados do norte do país. 

Son momentos convulsos que ameazan a estabilidade dunha Unión Europea cada vez máis direitizada e a hexemonía que exercen os estados-membros que a conforman. Neste cenario, Via Galega tamén defende o direito de autodeterminación da Galiza para que sexa dona de si neste novo futuro que se aviciña.


Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña