09:56 Venres, 13 de Decembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

23-09-2019

Padecemos unha política lingüística oficial que reforza a abulia, a acomodación, e anestesia a poboación conducíndoa á crenza de co que hai chega e sobra.

Hai que falar!!!

Valorar (41)

FRANCISCO RODRÍGUEZ SÁNCHEZ


Ás veces síntome  constrito pola falta de información e debate na sociedade galega sobre os distintos aspectos da realidade de Galiza que  nos debían preocupar e servir de indicadores para definir a nosa posición mesmo política. Velaí a causa de que, cando vexo ou leo algo que descubre o noso agochado ou axuda a comprender a nosa situación sen ambigüidade sinto unha grande satisfacción e agradecemento.  Foi o que sentín, por exemplo, perante as manifestacións que un profesor madrileño da UNED, Ramón Sainero, especialista en literatura anglo-irlandesa, en literatura gaélica ou irlandesa, como lle gusta subliñar, bo coñecedor do gaélico, lle fixo ao xornalista Ramón Loureiro, para La Voz de Galicia. 

Non vou aludir á súa confirmación de Galiza e Irlanda seren irmáns como nacións celtas ou a como desde Galiza se colonizaron as terras irlandesas, segundo se comproba na literatura e nas lendas en gaélico. Voume deter nas súas clarificadoras e elocuentes análises sobre a situación do gaélico ou lingua irlandesa na Irlanda, o seu presente e o seu futuro, así como as relacións que garda o seu uso coa actitude e as perspectivas da sociedade irlandesa no terreo do real, do que considera útil. Fareino así porque, malia non seren situacións homólogas, algunhas das  observacións do profesor Sainero son de utilidade para comprender o que nos está pasando a nós co noso idioma e a explicar as causas do seu retroceso e por onde cumpre incidir para intentar inverter a tendencia.

É verificábel que  o gaélico é un idioma non comprensíbel para un inglés (como o inglés para un gaélico que non o coñeza) e polo tanto non se poder producir unha interacción mantendo nun diálogo  o seu idioma respectivo por parte dos interlocutores.  Ao haber unha relación de dominio na propia sociedade irlandesa do inglés sobre o gaélico o resultado non foi un bilingüismo diglósico, foi unha redución drástica do gaélico nos lugares onde se falaba sempre e de forma maioritaria. Fican casos residuais de coñecedores e utentes do gaélico, que eles, si, saben falar, e desde logo entenden o inglés. Falando do noso país, podemos dicir que o dominio provocou unha situación social  moi xeneralizada de bilingüismo diglósico. Este bilingüismo diglósico significou tamén un progresivo deterioro da lingua propia, o galego, a cada paso máis españolizado, naturalizando mesmo a idea de non ser máis que algo para andar por casa, puramente coloquial, non merecente de coidado nin de normas nin de regras: a consideración dun vulgar patois cuxa lexitimidade viría exclusivamente dada polo criterio da fala que hai tal e como está. Porén, non acaba aquí o proceso, pois ten máis longo, por máis que sexa lento, alcance: o alarmante retroceso nos usos cuantitativos tamén que se evidencia en termos sociais e espaciais. Un proceso parecido ao do gaélico, coa diferenza de unha  persoa galegofalante consciente poder  entenderse,  a cada paso con máis sensación de estrañeza e como rara avis, cos seus interlocutores que tenden a se expresaren en español con total indiferenza fronte a un usuario da lingua do país. En todo caso, a única posibilidade de eles tamén mudaren, de o saberen facer, será se o idioma galego aparece, se alguén o introduce co seu uso. Nos últimos anos, ten medrado sensibelmente a poboación que xa non ten nin disposición, nin interese nin coñecemento sequera para contestar en galego a un interlocutor que o empregue.

É posíbel que a maioría  que foi inducida e conducida por un proceso social a unha penuria de tal calibre na lingua do país ou a unha ocultación tan absoluta, como moitas persoas que están nunha mutación similar, enredadas nun bilingüismo diglósico a cada paso máis descompensado e imposíbel, non tivesen unha especial animadversión, odio ou desprezo pola lingua do país. Mesmo pode ser que argumentasen coa leria de querérena moito, gustarlles e considerar que sempre terá falantes, que quedan moitos lugares onde se fala, que non vai desaparecer. O profesor Sainero lembra cunha frase taxativa que para unha lingua perdurar o que hai que facer é falala. E faino desta forma tan sinxelamente aseverativa precisamente por na Irlanda a maioría dicir que teñen un grande afecto polo gaélico, que lles encanta que exista a lingua celta, para de seguido realmente considerar que como non lles vai servir de nada aos seus fillos, prefiren que estuden outras cousas como informática. Non serven de nada os afectos, se non van acompañados de práctica, de usos. O que interesa non é dicir que se quere moito algo, alguén, unha nación, pobo ou cultura determinada, senón o que se fai de verdade.  Está claro que, no noso caso, os amores son en exceso de rango inferior, pois non parece discutíbel que a conciencia nacional é menor que na Irlanda e o coñecemento da nosa historia e patrimonio non digamos. Porén, subliñemos tamén que o que se fai por parte do poder político e institucional na Galiza non é nada que conduza a algures, real, práctico e de verdade en favor do galego. Aínda máis faise todo o posíbel por cavar máis fundo os prexuízos, limitacións, carencias e pura compensación na que, en moitas ocasións, a maioría social fica encarcerada respecto da súa lingua propia.

En todo caso, a dinámica da evolución lingüística indica un retroceso cuantitativo de falantes do galego de certa envergadura. Tamén un crecemento de usos cualitativos fundamentados, sobre todo, no esforzo dun sector social que ten dificultades para estes avances renderen o que deberan socialmente. Padecemos unha política lingüística oficial que reforza a abulia, a acomodación,  e  anestesia a poboación conducíndoa á crenza de co que hai chega e sobra: nela non vexo máis que un uso burocrático, escrito, deste idioma, na administración como se fose un esconxuro, un rito sen consecuencias...o que vai en serio, á hora da verdade deberá ser unxido polo español ou sometido a un combate con sufrimentos, esforzos e perigos que poden acabar por desanimar o máis convencido.  Mentres ninguén nin nada garante o dereito ao uso do galego, oralmente e por escrito, perante a administración e todos os servizos públicos, pois non se considera que exista tal deber para eles.

O galego non vai desaparecer (certo que se deteriora o seu corpo), porque ten un sector social que, mal que ben, mantén certa conciencia lingüística. Porén non pode seguir indefinidamente nun status de suposta oficialidade que non é tal e tampouco nunha  atmosfera social que, debendo acollelo e consideralo de verdade como lingua propia, prefire anestesiarse pensando que xa pode falalo quen queira e cando queira ou que outros se encargarán de mantelo, cando non pensando aínda que é unha rémora innecesaria que debe ser aniquilada. Permítaseme concluír cunha aseveración simplista, mais neste momento moi atinada: perante unha dinámica e situación así, o motor real da presenza viva do idioma é que apareza en toda parte, como uso oral...Iso é o que evidencia a súa existencia....O seu uso, e dentro dos seus usos, o  oral en toda parte e para todo dentro do noso país...Hai que falar!! Hai que falalo!!

[25-09-2019 18:19] Joám comentou:

Infelizmente a nossa língua vai morrendo na Galiza. Felizmente é maior o número de nacionalistas que consideram que debe haver um cámbio táctico na sua defesa.

Compre muita pedagogia sobre a norma histórica e internacional do galego. Dentro e fora das entidades nacionalistas. O meu próprio bisavô, membro das Irmandades da Fala e do movimiento galeguistas de principios de século redigia as suas obras em um galego que recolhia algumas das opções ortográficas etimológicas (noemadamente "g" e "j") fugindo das componendas "foneticistas" espanholeiras.

Temos este ano 2020 uma larga oportunidade para reivindicar a nossa norma internacional com motivo do ano do Professor Carvalho Calero. Devemos, como ele bem assinalara, "reitificar a história, porque a história pode ser reitificada". Compre asumir que o galego internacional é tambêm um instrumento útil para a comunicação além de ser nosso. A esta ideia até podem aderir pessoas que nem necessariamente optem no político polas forças soberanistas.

Neste sentido é valorável a iniciativa de convívio normativo proposta desde a Associação Galega da Língua. Unidade entre todos nós. Desputas fora !

A nossa língua tem uma enorme avantagem sobre o gaélico. É falada por mais de duzentos milhões de pessoas em cinco continentes.

Avante e parabens pola chamada de atenção.

[23-09-2019 20:43] Lourenzo comentou:

Concordo con D. Francisco: primeiro de todo compre falar en galego en Galiza. E concordo tamén co comentario de Pedro: a calidade do galego que empregan algúns representantes do nacionalismo galego (moitos do BNG!) é moi baixa. E iso é inaceptable. Abonda xa co noxento castrapo da rtvg.

[23-09-2019 19:36] Moine comentou:

Penso que se deveria de novo implementar cursos de galego polas associaçons políticas e também polas culturais; a maioria da gente nova que fala galego é neo-falante e com o galego recebido na escola nom avonda.

[23-09-2019 11:36] Pedro comentou:

Hai que falá-lo bem. Banir os castelhanismos, colocar bem os pronomes, etc. E o que é importante, que os/as dirigentes nacionalistas o falem bem, porque podo afirmar que nalgumhas ocasions sinto nojo ouvir falar alguns nacionalistas. E os nacionalistas temos que dar exemplo.

Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña