09:56 Sabado, 19 de Outubro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

20-09-2019

mateina porque non quixo ser miña; eu, o seu proprietario, dispoño da súa vida, da súa persoa; son deus executor dunha sentenza non escrita mais plenamente vigorante desde o inicio da humanidade

Tres mortas de morte matada

Valorar (34)

MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Mentres os partidos políticos españois gastan tempo, diñeiro e recursos en cultivárense a si mesmos e en cobraren do erario público, tres mulleres galegas morrían de morte matada.

Mentres se anuncian novas eleicións-farsa, que fan máis certa que nunca a sentenza lapidaria de Castelao: Hespaña non dá resolvido os seus pavorosos problemas, mais existe para impedir que nós resolvamos os nosos, tres mulleres galegas non volverán ver a luz do día.

Mentres a Galiza padece un mal sucedáneo de goberno, que só alza a voz suíñamente cando o partido gobernante en Madrid non coincide co seu, tres compatriotas eran matadas perante os seus fillos, netos, sobriños.

Mentres todos vesten, cando convén, o traxe do feminismo cosmético-paternalista, un individuo con forma humana liquida a vida de tres mulleres que lle foran próximas.

Mentres voceiros gobernamentais e políticos cualifican o feito como “aberración”, “lacra” ou, mesmo, “terrorismo”, este individuo, portador dun revólver  -formidábel substituto do falo-  asasina tres mulleres polo feito de séreno.

Mentres se acumulan leis, organismos, normativas e boas intencións moralizantes, a violencia radical contra as mulleres non só non se atenúa senón que aumenta exponencialmente.

Mentres as e os que seguimos neste mundo podemos facer todo tipo de comentarios de texto sobre a cuestión, tres mulleres endexamais poderán dar a súa versión, porque foron aniquiladas violentamente.

Mentres se suceden as protestas, o repudio e a indignación, tres mulleres tres non poderán cumprir os seus trinta, cuarenta ou sesenta anos.

Mentres este feito forma parte dun cómputo mortal que acumula vítimas, nada se toca dun sistema financeiro-mercantil-mediático que continúa a oferecer e facilitar a violencia multirrepartida: a reificación ou cousificación constante das mulleres, a exacerbación da súa dependencia, a utilización como man de obra infrapagada, a prostitución como grande negocio, o tráfico de mulleres en competencia co tráfico de armas e co narcotráfico, en infernal retesía por ocuparen a primacía do ranking mundial.

Mentres se siga conceptuando os crimes contra as mulleres como o tributo necesario desa violencia que non se quer afrontar nen moito menos desmontar, tres mulleres, tres máis, perderon a súa vida a mans do seu proprietario, arma en man, como castigo a seguiren vivendo sen permiso do seu posesor.

Mentres a morte selectiva mais constante de calquer outro colectivo ou grupo social provocaría decontado unha alarma xeneralizada, por racismo, sectarismo ou odio ao considerado diferente, as mortes de mulleres, polo feito de séreno, continúan incrementando unha listaxe arrepiante mais habitual.

Mentres asistimos a un despregamento de solidariedade moral por parte de homes civilizados ou sensíbeis, fica en pé a noción da muller como  Outra, como vítima de especial vulnerabilidade, non como igual.

Mentres se segue falando da educación formal como panacea, reina omnímoda a maleducación social e pública: a oferta persistente de alienación feminina, a exaltación do seu papel como obxectos vendíbeis-comprábeis, o cultivo da súa subordinación. Business is business: dogma intocábel.

A morte violenta é a acción irreversíbel por antonomasia, a apoteose da destrución. Ensombrece ou fai palidecer calquer declaración, calquer explicación. Imponse, co seu carácter definitivo, por riba de calquer aserto. Na nosa lingua, distinguimos entre morrer de morte morrida (a biolóxica, a derivada de deterioración, doenza ou idade) e morrer de morte matada, a que padeceron estas tres compatriotas. Nada hai máis brutalmente material que a realidade, escrebeu lapidariamente Rosalía de Castro. Tal cal. Encanto non houber represión directa daquelas formas todas de violencia latente ou patente a que aludimos; encanto non existir, por parte masculina, a noción e a denuncia activa de comportamentos duns seus conxéneres absolutamente mortíferos; encanto non se socaven as bases dun sistema que vive da explotación e da utilización vil de escravos, mulleres e nenos; encanto as mulleres non tomaren conciencia do seu ser e da necesidade da súa independencia; encanto o feminismo non escoller, anti-esencialistamente, entre apoiar unha maioría social feminina na procura da súa emancipación ou refuxiarse na razón globalizadora da bondade intrínseca de que todo vale en sendo muller... Encanto a tendencia social e pública non se modifique neste sentido, seguirán en pé os máis ancestrais resortes da especie: “La maté porque era mía”, co seu correlato indisociábel: mateina porque non quixo ser miña; eu, o seu proprietario, dispoño da súa vida, da súa persoa; son deus executor dunha sentenza non escrita mais plenamente vigorante desde o inicio da humanidade como tal.

Tres mulleres  -máis tres mulleres-  non o poderán contar. Non poderán darnos a súa versión. Non poderán asentir ou diverxer do que dicemos. Todo en orde. A vida continúa. O elefantiásico deus destrutor seguirá a engolir vítimas. A grave doenza social continuará a merecer paliativos-placebo.

Descansen en paz. Chamábanse Elena, Sandra e Alba. A primeira, emigrada por trinta anos en Suíza para que as súas fillas puidesen facer vida na Galiza. Non son tres números máis. Tiñan nome, vida, futuro. Tiñan.




Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.









Aniversario Moncho Reboiras 2017


© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña